5.1.12

Rianxo: o Bng critica que Feijóo non protexa o legado de Castelao e, inda por enriba, faga desaparecer Cultura como consellería

  •   Ana Pontón: “A declaración da Xunta como BIC inmaterial é unha afrenta máis a Castelao, unha vulneración dun acordo parlamentar e unha fraude en toda regra ao conxunto da sociedade galega e á memoria de Castelao”
  •  
     

    Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2012.- O BNG denunciou hoxe "a fraude e lavado de cara do goberno de Feijoo ao declarar a obra de Castelao Ben de Interese Cultural (BIC) de carácter inmaterial xa que na práctica deixa sen protección a súa obra, e permite que se poida vender e espoliar”.  

    Así o aseguraron esta mañá en rolda de prensa o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Cultura no Parlamento Galego, Ana Pontón, que coincidiron en denunciar que a decisión do Consello da Xunta do pasado 23 de decembro “é unha mera fraude do Goberno da Xunta, xa que en nada o obriga”.  

    “O mesmo goberno que deixa sen protexer a obra de Castelao é o mesmo que se carga a Consellaría de Cultura”, advertiu Guillerme, quen tamén subliñou que “quen non cre en Galiza nin no seu idioma e cultura, tampouco cre no seu autogoberno e o goberno do PP demóstrao”.  

    E é que para o líder do BNG “preténdese reducir a Castelao a un personaxe sen contido, a non máis alá dun caricaturista e ocultando o seu pensamento político, que segue sendo un gran descoñecido para a maioría da sociedade galega”. 

    “A declaración da Xunta é unha fraude política e legal” 

    Pola súa parte, Ana Pontón, explicou que “a decisión do goberno da Xunta é unha fraude tanto no ámbito político como legal”.  

    Así, lembrou que o Parlamento de Galiza aprobou en 2010 unha iniciativa do BNG na que se pedía que se declarase BIC o conxunto da obra de Castelao.  

    Ana Pontón explicou que “o obxectivo que defendía a iniciativa do BNG é que a Xunta de Galiza tivese ao seu dispor as ferramentas legais para facer unha protección real da obra de Castelao, unha obra integrada por máis de 3.000 pezas gráficas e que hoxe atópase dispersa e mesmo en paradoiro descoñecido”. Ademais, lembrou que “unha parte está depositada en institucións públicas e outra en mans privadas, e non só está residenciada en Galiza, senón espallada polo mundo, tanto en América como en Nova Iorque, e mesmo en Moscú”.  

    Unha declaración testemuñal que non protexe a obra de Castelao 

    Porén, a deputada do BNG denunciou que a declaración como BIC que fixo a Xunta “é meramente testemuñal e para nada recolle o acordo parlamentar de 2010 pois ningunha das obras de Castelao vai estar materialmente protexida e a Xunta non vai ter nas súas mans ningunha ferramenta legal para impedir a venda, a destrución ou a venda deste patrimonio”.  

    Explicou que isto é  así porque a Lei de Patrimonio Cultural da Xunta contempla que cando se declara unha obra BIC establece que é preciso detallar cales son as obras obxecto de protección. Porén, Ana Pontón advertiu de que “na declaración da Xunta ningunha obra é obxecto de protección e simplemente se fai un resumo moi superficial dalgunhas das creacións literarias e artísticas de Castelao”.  

    A declaración da Xunta incumpre a lexislación 

    Ademais, afirmou que para o BNG “estamos ante unha declaración que é unha fraude de lei porque a Lei de Patrimonio Cultural vincula os bens inmateriais con bens etnográficos, nada a ver coa obra individual dun autor”. E igualmente lembrou que a UNESCO declara como bens inmateriais “todos aqueles que non teñan que ver coa obra dun autor”.  

    Intereses para favorecer a venda e espolio do patrimonio artístico das caixas galegas 

    Por iso, Ana Pontón preguntouse  se detrás desta decisión do goberno de Feijoo hai intereses espúreos, “porque o efecto desta decisión da Xunta é  que se vai incrementar o valor especulativo da obra de Castelao, e sen que haxa ningunha ferramenta para protexer este patrimonio común dos galegos”.  

    “Pero tamén cremos -advertiu- que detrás desta decisión está o desfalco do patrimonio artístico das caixas de aforro galegas”. E é que, segundo advertiu a deputada do BNG,  “unha parte importante -máis de 200 pezas- da obra de Castelao pertence á obra social de Novacaixagalicia e o PP e tamén o director de Novagalicia Banco xa anunciaron a intención de vender a obra artística da caixa ao banco”.  

    Por iso, advertiu que “se se fixese unha declaración como Ben de Interese Cultural de carácter material esta venda non se podería realizar sen antes a Xunta de Galiza exercer o seu dereito de tanteo, polo que detrás desta declaración, polo tanto tamén pode haber unha intención de espoliar o patrimonio artístico das caixas”.  

    Ana Pontón concluíu denunciando que “para o BNG detrás desta declaración é  unha afrenta máis a Castelao, unha vulneración dun acordo parlamentar e unha fraude en toda regra ao conxunto da sociedade galega e á  memoria de Castelao”.  

    Antes, en Certo:



    Media_httpfarm3static_mxhjm
    Casa de Castelao na rúa de Abaixo: un familiar do dono opinou para Certo sobre os intentos de expropiación. Aquí


    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    No hay comentarios:

    Twitter

    Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical