Teo Cardalda, ao móbil, vive agora na Mariña luguesa, logo de exiliarse de Vigo
A Pobra do Caramiñal, 25 de outubro de 2011.- O Salón Teatro de Santiago acolle mañá mércores 26 ás 21.00 horas o primeiro dos tres concertos que compoñen o ciclo Claves Líricas, no que Teo Cardalda e María Monsonís poñen música a 10 poemas de Valle-Inclán, en conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento. A entrada para asistir ao espectáculo é gratuíta previa recollida de localidades no despacho de billetes.
Claves Líricas é unha serie de tres concertos que terán lugar nas tres localidades galegas máis vinculadas á vida de Valle-Inclán como son, ademais de Santiago de Compostela, Vilanova de Arousa (xoves 27 no Salón de Actos da Confraría de Pescadores) e A Pobra do Caramiñal (venres 28 no Teatro Elma). O contido dos recitais é un adianto musical da obra teatral que, sobre a figura de Valle Inclán como poeta, prepara Teo Cardalda xunto á directora de escena británica Tamzin Towsend, o dramaturgo Ignacio García May e o actor galego Luis Zahera. O espectáculo, que se chamará Los Siete Pecados de Valle-Inclán, estrearase en Galicia en febreiro de 2012.
Banda de catro músicos
Durante os vindeiros tres días, e como parte do programa de actividades deseñado pola Consellería de Cultura e Turismo para recordar ao autor de Luces de Bohemia con motivo do 75 cabodano da súa morte, preséntanse en concerto parte dos textos musicados coa interpretación a cargo dunha pequena banda de catro músicos, da que forman parte Teo Cardalda (voz, piano e guitarra, percusión e programacións), María Monsonís (voz e percusión), Salva López (baixo e piano) e Yago Moncar (batería, teclados e percusión).
O programa dos concertos presenta un total de dez poemas musicados, en concreto, os titulados Rosa hiperbólica, Los pobres de Dios, Rosa gnóstica, Cantiga de vellas, Rosa vespertina, No digas de dolor, La rosa del reloj, Georgica, Rosa del caminante e Son de muiñeira, nunha escolma realizada por María Monsonís e publicada no libro tamén denominado Claves Líricas.
Esta iniciativa poético-musical de María Monsonís e Teo Cardalda (integrantes do dúo Cómplices) supón un punto e á parte na carreira dun dos grupos máis exitosos da música pop española dos 90. O texto entrelazado entre os poemas, tamén escrito por Cardalda, constitúe unha pequena pero intensa viaxe a través da personalidade rica, ambigua e fascinante do poeta como actor de se mesmo, bohemio, modernista e representante dunha das mellores épocas da poesía española dos séculos XIX e XX.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario