19.6.12

Ribeira: clausurado o programa de dinamización dos vellos

Ribeira, 19 de xuño de 2012.- Nin sequera o partido da Selección na Eurocopa impediu que o salón de actos do Auditorio Municipal se enchera no acto de clausura do Programa de Dinamización dos nosos Maiores (antes da estrafalaria e enganosa linguaxe politicamente correcta coñecidos tamén como vellos e vellas): unha iniciativa da Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social que incide na mellora da calidade de vida e a posta en valor do colectivo de xubilados do municipio.

 

Ao acto, que deu inicio ás 20.30 horas, acudiron en representación do Concello a tenente de alcalde Lola Elorduy; o edil responsable dos Servizos Sociais, Vicente Mariño; e a concelleira de Cultura, Elvira Pisos.  A xefa de servizo, María Francisco Vidal, foi a encargada de presentar un evento non que non podía faltar a música, o baile e mesmo a poesía.

 

Pandeiretas

Así, en primeiro lugar a mestra de cerimonias deu paso á actuación das participantes nos tres obradoiros de música tradicional “As pandereiteiras” desenvolvidos en colaboración coa Asociación de Amas de Casa nas parroquias de Palmeira, Ribeira e Aguiño, que ofreceron os temas Muiñeira de Alén, Jota de Alén e Vals e Trastrás de Toutón, respectivamente.

 

A continuación, dúas formacións pertencentes ao grupo de baile Aires da Dorna, da Asociación de Amas de Casa, interpretaron as pezas “Ailalelo” e “A Muiñeira de Cabana”.

 

Acto seguido, unha selección do alumnado do Obradoiro de Enriquecemento Educativo efectuou unha breve exposición sobre “As Dornas”, traballo realizado polos alumnas e alumnas desta iniciativa impartida polas integrantes do voluntariado social Maruja Gago e Cruz Rivadulla. Esta sección contou incluso coa lectura de diversas poesías alusivas á embarcación tradicional e á vida mariñeira.

 

Obsequios

Despois deu comezo a un segundo bloque no que se subiron ao escenario Lola Elorduy e Elvira Pisos, os cales, en primeiro lugar, foron os encargados de entregar un obsequio a Clara Feliz para dar testemuña dos parabéns de todos os presentes polos 80 anos de matrimonio que están a punto de cumprir dúas persoas que viven no municipio: Sebastián Feliz Paradelo, de 103 anos, e María Amparo Tato Gómez, de 99.

 

Igualmente se agasallou a Maruja Gago pola súa vinculación cos obradoiros de enriquecemento educativo dende a súa formación hai 14 anos, así como no programa de voluntariado local.

 

E a continuación tributouse a unha das alumnas máis lonxevas das actividades que forman o Programa de Dinamización: a veciña de Aguiño Francisca Santamaría Crujeiras, de 88 anos de idade.  Por último, e despois da intervencións de Mariño de Bricio e Elorduy Callón, procedeuse á entrega de diplomas.



Charlas: os mércores de xuño, bebés felices


Xoves 21 de xuño: charla sobre Lei prevención de alcohol entre menores


Natureza: Adega denuncia a mala xestión das praias da Corna e Coroso


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical