25.10.11

Ribeira: dous alpinistas locais diríxense á base do Everest en novembro por unha ruta alternativa

  • A expedición terá unha dobre misión, por un lado a aventura, e por outra, a axuda humanitaria
  • Colabora o Concello e varias firmas locais privadas


Ribeira, 25 de outubro de 2011.- Dous membros da Asociación Cultural e Deportiva Sálvora, José Antonio Sobrado Silva e Roi Fontaíña Martínez, afrontarán no mes de novembro unha expedición á cordilleira do Himalaia que ademais da súa vertente aventureira terá tamén un compoñente humanitario, ao doar diverso material escolar a orfanatos da zona. 

Os dous montañeiros déronse cita onte na Casa Consistorial para explicar os detalles da súa expedición, nun acto que contou tamén coa intervención dos concelleiros de Deportes e Turismo, Juan Luis Martínez e Anxo Orellán. A este respecto, cabe dicir que a iniciativa conta coa colaboración do Concello a través das dúas Áreas Municipais referidas e tamén a de Seguridade e Mobilidade Cidadá (esta última encabezada por Víctor Reiriz), que se prestaron a sufragar os gastos de equipamento en roupa e calzado para alta montaña. Tamén colaboran distintas entidades privadas. 

Aventura na base do Everest

A expedición consistirá nunha travesía de alta montaña na que os dous montañeiros, partindo da localidade de Lukla, percorrerán unha ruta “alternativa” que os levará ata a base do “Everest”, dende a que descenderán de regreso a Lukla pola vía tradicional de aproximación ao punto máis elevado do planeta. 

A ruta ascenderá  polo val do “Bothe Koshi” aproveitando as antigas vías que utilizaban as caravanas tibetanas de “Jaks” para atravesar o Himalaia, e que máis recentemente usaron os refuxados tibetanos para escapar da represión china. Ademais, dende a remota rexión fronteiriza co Tibet terán que atravesar dous dos pasos de montaña máis elevados da terra e o glaciar “Drongzba” para chegar ata a base do Everest. Dende alí, descenderán o val do “Dudhi Koshi” para regresar de novo a Lukla. Durante a travesía ascenderán dous picos de máis de 5500 metros. 

Cabe salientar que para chegar de Katmandú a Lukla terán que viaxar en avioneta ata o aeródromo “Tenzing-Hillary” de Lukla, que está considerado coma o máis perigoso do planeta e representa a única conexión posible dun medio de transporte coa rexión do Everest. 

Na travesía percorrerán en torno a 300 kilómetros que realizarán nun tempo de entre 15 e 20 días (dependendo do clima, o terreo, e a adaptación á altitude). A cota mínima ao principio do percorrido é de 2800 metros, e a máxima altitude será de 5700 metros. 

Esta aventura dará  comezo o día 1 de Novembro, que será cando partan de Vigo rumbo a Katmandú, e rematará, se todo sae ben, o vindeiro 29 de Novembro co seu regreso a Galicia dende Nova Delhi. 

Misión humanitaria

Ademais da expedición, os dous montañeiros levarán a cabo unha misión humanitaria en Katmandú, onde levarán material escolar a un orfanato xestionado por unha ONG española. Segundo referiu Sobrado Silva, o valor desta iniciativa non reside tanto na cantidade de material que poidan levar nesta viaxe a Nepal, como na posibilidade de abrir unha fiestra á colaboración naquel país, aproveitando a experiencia para amosar aos veciños de Ribeira a situación do país e ofrecerlles unha posibilidade de colaboración co mesmo. 

Ademais do Concello, colaboran varias empresas locais.  Quen o desexe poderá seguir esta viaxe en internet a través de facebook (riveiratrekaventura), barplaza.com, e na web do concello. Ademais, no blog www.riveiratrekaventura.blogspot.com, irase colgando ó seu regreso o diario de viaxe destes dous aventureiros con diverso material fotográfico e vídeos.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical