7.10.11

Cultura: a revista "Cuadrante" dedica o seu último exemplar íntegro á vida e obra de Valle-Inclán

  • A publicación, realizada pola Fundación Valle Inclán e a Asociación de Amigos de Valle Inclán, é outra contribución aos estudos sobre o escritor de Vilanova de Arousa que tamén viviu e escribiu na Pobra do Caramiñal

Santiago, 7 de outubro de 2011.- O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, interveu esta mañá na presentación do número 22 da revista ‘Cuadrante’ realizada pola Fundación Valle Inclán e a Asociación de Amigos de Valle Inclán e que supón "unha valiosa contribución aos estudos sobre o escritor de Vilanova de Arousa". O director xeral amosou o compromiso da Xunta de Galicia “co máis universal dos nosos creadores” e lembrou as iniciativas levadas a cabo con motivo do 75 aniversario do pasamento de Valle Inclán como o “patrocinio do congreso que celebraremos do 25 ao 28 deste mes de outubro, organizado pola Cátedra Valle Inclán da Universidade de Santiago; a colaboración na exposición iconográfica sobre Valle Inclán no Museo de Pontevedra nas mesmas datas ou a firma do convenio coa propia Fundación”. Na nota de prensa non se menciona en ningún momento A Pobra do Caramiñal, aínda que nesta vila barbanzana hai un museo adicado á súa figura e agora mesmo unhas xornadas, que van pola súa XIII Edición, que se adican a louvar a súa figura.

Francisco López destacou nas súas verbas “a gran calidade da publicación” que hoxe presentaba a súa tirada número 22 e gabou o “longo labor” da Fundación e a Asociación Valle Inclán “en prol da figura e da obra do gran renovador da dramaturxia e da narrativa contemporánea”. Na opinión do director xeral, ambas entidades “realizaron esta fusión creativa de intereses e plasmaron nestas páxinas a súa capacidade común para abrir novos puntos de vista sobre un dos nosos clásicos máis destacados da literatura universal”.

O responsable da Dirección Xeral do Libro manifestou o seu apoio “ás iniciativas que conduzan a situar a Galicia no contexto mundial que se merece”. Deste xeito, Francisco López recordou a “inmensa nómina de autores de agora mesmo cunha magnífica saída ao panorama internacional” e lembrou, asemade, “aos mestres que construíron unha imaxe de Galicia como identidade nunha lingua distinta ao galego”. “Na nosa acción de goberno móvenos esa capacidade de integración de todos os elementos que nos representan”, concluíu.

Revista Cuadrante
A Revista Cuadrante leva editándose desde o mes de xaneiro do ano 2000. Neste primeiro número apareceron por primeira vez e de forma ordenada, unha serie de documentos como a partida de nacemento ou outros documentos significativos como o da chamada a filas, as cualificacións académicas ou a acta matrimonial entre outros, salientados e estudados en varios artigos.

A Asociación de Directores de Escena de España, na súa reunión do 3 de marzo de 2006, tomou la decisión de conceder a Medalla da A.D.E. á Revista Cuadrante, "pola súa tenaz e valiosa contribución aos estudos en torno a Valle Inclán, unha das figuras máis relevantes da literatura dramática contemporánea".

A Revista Cuadrante faise cunha tirada de 1.500 exemplares, que se distribúen entre os socios e subscritores, e envíase a 48 universidades españolas: Huelva, Almería, Málaga, Madrid, Navarra, Zaragoza, Lleida, León, Salamanca, Deusto ou a Universidade Pontificia de Comillas. Cuadrante tamén traspasou as nosas fronteiras, xa que reciben a publicación en Dublín (Trinity College), Polonia (Institute Iberoamericano), Alemaña (Instituto Iberoamericano de Berlín), Italia (Universitá degli Studi di Milano) e nos Estados Unidos, onde profesan gran interese pola revista, en Colorado (University of Colorado at Boulder), Pennsylvania (State University).

Relacionadas:


Madrid co Museo Valle-Inclán: novos grupos en outubro


Xornadas Valle-Inclán: imaxes da presentación e da exposición


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical