- Actividade do "Outono fotográfico" que recolle un periodo de fotos da bisbarra feitas entre 1966 e 1977
- Pódese ver na casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos", grazas ás curadoras María Esteirán e Sabela López Pato, dende o venres 9 de novembro (inauguración ás 20:30) ata o mércores 5 de decembro
Esteiro, de onde era Esteirán, arredor de 1925. Foto de Ruth Matilda Anderson
Noia, 6 de novembro de 2012. María Esteirán, filla de José Esteirán (José Piñeiro Priegue, 1930-2002), recolle nesta mostra unha pequena escolma do traballo realizado polo fotógrafo entre 1966 e 1977. Trátase dunha primeira cata no arquivo do fotógrafo, que abrangue máis de catro décadas. A selección oscila entre o retrato individual e a ocupación do espazo público: rondallas, eventos deportivos, etc., pero tamén amosa a actividade marítima e pesqueira nos portos e a exhibición do poder.
No marco do “Outono fotográfico” e grazas á financiación do Concello de Noia e ás aportacións individuais de máis de trintas persoas -entre veciños de Noia, compañeiros de profesión de Xosé Esteirán, xente da cultura e amigos-, sae á luz un fotógrafo de oficio, autodidacta, que, como a maioría dos fotógrafos locais da época, empregaba os recursos que tiña á man, pero que destaca pola atención e o esmerado coidado nos retratos de grupo, así como pola súa capacidade para mirar “entre-portas”, para explorar os bordos do que acontece diante da cámara, que abre o obxectivo, durante a visita dunha dignidade eclesiástica a unha escola, e documenta o aspecto xeral dunha aula a comezos dos setenta, ou que nos deixa imaxes do que ocorre na cociña durante a celebración dun banquete de voda. A súa é unha perspectiva xenerosa co mundo e coa xente.Está previsto que trala mostra en Noia a exposición itinere a Celanova, onde se poderá ver na Casa do Poetas.Quen era o Esteirán?Xosé Piñeiro Priegue, Pepe Esteirán, naceu en Esteiro en 1930. Tras o servizo militar, á idade de 26 anos, asume as rendas do negocio familiar e trasládase a Noia, vila na que seu pai, Maximino, xa se establecera como fotógrafo na década dos corenta. O periplo familiar coa fotografía comezara anos antes, nas feiras, onde Maximino acudía como tratante de gando e aproveitaba as transaccións para realizar retratos e complementar así os seus ingresos.En 1956, ano no que Esteirán se instala en Noia, a difusión da fotografía de carné permite a expansión do negocio, que agora abarca retratos de estudio, vodas, bautizos e todo tipo de eventos. Durante anos percorreu en moto a comarca coa súa cámara, chegando a ser un personaxe moi querido. Dende os noventa colaborou como reporteiro gráfico en El Correo Gallego, actividade que seguiu realizando ata outubro de 2002, ano do seu pasamento -do que se cumpre este ano o décimo aniversario-.A conservación do seu arquivo debémoslla a Pilar Pérez Santos, con quen casou en 1969 e que durante anos se ocupou da administración do negocio. Hoxe as súas fotografías saen á luz grazas ao traballo da súa filla, a tamén fotógrafa María Esteirán.Antes, en Certo:
- Baloncesto: o Boiro gana por un axustado 57-55 ao Noia
- Noia: piden xa ás familias acolledoras de saharauis que dean un paso á fronte para o vindeiro verán
- Noia: a Xunta non quere tanto ladrillo no futuro PXOM
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario