19.1.12

Sociedade: o Día Escolar pola Paz celébrase o luns 30 de xaneiro con diversos actos

  • O Seminario Galego de Educación para a Paz fai un chamamento ao profesorado para que se una a esta efeméride nas aulas e centros escolares
  • Hai materiais e recursos na web para engadirse á celebración, que colleu esta data polo asasinato de Gandhi
  • En Padrón haberá un acto na Horta da Paz da casa de Rosalía de Castro
  • En Santiago, na CdC, entrégaselle o Premio PortaPaz a Paul Ríos, voceiro de Lokarri, polo seu traballo a prol do cesamento da violencia en Euskadi

Media_httpfarm6static_eslqp

Barbanza-Noia, 19 de xaneiro de 2012. Como vén sendo habitual desde hai xa 26 anos (1985), o Seminario Galego de Educación para a Paz promove, nas aulas e na vida, a celebración do DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ, cada 30 de Xaneiro, data na que se lembra o cabodano do asasinato de Mahatma Gandhi. Unha efeméride que contemplan a maioría dos colexios e institutos de Galicia no seu Plan de Centro e arredor do que organizan actividades diversas adaptadas ás distintas idades do alumnado, así como actos colectivos de diverso tipo.
 
    Nesta ocasión, no 64 Aniversario da morte de Gandhi (1948-2012), o Seminario Galego de Educación para a Paz, por medio da súa web: www.sgep.org, ofrece a todo o profesorado, moi diversos materiais e recursos didácticos que poden baixarse de balde da rede e cos que preparar a citada celebración. Entre outros, por exemplo, un documento de José Tuvilla, en galego, titulado: A construción social e educativa da cidadanía: dereitos humanos e cultura de paz con distintas propostas didácticas; unha moi vistosa campaña denominada Paraugas pola Paz coa que o alumnado pinta e decora paraugas que logo expón ou colga por pasillos e corredores, realiza unha marcha, etc, con lemas e cores pacifistas; varias Unidades Didácticas sobre distintos contidos da educación para a paz como "Educar nos afectos, frear a violencia"; diferentes recursos e materiais sobre "Conflictividade e Convivencia Escolar"; ou unha reflexión teórica titulada "La educación, la cultura de la paz y los derechos humanos: El currículum de la noviolencia" elaborada polo Presidente do SGEP, Manuel Dios Diz.
 
    Ademais dos recursos citados, na web do Seminario, pódese acceder, tamén, a varios audiovisuais como "En son de Paz"; "Cultura de Paz" ou á curta de ficción "Por nada" sobre o ciberacoso.
 
    Por último, o Seminario Galego de Educación para a Paz, o propio día 30 de Xaneiro, luns, organiza dous actos relevantes, un pola mañán, ás 12:00 horas do mediodía, con alumnado da comarca padroesa, na Horta da Paz da Casa de Rosalía de Castro, e outro pola tarde, ás 19:00 horas, no Auditorio da Cidade da Cultura de Galicia, a Cerimonia de entrega do PREMIO PORTAPAZ 2011 a D. Paul Ríos, voceiro de Lokarri, Rede Cidadá polo Acordo, a Consulta e a Reconciliación de Euskadi, polo seu papel (e o da súa entidade) na organización da Conferencia de Paz de Aiete que dou paso ó final definitivo das accións armadas de ETA. Logo do Acto haberá unha CEA DE HOMENAXE co galardoado.
 
    O Programa do citado Acto é o que segue:
 
    19:00: Apertura Musical. Actuación de Loli Nogueira.
    19:15: Intervencións Institucionais.
19:30: Presentación dos Paraugas pola Paz por alumnado de distintos colexios e institutos.
    20:00: Entrega do Premio Portapaz 2011.
    20:15: Conferencia coloquio a cargo de D. Paul Ríos.
    21:00: Clausura Musical.
 
    A entrada será libre e gratuíta.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical