19.3.12

Noia: levarán ao Parlamento de Galicia a execución do saneamento de 1994

Proposici...pdf Download this file

  • O Bng considera necesario incoar expediente de esixencia de responsabilidades pola mala execución daquel saneamento integral
  • Defenderá a proposición non de lei a deputada nacionalista Tareixa Paz este vindeiro xoves 22 de marzo

Noia, 19 de marzo de 2012.-  Este xoves, 22 de marzo, a Comisión 2ª do Parlamento Galego, debaterá unha proposición non de lei promovida polo BNG que busca o inicio dun expediente de esixencia de responsabilidades, a quen corresponda, polas obras defectuosas do saneamento integral de Noia, contratadas no ano 1994 e executadas nos anos posteriores.


A iniciativa parlamentaria púxose en marcha a partir dun acordo adoptado polo Pleno do Concello de Noia en novembro de ano 2010, a instancias do grupo municipal do BNG, á vista da necesidade de refacer o colector xeral de marxe así como tamén a dunha serie de pozos de bombeo.


A constatación desas deficiencias veñen recollidas na descrición da situación actual da rede de colectores que fan os redactores do novo proxecto de saneamento, hoxe xa en execución: ”Na actualidade só está en funcionamento, e conectada á EDAR a conca que verte ao interceptor sur, desde a piscina municipal. En xeral o resto dos tramos do colector interceptor sofren distintas problemáticas, algunhas veces combinadas, que impiden o seu correcto funcionamento: tramos en contrapendente, infiltracións de auga salgada, mal estado do tubo, etc. Por outra parte e derivado en parte do estado do colector interceptor, o sistema de bombeos que se sitúa sobre este está fóra de servizo: bombeos da Chainza, río Traba, San Lázaro, e dique-Labarta, ao sur da EDAR; e do Río do Porto e Barquiña ao norte. Só se atopa en funcionamento o bombeo previo á EDAR situado no Cruceiro de Barro”.

Máis adiante afirman: o estado xeral do colector-interceptor e do seu sistema de bombeos é inaceptable: só un tramo parcial do colector-interceptor atópase en funcionamento na actualidade (o que se desenvolve por gravidade, ata o bombeo previo á EDAR, desde a piscina municipal) , e mesmo este tramo presenta problemas xeométricos relevantes, que aconsellan a súa remodelación, establecendo como obxectivos do proxecto  reconstruír o colector interceptor xeral de forma completa, tanto as conducións, como o sistema de bombeos, e alivios, de forma que se deriven as augas en tempo seco cara á EDAR municipal”.

Logo de que o acordo municipal dirixido ao Organismo Autónomo Augas de Galicia, caese en saco roto, a proposición non de lei busca, baixo o argumento de que existindo base para reclamar por unha obra defectuosamente executada a Xunta eluda a cuestión, instar ao Goberno Galego á incoación dun expediente destinado a esixir responsabilidades –a quen determine- polos vicios ocultos na execución das obras do colector de marxe e pozos de bombeo do saneamento integral contratadas no ano 1994.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical