29.4.12

Ribeira: mercarán un vehículo con fins sociais e axilizarán microcréditos para pequenos emprendedores


 

 Ribeira, 29 de abril de 2012.- O Concello informa de que a Concellería de Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo ten intención de emprender un novo proxecto consistente na dotación desta Área Municipal cun novo vehículo de 9 prazas co obxecto de ser empregado como medio de transporte con propósitos sociais. O financiamento deste vehículo tería lugar mediante a venda de módulos publicitarios entre as empresas e entidades que quixeran prestar a súa colaboración.

De cara a xestionar a adquisición deste medio de transporte, o Departamento que dirixe edil Vicente Mariño de Bricio chegou a un acordo coa empresa Vehículos Sociales Móviles, S.L. (cuxo apoderado comercial é Segundo López López) a efectos de que esta última se encargue de realizar as oportunas xestións e recabar a colaboración de empresas e entidades. Un representante da citada firma visitará a partir da próxima semana distintos establecementos a fin de explicar en detalle como se pode cooperar e procurar que cristalice o proxecto.

Convenio para conceder microcréditos a pequenos emprendedores

  Entre os asuntos que serán sometidos á consideración da Corporación no próximo pleno ordinario previsto para o día 2 de maio (ás 20 horas) figura a aprobación dun convenio marco de colaboración promovido polo Concello de Ribeira co obxecto de facilitar que os pequenos emprendedores do municipio teñan acceso a microcréditos concedidos por entidades financeiras.

O Concello adoptou esta iniciativa na conciencia da necesidade de mellorar o financiamento e a promoción das microempresas e o fomento do emprego autónomo a través de microcréditos, como medio para favorecer a creación e consolidación de emprego e facilitar soporte aos proxectos empresariais viables.

Con tal motivo, o obxecto do convenio é establecer unha liña de financiamento dirixida a unha dobre intención:

-         Potenciar o autoemprego e incentivar a actividade emprendedora favorecendo a igualdade de oportunidades de homes e mulleres, novos residentes, persoas con discapacidades e con especial atención as colectivos vulnerables en situación de exclusión financeira.
 

-         Financiar o establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas, negocios de autónomos e proxectos de autoemprego con el obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo, a creación e consolidación de emprego e a contribución ao progreso social.


En virtude do convenio, o Concello comprométese a detectar as necesidades de financiamento das microempresas e negocios de autónomos, facilitar servizos de apoio e asesoramento empresarial, analizar a viabilidade de cada proxecto presentado e dirixir ás persoas físicas e xurídicas asesoradas a aquela entidade ou entidades financeiros que subscriban o acordo.

Pola súa parte, as entidades financeiras que se adhiran a este convenio comprometeranse a crear a liña de financiamento en cuestión, estudar as solicitudes que se presenten e informar á Deputación sobre os microcréditos formalizados.


Rematan obras de rúa Cervantes en Bandourrío


 O Concello informou tamén da finalización da actuación dirixida á pavimentación e renovación de servizos de abastecemento de auga potable, saneamento e pluviais na rúa Cervantes e o seu entorno, no antigo barrio riveirense de Bandourrío. Xa se procedeu á recepción da obra, que foi executada pola empresa Construcciones Jenaro Cadaval, S.L.

Hai que recordar que a actuación tivo un importe de 168.120,16 euros. En canto ás accións realizadas:

  •   No que se refire ao abastecemento de auga, suplantáronse as tubaxes existentes por outras de polietileno de alta densidade tanto na rúa Cervantes como nunha vía adxacente.
  • Polo que respecta ao saneamento de residuos fecais, colocouse un colector de PVC de 315 milímetros de diámetro nas rúas adxacentes á Cervantes e nesta última  instalouse un tubaxe tamén de PVC pero de 400 milímetros.
  • En canto ao saneamento de pluviais, dispúxose dun colector de PVC de 400 milímetros de diámetro que conduciu a auga ata a rede existente na rúa Manzanares. Nas rúas adxacentes instalouse un colector de 315 milímetros.
Ademais, a zona de actuación foi obxecto dunha nova pavimentación combinando adoquín de granito con lousas de granito abuxardado cunhas dimensións de 60 x 40 x 8 centímetros, proporcionando un acabado de pedra acorde cunha vía que está situada nun dos barrios orixinais de Ribeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical