Camión levando balea a Porto
Testemuñas e un activista canadense que veu a Ribeira co que colaboramos miña nai, eu e os da caseta do carro de obras de Porto
"Agora resulta que o homenaxeado na praza de España non son dous traballadores, senón a Frinsa, a mesma que para moitos significa a especulación co traballo dos demais: compro barato e vendo despois máis caro. Por outra banda, unha actividade do máis honrada, pero non digna de louvanza e menos de dar como resultado un monumento con dous sufridos traballadores.
Vos preguntaredes que teño eu que ver como escultor e persoa: eu sufrín e vinme afectado. Primeiro diferenciaría a vella Frinsa da nova, ésta procura moitos postos de traballo, pero nas dúas sempre con Don Ramiro á fronte,
A principios dos oitenta estiven a colaborar coa Sociedade de Historia Natural de Galicia, primeiro mergullándome pola ría e despois tomando conciencia ecolóxica. Os primeiros compromisos nos que me vin embolicado pasaban por conseguir que entrásemos na moratoria da pesca das baleas. Por aquelas datas, Frinsa colaboraba ca empresa IBSA, a concesionaria da explotación de tan noxento negocio. En Frinsa almacenábase, conxelábase, cortábase en anacos, cualificábase a balea, para despois mandala a Xapón.
Eu colaborei de varios xeitos: un deles foi a protesta cunha balea inchable no peirao e unha pegada de carteis. O obxectivo era que tomásemos conciencia e as oficinas de Frinsa no mercado de Ribeira foron o destino ideal, polo que os mandamases desta empresa mandáronme o día seguinte un “”anónimo ameazador””, elixiron parte do cartel que o día anterior peguei eu mesmo, en el a imaxe moi gráfica dun arpoeiro disparando o arpón e meteume un pouco de medo, que agora non teño.
Por outra banda, tamén lle mandaba a información á Sociedade Galega de Historia Natural das toneladas que se carregaban no porto. Recordo moi ben un barco e concreto: chamábase SEKY-REX, un dos máis grandes que entraron no porto, de triste lembranza, pois un de nós chegou a caer na adega e case morre. Só neste, e segundo os membros da SHNG, carregouse a concesión anual de captura que tiña España, para un ano, pero nese verán carregáronse tres barcos máis e como detalle: a uns de nós rompéuselle un saco de graxa de balea, quedando logo ben sorprendidos, pois alí dentro había unha aleta caudal moi pequena dunha cría acabada de nacer..
Anos despois a Frinsa e Don Ramiro volvéronse cruzar na miña vida como para dar unha segunda volta de torca a vinganza: corría o ano 1988 e dous escultores de Ribeira eramos seleccionados pola Universidade de Verán Menéndez Pelayo, eu e Xoán Cabeza, para participar nunha importante exposición nas rúas da Coruña.
Naquel outono organizábanse unha das primeiras feiras de mostras “EXPOBARBANZA” , uns da Pobra encargados da organización souberon da miña presenza na devandita exposición e propuxéronme traela e poñela, abrindo o espazo, pero eu apuntei unha posible reforma sobre da peza que era un imán que apuntaba ó ceo, mudando a orientación a oeste, pois a expo estaba dedicada á emigración, detalle poético- simbólico. Só pedín, como eu xa estaba incorporado á Universidade de Salamanca, que se me pagase un billete para vir facer a modificación da escultura, e gratis. O último que souben foi por un telegrama dos organizadores: "NOM SEI QUE LLE FIXECHES A D. RAMIRO QUE SE NEGA EN ROTUNDO A TUA PRESENCIA E DA TUA ESCULTURA NA EXPOSICIÓN"
Por isto se me mandasen a min a realización da famosa escultura da praza de España, seguramente negariame e non a faría ou se cadra agocharía unha mensaxe con moita retranca. Retranca tan necesaria coma o ar que respiramos, como o pan que comemos. A culpa de todo isto tería que ver coa boa memoria que teño".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario