16.11.12

Colaboración: "Nada que ver con nós", por Javier Ferreirós

Woody-guthrieresized
"Xa viches a un millón de persoas así. Poida que na parte máis poboada da túa cidade; a parte de atrás, a que está conxestionada e amoreada, a parte pola que é máis difícil transitar en coche. Poida que te preguntaras: “De onde vén tanta xente? Como comen e se manteñen vivos? Para que serven? E por que viven dese modo?”. Esas persoas tiveron unha casa e un fogar coma o teu, establecéronse e tiveron un emprego igual ca ti. Entón algo os sacudiu e perdérono todo.”

Rumbo_gloria
Quen nos fala é Woody Guthrie (1912-1967) a quen xa dediquei un artigo en Certo. Recolle esta reflexión nas súas memorias, Bound for Glory (publicadas en castelán co título Rumbo a la gloria por Global Rhythm Press en 2009), escritas cando tiña 30 anos e xa vivira máis do que moitos viviremos nunca. Os Estados Unidos saían da Gran Depresión e entraban na guerra; o ser humano vivía o momento máis crítico da súa historia, polo momento. As razóns polas que comento este texto son, obviamente, a súa “rabiosa actualidade” e a súa ferinte honestidade, tan propia de toda a obra deste bardo da era industrial que nunca coñeceu o “Estado do Benestar” con que as esgotadas democracias europeas, a través dunha serie de concesións, intentaron contentar ós traballadores trala II Guerra Mundial por medo ó triunfo do comunismo, igual que antes intentaran contentar a Hitler concedéndolle todos os seus caprichos ata que invadiu Polonia o 1 de setembro de 1939.

Depression
Nos Estados Unidos creouse a arte que mellor reflicte os vaivéns do século XX, o “século das masas”, durante o cal ese inmenso país foi o seu grande protagonista. Cando Woody escribiu isto a clase traballadora aínda sufría os efectos da Depresión, por moito que os indicadores macroeconómicos dixeran o contrario. Igualmente, todo se suavizará nos medios de comunicación cando cheguen dunha vez por todas os “brotes verdes”, todo soará como unha pílula efervescente caendo na auga das nosas inquedanzas. Pero a besta neoliberal estará a rir entre dentes, refregándose as súas mans de ferro cubertas por luvas de seda.

Gran_depresion_20098
Que será de nós entón, habitantes do último recuncho do mundo? Ata fai nada os galegos viviamos nunha Depresión eterna, entón Franco morreu na cama, os caciques quedaron e de súpeto estabamos integrados no mundo moderno das liberdades e o Estado do Benestar. Xa que entramos nesta dinámica, que antes nos estaba vedada, de poder loitar contra esa miseria estrutural, poida que debéramos facer algo como colectivo; se a angustia ven polo dilema de renunciar a un día de paga ou non, levámola clara. Ás veces semella que a cousa non ten nada que ver con nós. A terra afúndese ós nosos pés e seguimos a asubiar. Como comemos e nos mantemos vivos? Por que vivimos deste modo? E, sobre todo, para que servimos? Deberiamos responder antes de que o faga o Monstro Mecánico.

Anterior colaboración:

"Lennon e McCartney, artistas parisienses"

 


Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical