- Consideran os socialistas que se está a discriminar ao municipio dentro da planificación de servizos públicos da Xunta de Galicia
- O Portavoz da Área Institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage Tuñas, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na Pobra do Caramiñal xunto á voceira socialista Teresa García, para presentar unha proposición non de lei do Grupo Socialista no parlamento coa que se pretende correxir “a discriminación da Pobra do Caramiñal ao deixar fóra a este concello na clasificación de subcabeceiras do sistema urbano intermedio de Galicia”.
- “O PP terá que explicar cal é o motivo polo que relegaron á Pobra do Caramiñal, xa que por servizos, poboación e ubicación debería ter a consideración de subcabeceira e coa norma aprobada en febreiro de 2011 desaparece do mapa de servizos da comunidade autónoma a medio e longo prazo”, explican.
A Pobra, 19 de marzo de 2012. -Segundo o Psoe, "as directrices de ordenación do territorio son un instrumento básico de planificación e nese contexto é onde se pretende consolidar unha rede de vilas e de pequenas cidades capaces de dotar dunha adecuada base urbana e de servizos ao conxunto do territorio galego e aí é onde A Pobra do Caramiñal se ve completamente relegada”. Así o explicaba esta mañá o deputado socialista José Manuel Lage, quen asegura que a normativa aprobada polo goberno galego "esquece á Pobra do Caramiñal como concello e déixao relegado e nunha posición completamente secundaria afastada da súa relevancia no plano territorial e económico”.
Tamén asegura o parlamentario socialista que "houbo moito oscurantismo na definición das cabeceiras e subcabeceiras do sistema urbano intermedio, non se lle dou información á poboación e os dirixentes dalgúns concellos, como no caso da Pobra, preferiron tapar os ollos e non enfrontarse cos seus xefes políticos, que son os mesmos que dirixen a Xunta de Galicia”. Para Lage, "neste caso vese que preferiron deixar ao seu concello, A Pobra do Caramiñal, relegado e non defenderon os seus intereses e o dos seus veciños, senón que se plegaron á proposta do PP de Galicia sen rechistar”.
O Psoe da Pobra presentará unha moción ao respecto no vindeiro pleno.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario