20.11.12

Ribeira: programación polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero

  • Presentaron un documento no que se recolle o itinerario de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero que costou dous anos de traballo
  • Hai un ciclo de cine enfocado a maiores e charlas no auditorio sobre o tema

Media_httpfarm9static_igbgd

Aroa Fernández e Dores Crujeiras

Ribeira, 20 de novembro de 2012.- A Concellería de Igualdade do Concello de Ribeira, que dirixe Aroa Fernández Cadórniga, aproveitou a presentación dos actos organizados en conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o 25 de novembro, para facer a presentación pública do “Itinerario de coordinación interinstitucional en materia de violencia de xénero”: un documento que pretende que todas as institucións do contorno vinculadas con esta problemática se rexan por unhas pautas de actuacións predefinidas e coordinadas. Este texto veu a luz despois do traballo desenvolvido nos anos 2011 e 2012 por medio de reunións periódicas entre os profesionais competentes, pertencentes a ámbitos como o xudicial, sanitario, o xurídico, o policial ou o de servizos sociais.

O documento recolle, segundo afondou a directora do CIM Dolores Crujeiras, abundante información sobre os recursos existentes cando se produce unha posible situación de violencia de xénero e establece as pautas de seguimento e avaliación da eficacia rexistrada no tratamento dos casos. Aínda está pendente unha xornada de presentación deste documento aos profesionais implicados en xeral e outra dirixida aos sanitarios.

Ámbito educativo

En canto aos actos conmemorativos, a programación arrancou no día de onte, segundo manifestou Aroa Fernández, cunha xornada sobre prevención desenvolvida no Auditorio. Participaron alumnos de 4º de ESO dos distintos centros educativos do municipio. Entre os temas abordados, figuraban os estereotipos na pantalla e os realities, por parte de Francisco Negreira, xefe do Departamento de Imaxe da Escola de Imaxe e Son en A Coruña; e as relacións afectivas a través das novas tecnoloxías: unha charla que correu a cargo da psicóloga especialista en sensibilización e prevención creativa contra a violencia de xénero, Yanire Estébanez.

Tamén cos centros escolares, estase a desenvolver un Programa dirixido á xuventude que busca favorecer a coeducación tanto no ámbito educativo como no da familia e a sociedade. Os resultados queren servir para deseñar un paquete de accións en prevención e intervención en igualdade.

Maiores

No marco dos actos programados, mañá dará comezo, coa participación do Fondo Galego de Cooperación, un ciclo de cine enfocado aos maiores de Ribeira. Co nome de “As desigualdades de xénero”, esta acción terá lugar na Aula Multimedia situada na avenida do Malecón e á mesma asistirán en cada sesión media centenar de maiores que están a asistir aos obradoiros impulsados desde Servizos Sociais.
A acción dará comezo mañá coa proxección do filme “Princesas”, de Fernando León de Aranoa. O día 30 novembro emitirase  “O sorriso da Mona Lisa” (de Mike Newell); o día 5 de decembro “Iron Jawed Angels” (de Katja von Garnier) e, finalmente, o 14 de decembro, “Auga” (de Deepa Mehta).

Todas as sesións darán comezo ás 10 da mañá.

Noutros concellos:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical