- Tras A Coruña, Vigo, Burela e Celeiro
- Movéronse 22.000 toneladas e facturaron 35 millóns de euros
- Descenderon as descargas un 21'21% pero compensouse co incremento do prezo das especies comercializadas, que subiron case un 26% con respecto a 2010
Ribeira, 24 de xaneiro de 2012- A portavoz do Equipo de Goberno de Ribeira, Herminia Pouso, deu conta esta mañá dos datos da Lonxa Municipal correspondentes ao exercicio 2011, que foron analizados polos membros do Executivo na reunión semanal dos martes. Un ano máis, a Lonxa figura como a quinta de Galicia en volume de descargas e facturación, tan só por detrás dos grandes portos de A Coruña e Vigo, así como de Burela e Celeiro.
No porto ribeirense descargáronse un total de 22.065.127 kilos e a facturación alcanzada foi de 35.283.976 euros. Isto supón un descenso dun 21,21% no volume de descargas con respecto á anualidade anterior, mentres que a facturación descendeu un 0,79%. Por contra, o prezo medio foi de 1,60 euros, subindo un 25,98% en relación a 2010.
Con estes datos na man, Ribeira mantense como a quinta lonxa galega e un referente do sector no que atinxe á pesca de baixura.
Espectacular subida do polbo en prezo
Cabe destacar como principal especie en descargas a xarda pintada (tamén chamada Cabalón), con 6.800 toneladas e un valor económico de 7 millóns de €. A segunda especie en importancia foi o xurelo, chegando a 5.600 toneladas e 6,3 millóns de euros, seguida da sardiña (1.700 toneladas e 2,2 millóns de euros) e xarda (1.500 toneladas e 1,7 millóns de euros). En canto aos moluscos, a ameixa e o polbo descenderon significativamente en descargas (40.000 e 30.000 quilos menos, respectivamente): non así no prezo medio do polbo, que permitiu unha facturación de 3 millóns de euros, 1 millón máis ca no ano anterior.
Recorte do lirio
Entre as causas que orixinaron o descenso global en capturas, Herminia Pouso aludiu en primeiro lugar á redución da cuota do lirio nun 93% que decretara a UE e que mobilizara o ano pasado a flota riveirense e galega. Así, se no 2010 en Ribeira descargáronse 4.971 toneladas por un valor de 5,6 millóns de euros, o ano pasado unicamente se descargaron 679.936 kilos e se facturaron 638.499 euros. Outras causas que explican o descenso foron o esgotamento do TAC de xarda, a redución da cuota de pescada e a prohibición de captura de peixe espada, quenlla e marraxo.
Outras especies tradicionalmente caracterizadas por contar cunha presenza importante na lonxa tamén rexistraron baixadas notables: a pescada, que de 2.100 toneladas e 3,9 millóns de euros no 2010 descendeu a 1.125 toneladas e 2,3 millóns de euros; o xurel, que pasou de 6.341 toneladas e 6,1 millóns de euros a 5.653 toneladas e, afortunadamente, 6,5 millóns de euros (o prezo medio subiu de 0,97 a 1,17 €) e a xarda, que baixou de 3.493 toneladas e 2,1 millóns de euros ata 1.559 toneladas e 1,7 millóns de euros.
A voceira do Executivo salientou que se está a ultimar a posta en marcha do Consello Local de Pesca, ao que considerou máis necesario que nunca para salvagardar os intereses dos sectores pesqueiros e marisqueiros que traballan en Ribeira.
Canceira
Herminia Pouso tamén se referiu aos datos rexistrados pola canceira de Ribeira no 2001 e informou de que o servizo de lacería recolleu un total de 196 cans, dos cales unicamente 25 foron reclamados polos seus donos e outros 46 foron adoptados.
A edil informou de que o Equipo de Goberno ten intención de sacar a concurso este servizo e está a estudar as cláusulas a incluír no mesmo, aínda que dalgunha maneira se quere outorgar carácter preferencial a aquelas entidades que teñan convenios con sociedades protectoras de animais.
Ademais, vaise lanzar unha campaña de información e promoción do servizo asistida pola web municipal, onde se habilitará un apartado para dar cumprida información sobre os animais custodiados e os trámites para o seu rescate ou adopción. Outras actuacións previstas polo Concello son o acondicionamento do interior da canceira, a mellora da instalación eléctrica e a sinalización.
Actuacións canon saneamento
Por último, cabe destacar que o Equipo de Goberno deu o visto bo á unha habilitación de crédito para acometer cinco novas actuacións con cargo ao canon de saneamento cun valor superior aos 260.000 euros: a instalación de pluviais e renovación do saneamento na rúa Celeiráns (Aguiño) por un importe de 58.000 euros; a instalación de pluviais e pavimentación en Cubelo (Carreira, no entorno do colexio de Frións) por 48.000 euros, a renovación de servizos na rúa Alexandre Bóveda (Ribeira, no entorno da Comisaría) por 59.000 euros, a instalación de pluviais e construción de beirarrúas en Pé do Corniño (Carreira), por 43.000 euros; e a instalación de pluviais e renovación do saneamento nun tramo da rúa Mexilloeiro (Corrubedo) por 51.000 euros.Ribeira: adxudicadas a adquisición da carpa provisional do novo mercado e o derrube do vello post.ly/4xfM7
— Certo (@Certo) January 24, 2012
Ribeira: a ANPA do IES Leliadorua presiona á empresa de transporte Ferrín para que mellore o seu servizo post.ly/4xaPH
— Certo (@Certo) January 24, 2012
Ribeira: o martes 7 de febreiro, obradoiro sobre envellecemento activo no Liceo Marítimo post.ly/4xZ9P
— Certo (@Certo) January 24, 2012
Porto do Son: "Móllate polos humedais" terá lugar o xoves 2 de febreiro post.ly/4xXBs
— Certo (@Certo) January 24, 2012
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario