20.11.12

Ribeira: piden no Congreso asistencia diplomática urxente ao armador do "Eros", retido en Liberia dende febreiro

  • A deputada pobrense do BNG, Rosana Pérez, quer saber se o Executivo realizou algunha xestión para axudar a Manuel Alberto Suárez e á tripulación de 19 persoas que non poden sair do país africano

Media_httpfarm4static_xcmnw

O "Eros" ten bandeira portuguesa pero é propiedade do armador de Ribeira M.A. Suárez


Ribeira, 20 de novembro de 2012. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pide ao Goberno que axude e dea asistencia diplomática urxente ao armador de Ribeira, Manuel Alberto Suárez, propietario do “Eros” retido desde o mes de febreiro en Liberia.

Rosana Pérez pregunta ao Executivo se está  atento á preocupante situación do barco pesqueiro “Eros” de bandeira portuguesa pero propiedade do armador ribeirense. “Que xestións realizou para axudar a este cidadán español que alega ter sido vítima dun engano na cuestión do prazo de duración da licenza de pesca”.

“Vai o Goberno a interesarse pola difícil situación deste armador e os 19 membros da súa tripulación que xa están nun estado preocupante desde o punto de vista humano, económico e xurídico? Considera o Goberno que goza das garantías xurídicas pertinentes cando lle cambiaron varias veces a contía da sanción?”, son algunhas das cuestións que dirixe ao Executivo.

O Goberno debe preocuparse pola situación de Manuel Alberto Suárez

Rosana Pérez demanda ao Executivo que fale co armador galego e coa súa familia a fin de lle facilitar toda a axuda necesaria. A deputada do BNG descrebe na súa iniciativa este caso: “desde o pasado mes de febreiro permanece retido en Liberia o pesqueiro “Eros” do armador galego, Manuel Alberto Suárez e cunha tripulación de 19 membros. Foron acusados de sabotaxe económico con intención de pesca ilegal.

A parlamentar nacionalista pón de manifesto que o armador ribeirense alega que cando decidiu faenar en Liberia mercou por 400.000 dólares unha licenza privada a unha das axencias marítimas autorizadas polo Goberno liberiano, que exixe facer os trámites con empresas de alí. Sinala o propietario que foi enganado en canto aos prazos da licenza, de feito que en febreiro estaba caducada.

O armador nega que a licenza fose falsificada, e que actualmente a axencia que fixo os trámites está desaparecida. Rosana Pérez traslada ao Goberno a “lóxica preocupación por un barco que leva meses retido en Monrovia, á cuestión humanitaria únese o tema económico posto que se lles piden grandes sumas de cartos por diversas sancións. Viven no barco e as condicións son difíceis. Por riba se aproximan as datas de Nadal e non se poden mover porque lles retiraron os pasaportes.

Ademáis, Rosana Pérez subliña que o propietario do barco pediu asistencia diplomática pero sen moito éxito. “A tripulación do Eros e o armador síntense desprotexidos e abandonados á súa sorte nun páis lonxano e envolto nun auténtico lío xudicial".

19-11-12-situación_armador_tripulación_EROS_retenidos_Liberia.pdf Download this file
https://twitter.com/Certo/status/270964448288714752

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical