Xunta e Deputación están a empregar como cebo das fusións e consorcios de concellos garderías e outros servizos
Para o Bng, "a creación dun novo instrumento de colaboración entre administracións locais é totalmente innecesario, posto que na lexislación actual existen xa entidades e formas legais, como as áreas metropolitanas, mancomunidades ou consorcios, que permiten que os concellos poidan desenvolver actuacións en conxunto e compartir servizos, de acordo co establecido na actual Lei de Administración Local de Galiza, cando dispón que as competencias municipais poderán ser exercidas polas áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios, ou consorcios locais nos supostos e cos requisitos establecidos pola citada Lei, e sempre logo da delegación da entidade local mediante acordo corporativo".
Na proposta aprobada inicialmente outórgaselle un papel á Deputación "que excede das súas competencias e intereses", aseguran os nacionalistas do Bng. O propio Presidente da Corporación Provincial ten declarado que estas novas comunidades funcionarían “baixo a tutela da Deputación Provincial”. "Non nos cansaremos de repetir que os concellos teñen plena capacidade de autoorganizarse, e non precisan de tutelaxe política ningunha. Mesmo a Constitución Española de 1978 garante a autonomía dos concellos, así como o disfrute de persoalidade xurídica plena", argumentan no Bng.
Reforma financieira do que recadan os concellos
Nas alegacións presentadas solicítase a suspensión da tramitación do expediente relativo á aprobación inicial do convenio marco para a “comunidade intermunicipal de servizos consorciados”, ao tempo que se pide dirixirse ao Goberno do Estado e aos grupos parlamentares no Congreso dos Deputados a fin de solicitar a reforma do sistema de Participación nos Ingresos do Estado, incorporando a tal reparto, a maiores dos existentes (poboación, esforzo fiscal e capacidade tributaria), outros que recollan o maior custe dos servizos derivados da superficie, a dispersión territorial e do avellentamento poboacional.
Demándase, asemade, ao Goberno galego e ao grupos parlamentares da Cámara galega, a aprobación dunha Lei Galega de Facendas Locais, que constitúa o marco de referencia ao financiamento municipal na Galiza.
Por último, solicítase promover desde a propia Deputación de A Coruña, en colaboración coa Xunta de Galicia, liñas específicas de axuda para impulsar a prestación de servizos locais de xeito mancomunado, consorciado ou explorando outros xeitos de cooperación entre os concellos contemplados xa, na mentada Lei de Administración Local de Galiza, "co obxetivo final de poder soster os servizos públicos que a nosa sociedade merece", rematan os do Bng provincial da Coruña.
Pode que tamén lle interese:
Fusión Noia-Lousame: o Bng noiés di que así, non
Fusión de Concellos: Noia e Lousame, en proceso de diálogo
Política: que está a pasar co consorcio de Dodro, Rois e Padrón?
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario