- A devandita redacción terá un período de execución de 30 días naturais.
- Esta actuación oriéntase en dúas liñas, por un lado o acondicionamento do río Arlés e, por outro, a recuperación da súa riqueza ambiental coa creación dun itinerario turístico fluvial, dun parque biosaudable e da restauración de núcleos tradicionais limítrofes.
- A acción enmárcase dentro do Proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 80% con Fondos FEDER da Unión Europea, que ten por obxecto facer do concello riveirense un referente turístico de Galicia en base a criterios de rendibilidade e sustentabilidade.
Ribeira, 26 de outubro de 2012.- O Concello informa da adxudicación en xunta de goberno da redacción do proxecto para a recuperación integral do río Arlés e do seu entorno á compañía Hidria, Ciencia, ambiente y desarrollo, S.L. Esta empresa presentou unha oferta económica de 54.680 euros máis IVE (o que dá un total de 66.182,8 euros) e un prazo de execución de 30 días naturais.
Recuperación de pezas patrimoniais singulares
Esta actuación, incluída dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, confinanciado nun 80% por fondos FEDER, dentro do eixo 5, de “desenvolvemento sostible local e urbano”, está orientada á recuperación ambiental do río, a través da rexeneración do leito fluvial, desenvolvendo programas de saneamento das augas, estudo hidrolóxico para resolver inundacións e sistema de colectores, rexeneración do leito fluvial, supervivencia das masas forestais das ribeiras e repoboación da fauna piscícola. A recuperación de pezas patrimoniais singulares: elementos e construcións de singular valor, con especial atención ás relacionadas coa auga como fontes, muíños, lavadoiros, sistemas de regadío, pero tamén outros como hórreos ou pazos, así como os monumentos naturais (árbores simbólicas ou paisaxes) e os bens arqueolóxicos (mámoas, castros, dolmens).
Dentro do entorno do parque patrimonial biosaudable Oleiros-Arlés, considérase necesario actuar nos núcleos de poboación polos que discorrerán os itinerarios verdes, co obxectivo de poñer en valor o sistema de asentamentos e o modo de vida dun val fluvial agrario xenuíno do litoral atlántico. Os núcleos sobre os que se propón actuar son 5: Os Muíños, Oleiros, Axeitos, Bretal e Sirves. Para isto adecuaranse as sendas que levan ao río, rexeneraranse os espazos comúns, realizaranse estudos de boas prácticas para vivendas e sobre o papel da muller no modo de vida dos vales agrarios fluviais da comarca.
Concello de Ribeira, un destino turístico baseado en recursos naturais, patrimoniais e industriais propios
O propósito xeral do proxecto Riveira Atlántica, que está cofinanciado nun 80% con fondos europeos FEDER, é a transformación do Concello de Ribeira nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano.
Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario