3.8.12

Ribeira: reciben no Día do Emigrante a representantes de sete institucións galegas no estranxeiro

Ribeira.- 3 de agosto de 2012.- O salón de plenos da Casa Consistorial foi hoxe o escenario dunha recepción oficial a diversas autoridades de institucións estranxeiras con motivo do Día do Emigrante.

A delegación estivo formada por representantes da Casa de Galicia en New York (entre eles, o presidente da institución, José Gil; o vicepresidente Antonio Lampón, e os integrantes do grupo de baile que actuará esta tarde ás 20 horas no Auditorio), da Hermandad Gallega de Venezuela (por medio do seu representante Leopoldo Ces), do Centro Gallego de Puerto Rico (co seu presidente José Gómez), do Club España de Newark (co seu vicepresidente Carlos Rodríguez), da Fundación Xacobeo USA (por medio da representante María Jesús Vila) e da Sociedad Hijos de Palmeira (co seu presidente Emilio Pérez).

Ademais, estiveron presentes, entre outros, o alcalde Manuel Ruiz, o senador José Luis Torres, a presidenta das Amas de Casa Magdalena Bringas, e a concelleira de Cultura Elvira Pisos.

A recepción comezou na propia entrada da Casa do Concello, onde os representantes riveirenses recibiron á comitiva institucional ao ritmo da música interpretada polo grupo de gaitas A Gandaina, da parroquia de Palmeira. Acto seguido, todos xuntos subiron ata o solemne salón de sesión para que, unha vez rematadas outras pezas tradicionais, deuse paso á quenda de intervencións.

Tras os discursos ofrecidos pola edil Elvira Pisos, o senador José Luis Torres, e Magdalena Bringas, o alcalde Manuel Ruiz salientou a importancia que ten para todos os galegos a presenza destas institucións no estranxeiro, xa que “grazas a elas as persoas que se ven obrigadas a irse fóra poden seguir mantendo as súas tradicións”.

No nome dos centros galegos no estranxeiro, falou o presidente da Casa de Galicia en New York, José Gil, quen agradeceu a benvida recibida e remarcou a boa relación existente co municipio, relación afianzada coa visita que, no 1996, tivera a oportunidade de celebrar esta entidade á localidade barbanzana.

Agasallos

No curso final do evento o Concello entregou a cada representante das sete institucións un novo agasallo institucional consistente nunha peza de Sargadelos que representa o Faro de Corrubedo. Pola súa banda, a Casa de Galicia en New York tamén lle obsequiaría ao rexedor cunha placa conmemorativa do acontecemento. O acto rematou con todos os asistentes postos en pé para escoitar e honrar o himno galego interpretado por A Gandaina.

Relacionada:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical