- Onte comunicou o Concello a adxudicación á empresa Obras y Viales de Galicia, que concorría con outras 33 a esta obra
- Para a vindeira semana está previsto o comezo das obras, que teñen como prazo de execución tres meses (entón, de cumprirse os prazos, deberían ter rematado a primeiros de xaneiro de 2012)
Ribeira, 7 de outubro de 2011.- O Concello informou de que, reunida a mesa de contratación, acordouse propoñer a adxudicación da obra de renovación da praza Uxío Novoneyra á empresa Obras y Viales de Galicia, S.L. Oviga, de entre as 34 empresas que se presentaron ao concurso público. Está previsto que na próxima semana dea comezo a actuación.
Cabe recordar que o prazo de realización da obra é de 3 meses e o orzamento base de licitación, de 299.553,16 euros.
Con 1.400 metros cadrados de superficie, a praza Uxío Novoneyra está situada no centro do casco urbano e constitúe unha das de máis actividade comercial do municipio, existindo grande número de establecementos comerciais e de hostalería. A actuación ten como obxecto mellorar esta zona comercial peonil, creando un espazo continuo que poida ser disfrutado polos cidadáns e garantindo ademais a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida.
A actuación prevista inclúe a demolición do pavimento, rampas e escaleiras existentes e a posterior reconstrución destes dous últimos elementos conforme ao disposto na Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
Impermeabilización
Unha das accións máis importantes das englobadas na obra de renovación é a da impermeabilización da superficie da praza. Isto terá lugar mediante a aplicación de impricación asfáltica a rodillo e colocación de dúas láminas impermeabilizantes.
O proxecto contempla tamén a instalación dunha rede de pluviais, a pavimentación con lousas rectangulares de pedra de granito silvestre de diversas tonalidades e a substitución dos puntos de luz existentes por lámpadas de 150 watios de VSAP.
Ademais vanse instalar diversos elementos de mobiliario urbano, como bancos, xardineiras ou papeleiras.
Cabe recordar que a praza está formada por dúas zonas independentes comunicadas entre si a través dun pasadizo. Unha primeira zona ten unha forma sensiblemente rectangular e pódese acceder á mesma dende as rúas Otero Pedrayo, Mariño de Rivera e do Frade. Este espazo está distribuído en dúas áreas situadas a diferentes alturas, unidas mediante unha escaleira e dúas tampas. A segunda das zonas é trapezoidal e pódese acceder dende Mariño de Rivera.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario