17.11.11

Porto do Son: visita preelectoral da superdelegada da Xunta para anunciar obras xa anunciadas

Oujo_docampo

  • En tan só oito días a Xunta "vende" dúas veces a construción do punto limpo pero segue sen dar datas de realización

  • A superdelegada da Xunta tamén avanzou obras que non se van acometer ata 2012

Porto do Son, 17 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá un primeiro encontro de traballo co alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, ao que lle confirmou que a Xunta de Galicia financiará a construción dun punto limpo na localidade. Semella, segundo a nota da Xunta, que o alcalde non cría o aprobado polo Consello da Xunta o pasado 10 de novembro, e que publicamos aquí.

Durante a súa estancia no municipio, a representante do Goberno galego na Coruña supervisou os terreos nos que se levantará a infraestrutura ambiental, localizados a medio camiño entre Portosín e Porto do Son, na zona chamada Agra de Bustelo, na antiga estrada de Cans, na parroquia de Nebra.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, realizará un investimento de máis de 296.000 euros para a dotación da nova instalación, disposta para que os cidadáns depositen nela os residuos que precisan dunha xestión específica polo seu tamaño ou pola súa composición, tales como pilas, fluorescentes, baterías, colchóns ou electrodomésticos, entre outros.

Os obxectivos da actuación son recuperar os materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe, evitar a vertedura incontrolada de entullos e separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o medio ambiente. Do Campo subliñou que a posta en funcionamento do servizo servirá tamén para aumentar a concienciación da poboación no tocante a acabar coa imaxe dos desperdicios acumulados nas zonas urbanas durante varios días ata que se procede á súa recollida, unha labor que polo de agora se leva a cabo un día ao mes.

A acción prevista na zona inclúe a disposición das instalacións xerais, casetas e almacéns, colectores e sinalización. Tamén se executará un peche da canteira, un peche perimetral e unha porta de acceso, así como a urbanización e o axardinamento do contorno.

“Co este compromiso de execución da infraestrutura, o Goberno galego responde á demanda dos veciños e veciñas de Porto do Son, á vez que se cumpren as esixencias comunitarias sobre a prevención da xeracións de residuos e o fomento da reutilización, a reciclaxe e a recuperación”, indicou a delegada territorial, que agradeceu ao alcalde a súa colaboración para sacar adiante o proxecto. En ningún momento se informa de cando se rematará e se poderá empregar esta nova instalación medioambiental.

Os traballos aparecen recollidos no Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos, aprobado este ano, no que se definen as estratexias na materia para a vixente década. O punto limpo de Porto do Son, que hai unha semana recibiu a aprobación do Consello da Xunta, será o terceiro dos que se licitará nos vindeiros meses na provincia da Coruña, xunto cos de Fene-Cabanas e o de Vila de Cruces. No que vai de lexislatura a consellería puxo en marcha tamén os das Somozas, Curtis, Melide, Sobrado dos Monxes e Negreira.

Arranxo da estrada AC-550, en 2012, como xa se anunciou por activa e por pasiva

A do punto limpo non será o único investimento que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas acometerá no municipio, pois está previsto que no primeiro semestre do ano próximo comecen as obras de mellora da estrada AC-550.

A representante do Executivo autonómico na provincia reafirmoulle ao alcalde o compromiso expresado nos últimos días polo conselleiro Agustín Hernández de reparar o firme desta vía no treito que une as localidades de Porto do Son e Noia. Trátase duns 25 quilómetros de estrada, para os que a Xunta achegará arredor de 1,5 millóns de euros.

Os traballos inclúen o arranxo do firme a través do fresado e reposición da capa de rodadura e a aplicación posterior dun microaglomerado en frío ao longo de todo o tramo de actuación. Ademais, acometerase a reposición das marcas viarias e a sinalización vertical.

Do Campo explicou, en evidente clave electoral, que a consignación desta partida nos Orzamentos autonómicos para 2012 demostra "o interese do Executivo galego por mellorar a rede viaria na comarca, de xeito que se proporcione aos usuarios unha forma de condución cómoda e segura". Coas obras previstas na AC-550 incrementarase a seguridade, reducindo en consecuencia os sinistros, e facilitaranse os desprazamentos, coa finalidade de favorecer un desenvolvemento económico e social que proporcione unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do entorno.

A visita da delegada ao municipio enmárcase na rolda de contactos iniciada desde a súa chegada ao cargo, cando se comprometeu a reunirse cos responsables municipais dos 94 concellos da provincia, co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades dos veciños e traballar intensamente na busca das solucións que permitan incrementar o benestar dos cidadáns.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical