Non hai nada mellor que volver á casa coa pel adobada en salitre despois dun día de praia. Boto de menos os veráns de ata fai tres anos, que eran antes de setembro, sen apuros porque o inverno tardaría en chegar. Por outra banda, o outro día vin nun xornal a foto do fillo e do neto de Cousteau, con cadanseu pucho de lá vermello. Coma cada tanto, os membros de esta familia emerxen das augas, quitan o arneirón da cara e lanzan unha advertencia sobre o perigo que corre o planeta, e ese pucho de lá vermello semella un sinal de advertencia. Así que a nostalxia dos veráns de antes e máis esta foto acenderon en min un ansia: quero ser Seu Jorge en Life Aquatic.
Para os que non saibades quen é Seu Jorge, dicirvos que o escoitedes, que é un musico brasileiro, guitarrista e cantante de voz grave que provoca unha simpatía inmediata. E que ademais é actor ocasional; era o rapaz maior que tentaba ser honrado en Cidade de Deus e que finalmente sucumbía á chamada da violencia naquel mundo desesperado.
Para os que non vistes Life Aquatic, dicirvos que a vexades, que é unha película delirante e melancólica protagonizada por Bill Murray facendo de Steve Zissou, unha parodia/homenaxe/reflexo dun universo paralelo de Cousteau e das súas expedicións heroicas, que aquí convértense en patéticas, con puchiño de lá vermella incluído. E que é tan triste que fai rir, como creo que dixo Goethe falando de O Quixote.
Un dos membros da tripulación é Seu Jorge. Aparece el só nos recunchos da película coa súa guitarra, entoando unha canción de David Bowie cada vez. Atopámolo nese baleiro que el enche entre secuencias, de repente tocando Rock´n´Roll Suicide subido ó pau maior, ou Lady Stardust nun corredor, ou gravando, nese ambiente de tecnoloxía obsoleta tirada do TBO que ateiga o navío, unha versión de Life on Mars? ,alí metido, nunha cabina diminuta, cun mono vermello co Z de Zissou bordado no peito. Entón transfórmase nunha estraña (por resultarnos paradoxicamente familiar xa a primeira vista, por resultarnos coherente) presenza, fóra do tempo e o espazo, case que fóra da película e do personaxe, sen que lle roce o devir, semellando non ter necesidades terreais, salvo algún cigarro. E canta esas cancións de Bowie en portugués do Brasil, inventándose a letra. O texto alucinado de Life on Mars? de Bowie comeza así na voz grave de Seu Jorge: “Quando as coisas do coraçao...”; o “And it´s aaaaalright” de Lady Stardust é agora “E ser um boooom pai”.
Ó volvelo escoitar nun día invernal de xullo, inverno do hemisferio sur, caín na conta. Quero ser Seu Jorge, transformar o espazo exterior no que se me ocorra, en primeira persoa, gabear ata o máis alto do mastro e, aínda que leve un pucho vermello, deixarme abanar polo mar azul, que é o ceo, e viceversa.
Anterior colaboración de Javier Ferreirós:
"Presidente por accidente. Notas entomolóxicas"
Javier Ferreirós é músico e historiador
Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario