24.1.12

Ribeira: adxudicadas a adquisición da carpa provisional do novo mercado e o derrube do vello

Reunin_praceiros

  • A carpa vai ser colocada en febreiro na Praza de España e o traslado dos praceiros sería en marzo, en datas aproximadas
  • O Concello tamén informou da reunión sobre Educación no Eixo Atlántico que vai ter lugar mañá, 25 de xaneiro, e do peche, por derradeira ocasión, da rúa Cristóbal Colón dende hoxe martes 24


Ribeira, 22 de xaneiro de 2012.- O salón de sesións da Casa Consistorial de Riveira acolleu onte unha reunión entre o concelleiro de Consumo, Vicente Mariño de Bricio, e os vendedores que operan na praza de abastos, para poñer en coñecemento dos mesmos diferentes aspectos relacionados co seu próximo traslado temporal a unha carpa e proceder coa construción do novo mercado municipal.

A este respecto, Mariño de Bricio informou aos praceiros de que xa foi adxudicada con carácter provisional tanto a adquisición da carpa (está prevista a súa instalación en febreiro) como o derrubo do mercado actual. Así e logo, salvo causa imprevista, manteríase mediados de marzo como data para o traslado dos praceiros, unha vez se proceda coa instalación da carpa e o acondicionamento do seu interior.

Constitución en asociación

Outro dos puntos máis relevantes da reunión foi a proposta realizada polo edil de Consumo aos operarios do mercado para que se constitúan nunha asociación, ao entender que este sería o órgano máis adecuado para servir de interlocutor entre os praceiros coas administracións, outras entidades públicas e privadas e a sociedade en xeral. 

Vicente Mariño estivo acompañado dun técnico municipal especialista neste tipo de cuestións (Mario Vidal, da Área de Xuventude), quen lles explicou as vantaxes do asociacionismo e os trámites necesarios para constituírse en asociación. A proposta foi moi ben acollida polos praceiros presentes e non se descarta que en pouco tempo quede formalizada a súa creación. 

Outros aspectos nos que se incidiu durante a xuntanza tiveron que ver coa sinalética da carpa (tanto dentro como nas súas inmediacións), o uso de dispositivos para a compra con tarxeta ou o emprego de uniforme polos vendedores. A este último respecto incluso se chegou a presentar unha proposta de uniforme que recibiu o visto bo dos vendedores.

Peche da rúa Cristóbal Colón para asfaltado

 
O Concello informa de que, unha vez transcorrida a fin de semana, a partir de hoxe, martes 25, pola mañá, queda de novo pechada ao tráfico rodado a rúa Cristóbal Colón co obxecto de estender a segunda capa de aglomerado asfáltico.

Con este labor porase fin ás obras de renovación de servizos e pavimentación plantexadas para esta vía, situada nas inmediacións da igrexa parroquial de Santa Uxía.

Comisión de Educación do Eixo Atlántico

Media_httpfarm4static_ckzya

Un dos municipios que participa é Monforte de Lemos

A casa consistorial será escenario no día da mañá, mércores, dunha reunión da Comisión Delegada de Educación do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Con tal motivo desprazaranse ata Ribeira unha vintena de representantes de distintos concellos que forman parte desta entidade, concibida para afianzar as relacións de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal. Entre os municipios que confirmaron a súa presenza, figuran A Coruña, Carballo, Monforte, Ribeira, Santiago, Sarria, Vigo, Vilagarcía, Barcelos, Guimaraes, Viana do Castelo, Vila Real, Vila Nova de Famalicao e Matosinhos. O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, tamén estará presente no encontro xunto con Rita Fidalgo, responsable de Programas e Cooperación.

A comisión será  recibida no salón de plenos da Casa do Concello polo alcalde ás  10.30 horas para, acto seguido, trasladarse á sede do Círculo Mercantil, no que se desenvolverá o encontro para tratar asuntos relacionados coa próxima organización da terceira Mostra Musical do Eixo Atlántico en Vilagarcía.

Despois da reunión farán unha breve visita turística polos lugares máis salientables do municipio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical