- Augas de Galicia incide na necesidade de realizar un mellor mantemento da rede e investir nunha nova depuradora así como a reparación do actual emisario de Touro e a separación do caudal industrial do polígono de Xarás
- Na actualidade o bombeo industrial está rematado, a reparación do emisario de Touro está próxima a ser adxudicada e o estudo de alternativas da EDAR está pasando a tramitación ambiental e prevese licitar neste ano
- A nova depuradora dará servizo a unha poboación aproximada de 36.000 habitantes, tratando as residuais de Ribeira, Aguiño, Ameixida, Revolta e Castiñeiras, utilizando unha avanzada e eficaz tecnoloxía
- A Xunta está a executar colectores Xerais e EDAR de Corrubedo cun investimento de máis de 5 millóns de euros
Ribeira, 26 de marzo de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do anteproxecto de construción da estación depuradora de Ribeira. Como reiteramos noutras noticias semellantes, é ben pouco ético que a mesma consellería que fai unha obra -Infraestruturas- informe sobre o seu impacto ambiental -Medio Ambiente-, por moito que lle pida os estudos a consultoras, en teoría, "independentes".
Augas de Galicia considerou necesario definir unha actuación integral que tivese en conta o funcionamento actual e futuro das redes existentes e os procesos de depuración, así como a súa influencia na ría de Arousa. Para esta tarefa priorizouse, dentro do “Plan Sectorial de Saneamento Local da Ría de Arousa”, a redacción da planificación correspondente ao concello de Ribeira que se presentou en setembro do ano pasado. Con este proxecto preténdese resolver a situación de saneamento da costa interior do concello, onde viven cerca de 30.000 persoas, e que presenta grandes deficiencias. Actualmente, as augas residuais dos núcleos de Ribeira, Aguiño, Castiñeira, Ameixida e Revolta, verten na punta de Touro cunha escasa depuración a través dun emisario submarino en mal estado.
As conclusións desta planificación resúmense na necesidade de realizar un mellor mantemento da rede e investir nunha nova estación depuradora así como a reparación do actual emisario de Touro e a separación do caudal industrial do polígono de Xarás.
A execución desta planificación é prioritaria para a Xunta de Galicia polo impacto positivo que terá para a ría e o avance que supón no cumprimento da directiva europea. E por isto que o bombeo industrial, que separa as augas do polígono industrias de Xarás, foi rematado pola Xunta de Galicia xa a finais do ano pasado, a reparación do emisario de Touro está próxima a ser adxudicada (foi licitada en xaneiro de 2012) e o estudo de alternativas da EDAR está pasando a tramitación ambiental e prevese licitar no verán deste ano. En total estas actuacións sumadas aos custos de redacción dos plans e proxectos previos necesarios supoñen un investimento de máis de 23 millóns de euros.
Características técnicas da nova EDAR de Ribeira
A nova estación depuradora de augas residuais de Ribeira dará servizo a unha poboación aproximada de 36.000 habitantes. Deseñarase para tratar un caudal medio de 93 l/s que supón 8.035,20 m3/día e poderá depurar puntas de ata 279 l/s.
A EDAR depurará as augas residuais do núcleo urbano de Ribeira, a poboación de Aguiño e as localidades de Ameixida, Revolta e Castiñeiras, utilizando unha avanzada e eficaz tecnoloxía.
En cada unha das dúas liñas de auga previstas existirán 5 procesos. Nunha primeira estación realizarase o desbaste de grosos mediante tamices autolimpadores de 3 mm de paso. Posteriormente, nun tanque rectangular de 72 m3 de capacidade, con ponte areeiro e barreira de graxas, efectuarase o desareado e desengraxado. Rematado este pretratamento, as augas residuais recibirán o tratamento biolóxico, baseado na tecnoloxía de fangos activos de aireación prolongada para utilizará un tanque de 4.500 m3 de capacidade. Unha posterior decantación secundaria que se realizara nun decantador circular de 25 m de diámetro e 1.644 m3 de capacidade permitirá eliminar os fangos xerados polo proceso biolóxico.
A existencia de dúas liñas de auga garante a depuración en caso de fallo ou parada de mantemento de algunha de elas, xa que serán independentes e funcionarán en paralelo. No caso pouco probable dunha avaría nas dúas liñas de auga ao mesmo tempo, o sistema estará preparado para deter os bombeos que achegan a auga á planta, derivando as residuais cara ao emisario submarino de Touro, que é o utilizado na actualidade.
A planta depuradora incorporará tamén una liña de fangos na que se levarán a cabo os proceso de espesado, nun tanque estático con emparrillado xiratorio e 273 m3 de capacidade, e de deshidratación, en dúas unidades centrífugas cunha capacidade de 10 m3/h cada unha. Finalmente para evitar olores levarase a cabo unha desodorización por medio dun filtro con soporte vexetal que terá unha capacidade de tratamento de 7.500 m3/h.
Actuacións complementarias
A Xunta está levando a cabo, paralelamente as anteriores obras contempladas no “Plan Sectorial de Saneamento Local da Ría de Arousa”, o saneamento e depuración dos núcleos que verten ao mar aberto na zona de Corrubedo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas executa alí o proxecto de colectores xerais e EDAR de Corrubedo cun investimento de máis de 5 millóns de euros.
Antes, en Certo:
Saneamento: Sagres, contra a depuradora en Couso
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario