29.6.12

Ribeira: presentado cunha lectura un libro antolóxico do movemento poético do Sentimentalismo

  • Basean a súa poesía na forza dos sentimentos para explicar o mundo actual

 

Ribeira, 29 de xuño de 2012.- O Conservatorio Municipal foi o escenario elixido para desenvolver no día de onte, no marco do Xuño da Cultura e as Artes, a presentación literaria de “Antoloxía de Referencia. Etapa de Implantación”, da editorial Bubela, que incluíu unha calorosa lectura poética por parte de tres dos autores que figuran nesta publicación.

 

O acto comezou cunha introdución musical. Anxo Martínez Torres, xoven ex alumno do propio Conservatorio Municipal, interpretou ao piano a coñecida sonata “Claro de luna” de L. V. Beethoven.

 

A continuación, interviñeron os dous coordinadores do libro, Carlos Arias e Mariña Pérez Rei, os cales, ademais de expresar o seu agradecemento ao Concello, explicaron os valores que se quere defender a través do movemento Sentimentalismo: teoría artístico- filosófica baseada nos sentimentos e na súa importancia para interpretar o mundo que foi fundamentada polo escritor Xesús Manuel Valcárcel, quen estivera precisamente en Ribeira no pasado abril dentro da programación dos “Xoves Literarios na Biblioteca”.

 

Este novo compendio vén a ser a continuación da “Antoloxía da Etapa da Fundación do Sentimentalismo”, aparecida en 2011 baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Os textos das autoras e autores seleccionados na nova compilación afondan na pluralidade de voces e estilos, pero sosteñen un valente posicionamento cara o feito poético. No transcurso da presentación, incidiuse varias veces na importancia da poesía e do ethos sentimental para contrarrestar os ventos de crise imperantes.



Olalla Cociña, no medio, é unha das autoras "sentimentalistas"


As autores e autores que figuran no libro son Yolanda Castaño, Eva Veiga, Olalla Cociña, Baldo Ramos, Xulio Cid Neira, Francisco Xosé Fernández Naval e Xabier López Marqués.

 

Estiveron na presentación os tres últimos escritores citados, os cales deleitaron ao público presente cunha amena lectura poética dos seus versos: lectura que, no caso de López Marqués (profesor do IES Nº1 de Riveira e membro do xurado no último Certame de Novela Curta Cidade Centenaria) tivo lugar a dúas voces, xa que contou coa asistencia de Alicia Padín (responsable de Normalización Lingüística do Concello), quen declamou algúns dos poemas contidos na compilación, en tanto que o autor deu lectura a unha eséxese da obra de San Juan de la Cruz, obra que lle serviu de fonte de inspiración para as súas creacións.

 

Como nota exótica, cabe dicir que estas lecturas tiveron un curioso fondo musical: o duns cuncos tibetanos tocados por Carlos Arias.

 

Para finalizar, a concelleira de Educación, Mª Carmen Vizcaya, felicitou aos participantes no acto de presentación e manifestou a súa intención de seguir acollendo eventos como este co afán de seguir acercando a literatura á cidadanía do concello.








Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical