Ribeira, 27 de decembro de 2012. A asociación cultural Altofalante vai traer o Apalpador a Ribeira para presentárllelo aos nenos e á cidadanía en xeral. A súa comitiva, que sairá ás 17.30 da Praza do Concello e percorrerá as rúas da cidade, vai estar formada por un Apalpador que repartirá doces, uns acompañantes que entregarán folletos explicativos sobre a figura, e un grupo de músicos que lle darán alegría ao asunto.
Esta actividade encádrase dentro dun movemento de actuación máis amplo, que por numerosos concellos de Galiza, mediante o traballo de asociacións, colexios e concellos, busca recuperar o papel do mítico personaxe no Nadal galego. A tradición do Apalpador (ou Pandingueiro) mantense viva nas comarcas do leste de Lugo e Ourense (como se ve no documentario realizado pola Gentalha do Pichel: “e há de vir o Apalpador”, que se pode ollar en youtube). Consiste nun xigante carboeiro que baixaba das montañas ás casas o 24 ou o 31 de decembro a apalpárllela barriguiña aos meniños, para ver se estaban ben alimentados, e desexarlles que tivesen fartura o resto do ano. Ademais, deixáballes regaliños e castañas (os doces daqueles tempos).
O Apalpador é a versión galega dunha tradición común na vertente atlántica europea, que se manifesta con diversos nomes segundo o lugar, como é o caso do Olentzero vasco. "Desde Altofalante cremos que é enriquecedor recuperar esta figura propia e relacionada co medio natural e co noso entorno, para que se abra sitio nun espazo até o de agora monopolizado por figuras fóraneas vinculadas ao consumismo e á propaganda comercial, como Papá Noel, ou de carácter estritamente relixioso coma os Reis Magos. O Apalpador, encargado de atender só os nenos galegos, seguro que ten máis tempo para escoller bos presentes que saiban ilusionar os nosos cativos", argumenta Carlos Lixó, recén escollido presidente de Altofalante.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario