A Xunta está a traballar na mellora do saneamento integral do concello rianxeiro
- Augas de Galicia está a estudar a ampliación do colector interceptor e a EDAR de Rianxo co fin de solucionar os problemas de infiltración, fallos nos bombeos ou verteduras industriais
- A redacción do plan de saneamento local da marxe dereita da ría de Arousa, nos Concellos de Boiro e Rianxo, está practicamente rematada, cun investimento de 730.574 euros
- A nova EDAR beneficiará a preto de 670 habitantes dos núcleos de Cabanas, A Igrexa, Meiquiz, Or, Raño, Rial, Palleiro e Pedreira
Rianxo, 29 de novembro de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presidiu hoxe a posta en servizo da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Leiro, no Concello de Rianxo. Na visita tamén estivo presente o alcalde de Rianxo, Adolfo Francisco Muíños Sánchez.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, cos impostos de todos os galegos, realizou unha achega económica de máis de 1,5 millóns de euros para a execución desta infraestrutura hidráulica no concello rianxeiro. Trátase dunha depuradora biolóxica de fangos activados mediante o sistema de aireación prolongada con eliminación de nitróxeno e fósforo, estabilización e deshidratación de fangos. Para o tratamento primario, esta infraestrutura conta con reixas para a retención de sólidos, desareador e desengraxador; para o tratamento biolóxico, tanque de aireación; e para a liña de fangos, sistema de bombeo.
A nova EDAR beneficiará a preto de 670 habitantes dos núcleos de Cabanas, A Igrexa, Meiquiz, Or, Raño, Rial, Palleiro e Pedreira.
Plan de saneamento local
Por outra parte, no que se refire ao plan de saneamento local elaborado por Augas de Galicia para a marxe norte da ría de Arousa, Agustín Hernández explicou que no caso concreto de Rianxo o diagnóstico realizado revela que o colector interceptor e a EDAR actual son insuficientes, xa que a partir do inventario detallado da rede de saneamento detectáronse múltiples problemáticas. Hai un exceso de auga na rede, debida á elevada infiltración, sobre todo no rural, e á entrada de augas pluviais. Tamén se constataron fallos no funcionamento dos bombeos e inventariáronse verteduras industriais con cargas elevadas tanto á rede como directamente ao medio receptor. Isto afecta ao rendemento da depuradora, e no medio receptor, as verteduras prodúcense preto de zonas de marisqueo tanto a pé como a flote.
A Xunta de Galicia, como solución aos problemas citados anteriormente, está a traballar en propostas encamiñadas á redución dos caudais que se reciben na rede de saneamento, así como na ampliación do colector interceptor e a EDAR. Concretamente estanse a estudar as seguintes actuacións:
• Ampliación do colector interceptor nun tramo de 1 km de lonxitude, con diámetros comprendidos entre os 800 e os 1.200 mm.
• Construción dun depósito de retención de aproximadamente 800 m3, ao que se lle dará saída mediante un novo bombeo, que actuará como bombeo de cabeceira da EDAR.
• Ampliación da capacidade de tratamento da EDAR, mediante o desdobramento da súa liña de tratamento actual, dotándoa dun novo pretratamento, dado o mal estado do actual.
• Redución do caudal que chega á rede, eliminando auga pluvial e caudal procedente de infiltración. Para iso será necesaria a construción de novos pozos de rexistro estancos, substitución de tramos de colector, e construción de novos colectores para augas fecais, destinando os existentes a pluviais e eliminando as acometidas de fecais que reciban.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario