29.4.12

Ribeira: o Bng alerta sobre a necesidade de depuradora para o polígono de Xarás

Media_httpfarm5static_owjnu

Na zona de Xarás tamén hai vivendas protexidas, ademais de empresas

Ribeira, 29 de abril de 2012. O responsable local e o portavoz municipal do BNG de Ribeira explicou esta semana en rolda de prensa a presentación da alegación do BNG á Estación Depuradora de Residuos de Ribeira.

"É unha vella demanda do BNG, e para nós algo prioritario, que Ribeira conte co necesario saneamento integral das súas augas residuais. Augas de Galicia non ten previsto facer a depuradora para os residuos do Polígono de Xarás. A pesares de recoñecer e saber que teñen unha alta carga contaminante e que son, polo menos, a metade das augas residuais do concello de Ribeira", argumentan os nacionalistas ribeirenses.

"A solución que se ofrece é levalas por separado ó emisario do Touro e botalas directamente a ria sen depurar. Lembremos que na actualidade o emisario está roto e contamina zonas de marisqueo e baño. O BNG considera que pretender depurar só as augas residuais urbanas, deixando sen depurar as augas industriais, dista moito de ser unha depuración integral e tamén unha solución racional dos vertidos neste concello", continúa o Bng. 

Desde o BNG demandan do alcalde e do seu equipo de goberno que "antepoñan os intereses dos cidadáns de Ribeira ós do seu partido e esixan ante a Xunta de Galicia e a Consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente, como fai o BNG na súa Alegación, que a depuración das augas residuais se faga con todas as garantías e que se respecte o acordo acadado por unanimidade de todos os grupos  (PP, BNG, PSOE, IPdR) polo Pleno do Concello de Ribeira do día 30 de Xullo do 2007, que incluía entre outros puntos,” que se solicite da Xunta de Galicia unha depuradora específica para o Polígono Industrial de Xarás”, xa que é a expresión da vontade de toda a cidadanía de Ribeira".

Demandan tamén o cumprimento do compromiso tal como se recolle na acta do dia 25-03-2010: “O Sr. Alcalde asegura que a solución dos vertidos urbanos irá de forma paralela á solución e confirmación da depuración industrial”

"Se todos os Grupos Municipais fomos capaces de chegar a este acordo de mínimos, non se entendería agora posturas contrarias por parte do goberno local e autonómico. Consideramos que Ribeira ten unhas enormes potencialidades tanto no ámbito dos sectores vencellados ao mar, á industria e ao turismo e que a vía de desenvolvemento económico ten que asentarse en converter eses sectores en punta de lanza para crear emprego. A vertedura directa ó mar sen depurar non contribúe a iso", rematan Vicente Paz e Xosé Antonio Vázquez.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical