15.5.12

Política: novo remendo administrativo da Deputación para non facer fusións de concellos

  • O presidente da Deputación, un ente obsoleto e caciquil que os partidos se negan a extinguir, explicou esta mañá as características do convenio marco que regulará a creación das denominadas Comunidades Intermunicipais de Servizos Públicos Consorciados (CISPC, outro cisco de siglas)
  • A Deputación da Coruña presenta, disque, "un novo instrumento para fomentar a cooperación entre os concellos da provincia"
  • Os primeiros concellos que se sumarán a esta iniciativa serán os nove que formaron os consorcios de Val do Ulla (Boqueixón, Touro e Vedra), Terras de Iria (Padrón, Rois e Dodro) e A Montaña (Curtis, Vilasantar e Sobrado)

Barbanza-Noia, 15 de maio de 2012. O caso é non disolver as deputacións e buscarlle algo que facer e as xustifique: o presidente da coruñesa, Diego Calvo, presentou esta mañá o borrador do convenio marco que, aprobado no último Pleno cos votos favorables do PSOE e publicado hoxe no BOP, guiará e regulará a creación e o funcionamento das novas Comunidades Intermunicipais de Servizos Consorciados. Logo do fracaso da comarcalización feita polo PP, que creou unha administración paralela despilfarradora e inútil, parece ser agora éste o novo remendo argallado para que non se alporicen os concellos coas tan temidas fusións. Unha receita que non parece ser orixinal, pois aseméllase tremendamente ás tamén fallidas -salvo honrosas excepcións, como a de Serra do Barbanza para tratar o lixo- mancomunidades.

Para explicar a razón desta nova figura creada desde o organismo provincial, Calvo falou de que se trata de dar saída a “un novo espazo, unha nova fórmula de cooperación entre os concellos que non existía ata agora”. Fixo especial fincapé na importancia da súa creación porque “adáptase á nova situación socioeconómica da provincia e non supón a creación dunha nova entidade local, xa que carece de entidade xurídica propia e non complicará o mapa administrativo e xeográfico actual”. 

Máximo de cinco concellos, cunha media de 25.000 habitantes

En principio o convenio marco está pensado para un máximo de cinco concellos e unha media de 25.000 habitantes como cifras orientativas, o que para o presidente provincial deixa claro que “estamos a falar de medianos e pequenos concellos, que son os que peor o están pasando agora”. Outro motivo para propor estas cifras é que “segundo os estudos feitos desde a Deputación, son as máis axeitadas para o bo funcionamento das novas comunidades que se creen”. 

Ningún cargo remunerado, disque, e plenos cada tres meses

Aínda que o texto estará a exposición pública durante os próximos 30 días, susceptible de cambios dependendo das alegacións que se presenten, Calvo adiantou como será a súa estrutura, que a formarán dous representantes de cada concello e dous representantes da Deputación. Ningún destes cargos será remunerado, e en principio a previsión é que se convoque un pleno cada tres meses. Suponse que a asistencia a eses plenos terá un custe en dietas, aínda que non se matizou.

“A intención, en definitiva, é darlles aos concellos un instrumento, unha ferramenta útil para que poidan compartir servizos que, a día de hoxe, me atrevo a dicir que é o que queren os 94 alcaldes dos concellos da provincia: reducir gastos para poder prestar un mellor servizo aos cidadáns”, continuou Calvo.

Engadiu que estas novas comunidades funcionarán “baixo a tutela da Deputación provincial”, que porá a súa disposición todos os medios humanos e técnicos necesarios e adiantou que, unha vez aprobado definitivamente polo Pleno, previsiblemente no mes de xuño, serán os concellos dos tres consorcios formados pola Deputación os que inaugurarán este novo convenio marco.

Malabarismos dialécticos para dicir que non dan fusionado concellos

De xeito especial resaltou Calvo que se trata "dunha organización horizontal, creada entre iguais, que non é un ente supramunicipal e que está orientado a crear un vínculo entre os concellos que o desexen”. Logo de vender a fusión -anunciada por sorpresa e sen consensuar cos veciños nin lles preguntar nada, en plan despotismo ilustrado- de Oza dos Ríos e Cesuras como un incrible avance, vese que se parou todo e que aquel parto dos montes non vai valer para moito. A maioría dos expertos coincide en que as fusións de concellos, debido aos localismos sobre todo, ou se fai por decreto de Madrid ou é un proceso que podería tomar décadas, máis incluso que unha típica concentración parcelaria galega. 

A grande vantaxe desta nova ferramenta, insiste Calvo, "é a súa falta de rixidez, xa que permitirá engadir todo tipo de colaboracións posteriores a medida que as comunidades o consideren necesario. En resumen, nós estamos a ofrecer a ferramenta en xeral, e cada comunidade poderá despois personalizala segundo as súas necesidades”, explicou o presidente provincial, que engadiu que “non hai unha carteira pechada de servizos a consorciar, iso dependerá do que queira e precise cada concello no seu momento”.

Fito histórico o día de hoxe, disque

Para rematar, Diego Calvo apuntou que “isto é un paso máis do que vimos predicando desde esta Deputación desde hai tempo, que é necesario unirse para lograr unha maior eficiencia, calidade e eficacia na xestión”, e concluíu dicindo que “o día de hoxe marcará un antes e un despois no mapa administrativo de Galicia, xa que estamos creando unha figura totalmente nova e que estou seguro de que terá moito recorrido”.

Relacionadas:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical