19.6.12

Ribeira: licitada a obra do paseo da beira litoral de Touro

Paseo_touro

  • Enmarcado todo no macro-proxecto Riveira Atlántica 2015, a redacción, execución e posterior construción das obras contan cun orzamento total de 912.160,34 euros.
  • Establécese un prazo de 3 meses para a redacción do proxecto e 8 meses para a execución da obra.
  • O prazo para presentar as ofertas remata tras 26 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincial.
  • O proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado con Fondos FEDER da Unión Europea,  ten por obxecto fundamental facer do concello riveirense un referente turístico de Galicia en base a criterios de rendibilidade e sustentabilidade.

 

Ribeira, 19 de xuño de 2012. O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe o anuncio para a contratación da “Redacción do proxecto de execución e a posterior construción do paseo marítimo-terrestre da beira litoral de Riveira”, cofinanciado con Fondos FEDER da Unión Europea, dentro do eixo 5 de “Desenvolvemento sostible rural e urbano”. Enmarcada no proxecto paraugas Riveira Atlántica 2015, conta cun orzamento total de licitación de 912.160, 34 euros, distribuídos en dúas fases: de redacción (22.000 euros) e de construción (890.160, 34 euros).

O prazo de execución marca un máximo de 3 meses para a redacción do estudo e 8 meses para a execución final da obra. O procedemento é aberto e de tramitación ordinaria, con multiplicidade de criterios de adxudicación.

No que se refire á data límite para a presentación da documentación, establécese un período de 26 días naturais contados a partires do día seguinte ao da publicación do anuncio de licitación no BOP da Coruña ou no perfil do contratante, na páxina web oficial do Concello (www.riveira.es). O lugar de presentación é o Rexistro Xeral do Concello de Riveira, sito na praza do Concello, nº 1. O lugar, data e hora na que se celebrará o acto público de apertura das ofertas presentadas publicarase no “perfil do contratante” e/ou no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial.

1.500 metros para un paseo accesible, educativo, recreativo e sustentable

A actuación proposta céntrase en mellorar o bordo litoral comprendido entre o porto de Ribeira e a Praia de Area de Secada, tratando de potenciar o uso recreativo e de lecer da zona. Trátase dunha actuación cun paseo de preto de 1.500 metros, que se realizará en materiais integrados coa contorna. As accións concretas que se prevén executar serán:

- Mellora da accesibilidade peonil, con especial atención ás persoas con mobilidade reducida.

- Promoción da mobilidade sustentable, a través da instalación dun carril bici.

- Mellora da sinalización e a información ao longo do paseo, utilizando sistemas innovadores de información.

- Localización de puntos limpos en tramos concretos do paseo.

- Deseño de distintos servizos a visitantes con base no uso das novas tecnoloxías: xeo-referenciación.

- Actuacións de mellora do mobiliario urbano con fins educativos e recreativos.

Salientar o turístico de Ribeira, puntal para o crecemento socio-económico

O propósito xeral deste proxecto de longo percorrido é a transformación  do Concello de Ribeira nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano.

Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.


Antes, en Certo:





https://twitter.com/Certo/status/215079086282899457

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical