30.12.11

Ribeira: unha conferencia do profesor Losada Carregal no conservatorio puxo fin ao Ano Cunqueiro

Cunqueiro_conserv_28_12_11

  • “As mil primaveras de Cunqueiro” floreceron no salón de actos do conservatorio municipal 

Ribeira, 30 de decembro de 2011: A Concelleira de Educación do Concello de Ribeira, Mari Carmen Vizcaya Sampedro, acompañada da Técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín, presentou o pasado día 28 de decembro a conferencia do profesor Santiago Losada Carregal, cadrando co peche do ano en que se conmemora o centenario do nacemento de D. Álvaro.

Esta tarde cunqueirá gozou ademais da colaboración dos profesores do Conservatorio Profesional de Música, Ángel Blanco Tomé, ao cello, e mais Luis Blanco Picos, ao piano, que abriron e pecharon o acto agasallando ao público cunhas pezas de inspiración tradicional. 

Actos celebrados polo centenario do bardo mindoniense

Ao longo deste 2011, en Ribeira, rendíuselle merecida homenaxe a Cunqueiro. O auditorio acolleu a posta en escena de Feirantes da compañía ArteEstudio, baseada nos Os outros feirantes do ano 79, e que lle valera o premio da Crítica Galega ao autor.  

Tamén no auditorio municipal, tivo lugar a estrea do filme Sinbad, baseado na obra Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961). Parte dos exteriores da película rodáranse na primavera deste 2011 nas parroquias de Palmeira e Corrubedo, o que provocou uns días de rebumbio case festivo ante a posibilidade da presenza de actores tan coñecidos como Xosé Olveira “Pico”, Sinbad; Luis Castro Zahera (aquel inesquecible “Petróleo”) ou Antonio Durán “Morris”.  

No concorrido Ateneo Valle-Inclán, os intelectuais Manel Loureiro, Manel Jabois, Rodrigo Cota e Uxío Novoneyra, fillo do poeta do Courel, puxeron en común o seu coñecemento sobre o escritor mindoniense. 

Acabou Ribeira este ano do Centenario de Cunqueiro coa conferencia do profesor Losada Carregal, “As mil primaveras de Cunqueiro”, que fixo florecer nos maxíns do público asistente a marabilla do seu mundo literario. A excelsa narrativa, o seu teatro, a poesía neotrobadoresca, tan coñecida grazas á voz de Amancio Prada, ou a gastronomía que estudou e describiu con tanto acerto que son xa parte do noso acervo cultural. Son parte de Galicia: a razón e os soños de Cunqueiro.

Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical