- Afecta entre o punto quilométrico 73+250 e o 103+500 e mellorarase o estado do firme
- A Xunta di que beneficia aos preto de 63.000 veciños dos concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira e Pobra do Caramiñal
Barbanza e Noia, 4 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitou onte por 1.347.821,84 euros as obras de rehabilitación do firme da estrada Cee-Ribeira (AC-550), ao longo de 30 quilómetros.
O obxectivo destas obras será mellorar as condicións de comodidade e seguridade da estrada mediante a reparación do firme, debido ao elevado desgaste do mesmo. As obras levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 73+250 e 103+500; coa fin do conseguir unha execución mais áxil dividíronse as actuacións en dous subtreitos: desde o PK 73+250 (Noia) ao 84+000 (intersección coa CP-7101 a Nebra), cun orzamento de 657.302 euros, e do PK 84+000 ao 103+500 (Ribeira), cun investimento de 690.519 euros.
A reposición da capa de rodadura permitirá mellorar as condicións de conservación do vial. A actuación complementarase coa reposición das marcas viarias horizontais e de sinais verticais.
A Xunta analizou o estado do pavimento en cada un dos treitos, e concluíuse que nas zonas de travesía a capa de rodadura atópase moi deteriorada, polo que non será posible selar o pavimento e será necesario realizar un fresado e eliminar a capa de rodadura de todo o carril de circulación, para posteriormente repoñer o firme eliminado estendendo unha nova capa de mestura bituminosa.
Fora das travesías, realizarase un fresado e reforzo do firme das zonas agretadas, e estenderase posteriormente un microaglomerado en frío para mellorar as características superficiais do firme. O fresado aplicarase en anchos mínimos de 1,5 metros para asegurar unha compactación óptima.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario