27.12.12

A Pobra: outra polémica comida de Nadal

  • Ante as críticas da voceira socialista, o alcalde asegura que a comida págaa enteira o restaurante Chicolino de Boiro, concesionario por 20 anos do restaurante que está enriba do mercado municipal
  • Na comida, en teoría para traballadores do Concello, hai moita xente á que nunca se viu traballar nel, ademais de integrantes da prensa local

Foto_cea_pobra
Captura de pantalla do Facebook de OQPDAD

A Pobra do Caramiñal, 27 de decembro de 2012. Por se non abondase coas polémicas das comidas da terceira idade, que ano tras ano se producen por seren consideradas un despilfarro só entendible como busca de votos no caladeiro deste segmento de poboación, desta volta o Concello da Pobra voltouna a armar coa de Nadal.

O pasado xoves, 20 de decembro, celebrouse unha comida de Nadal no restaurante Chicolino de Boiro. A ela asistiron, segundo conta o dixital pobrense "O que pasa día a día", máis dun cento de traballadores do Concello da Pobra do Caramiñal "que desfrutaron de boa compaña ata ben entrada a tarde". Ata aí, todo "normal", dentro do que cabe, pois non parece moi lóxico que unha comida dos traballadores dun concello se faga no municipio veciño, deixando o beneficio económico fóra. Mais a lebre non saltou pola noticia do dixital pobrense, que é o que aporta as fotos na rede, senón pola reacción do alcalde da Pobra, o conservador Isaac Maceiras, ás críticas no Facebook da portavoz socialista, María Teresa García Guillán. Tanto lle molestaron que respostou por dúas vías: o seu blog da alcaldía e a web do PP da Pobra, ademais de rebotalo no seu facebook persoal que intitula "A Pobra Caramiñal" e no que sae a súa foto como se a súa faciana representara a todo o municipio.

Na réplica do alcalde chama a atención a explicación sobre esa estrana cláusula nun prego de condicións dunha concesión pública:

"Para quen non o saiba, cousa que ela se está informada, os traballadores e traballadoras da Pobra, así coma o Goberno Municipal, todos os anos celebran un xantar de Nadal pagado integramente pola empresa Chicolino.

E moitos, preguntaranse, e por qué a empresa Chicolino lle paga unha comida. Pois o motivo é ben sinxelo. Cando esta empresa concursou para a concesión do Restaurante do Mercado Municipal, dentro do seu prego de condicións, ofrecía unha comida de Nadal para todos/as os/as traballadores/as do Concello da Pobra do Caramiñal.

Polo que todos os anos cando todas as empresas celebran o Nadal cos seus empregados, no Concello tamén o celebramos todos xuntos, sen que isto supoña gasto algún para as arcas municipais, senón o de celebrar un día de ledicia todos os/as compañeiros/as xuntos".

Isto en si mesmo é un escándalo: hai unha cláusula nesa concesión -sería ben que o alcalde a amosase, inda que é ben complicado para a oposición pedir papeis nese concello- para darlle unha comida de gañote aos traballadores do Concello (incluídos políticos) a costa dos cartos de todos (a concesión é pública, é unha cesión dunha instalación do Concello, na praza de abastos, para poñer un restaurante). E inda se permite na web do PP darlle leccións á oposición por denuncialo:

"Polo que sí señora Teresa os traballadores e traballadoras municipais, xunto cos representantes dos grupos políticos do BNG e do PP, celebran todos xuntos unha comida de Nadal, á que vostede non asiste, porque non quere ou porque igual non ten con quen compartila, xa que o seu lema é enfrontarse a todos e todas as veciñas e veciños deste Concello e non compartir momentos de ledicia con eles.

De todas formas e seguindo como noso lema de concordia e confraternidade desexámoslle que o vindeiro ano entre no seu corazón con máis solidariedade, con máis concordia e con menos enfrontamentos.

Felices Festas!!"

En Certo preguntámonos:

  1. Será legal, pero é lexítimo que se empregue unha concesión municipal para beneficiar só aos traballadores do Concello e prensa afín?
  2. Onde está a ética de empregar os cartos de todos, nestes tempos "difíciles para todos" como o mesmo Concello da Pobra se encarga de lembrarnos na súa postal de Nadal, en pagarlle unha comida nun restaurante de Boiro a máis de cen persoas?
  3. A terraza de Chicolino comezou a funcionar en 2006: como tardamos tanto en enterarnos, ou tardou tanto en aclarar Isaac Maceiras, que esta comida de Nadal -só para traballadores do Concello- era pagada por esta empresa de Boiro?

Unha concesión moi "mimada"

Media_httpfarm5static_cqmff

O restaurante "A Terraza de Chicolino" está nunha situación privilexiada na Pobra, enriba do mercado municipal e fronte á praia e o porto. Nalgunha web sobre turismo e gastronomía chegan a calificar as súas vistas como "as mellores de Barbanza". A concesión foi aprobada en maio de 2005 e a empresa Chicolino acordou investir 250.000 euros e contratar a 14 persoas. O restaurante ten zona de comedor de 233 metros cadrados e unha terraza de 91. Ao seu interior pode accederse dende a praza de abastos, pero tamén hai entrada independente, de xeito que o horario do establecemento hostaleiro non estea marcado polo do mercado. Comezou a funcionar a mediados de 2006.

Neste mercado municipal da Pobra, que está noviño, anda cada pouco a meter cartos a Deputación e a facer campañas para promocionalo, do cal, evidentemente, benefíciase o restaurante (cos cartos de todos tamén).

Concesión que reporta 8.000 euros ao ano

Segundo consta nos orzamentos 2012 e 2011, ao municipio da Pobra repórtalle en ingresos por cafetería do mercado municipal de 8.000 euros/ano. Algo ben barato se temos en conta a superficie da que dispón, o lugar privilexiado no que está e as continuas melloras que pagamos todos cos cartos da Deputación.


E quen é Chicolino? A empresa máis coñecida da zona polo seu negocio de vodas e comunións en Exipto (Abanqueiro, Boiro). E que tamén ten dende este mesmo ano uha empresa "auxiliar" que se chama Happy Park e fai parques infantís, pistas de pádel e instalacións de ocio semellantes. A data de constitución da empresa foi o doce de abril deste ano 2012 e, vese que naceu con boa "estrela" pois este mesmo verán poñía en Boiro (concello gobernado tamén polo PP con maioría absoluta como A Pobra) un dos seus parques, que custou máis de 60.000 euros.

Media_httpfarm9static_ndrej

 

Como se observa, parte deste parque foi pagado pola Deputación con cargo ao plan PAC -2 (PLAN ANTICRISE), inda que non está claro se a crise é de Happy Park ou do Concello de Boiro, o máis endebedado da zona logo da obra faraónica do Concello, que foi derrubado e feito de nova planta polo ex alcalde Jesús Alonso, conserveiro conservador dono de Jealsa-Rianxeira e antigo empregador do actual alcalde, Juan José Dieste.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical