- A publicación foi editada pola Fundación Mondariz Balneario en colaboración coa Xunta de Galicia e coa Real Academia Galega
- Barreiro Fernández recolle este sábado en Lousame o "Sereo" de Barbantia
Mondariz-Balneario, 11 de decembro de 2012.- O Balneario de Mondariz acolleu hoxe a presentación do libro Murguía y Mondariz, unha obra do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández, natural de Ribeira, editada pola Fundación Mondariz Balneario coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Real Academia Galega (RAG).
A obra, segundo afirmou no acto o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, é “o resultado dun traballo de integración de todo un conxunto de perspectivas que nos ofrece unha lectura completa dun tempo fundamental da nosa historia cultural e lingüística”.
Ao fío disto, indicou que o libro reúne “algúns dos elementos clave da construción galeguista, que marcou unha época histórica e que puxo os alicerces para a reflexión, o compromiso e a estima pola cultura propia de Galicia”. Faino a partir da relación entre Mondariz e Manuel Murguía, “figura que representou en boa maneira iso que hoxe denominamos un dinamización da vida intelectual, que marcou unha pauta para o cambio de século, como ponte entre o Rexurdimento e a Xeración Nós”, dixo.
Vinculación entre o cultural e o empresarial
Murguía y Mondariz afonda na súa parte introdutoria na relación do primeiro presidente da RAG cos Peinador (cos irmáns Ramón e Sabino Enrique Peinador Vela, e mais co fillo deste último, Enrique Peinador Lines), impulsores do Balneario de Mondariz. Ademais, a obra aborda a relación de Murguía con Mondariz e trata tamén da súa colaboración con La Temporada en Mondariz, publicación que se repartía gratuitamente entre os hóspedes do balneario.
En referencia a estas relacións, Anxo Lorenzo asegurou que exemplifican “unha vinculación entre o cultural e a actividade empresarial aínda con longo percorrido un século despois”.
Na segunda parte da publicación reprodúcense unha serie de artigos da autoría de Manuel Murguía, entre os que se inclúen o que orixina a creación da RAG e outros arredor de Mondariz e a súa comarca, xunto con artigos etnográficos, arqueolóxicos e biográficos, entre outros.
Finalmente, o secretario xeral felicitou ao profesor Barreiro Fernández “pola súa capacidade de traer ao noso presente os elementos esenciais da nosa vitalidade cultural e identitaria”, así como tamén á RAG, como parte imprescindible deste labor investigador”, e á Fundación Mondariz Balneario. “Para a Xunta de Galicia –concluíu– constitúe un orgullo tomarmos parte tamén, co noso apoio, deste traballo, que nos ofrece unha análise fundamental dunha época que marca a nosa historia cultural colectiva”.
No remate do acto –no que tamén interviron o propio autor da obra, o presidente da Fundación Mondariz Balneario, Javier Solano; e a concelleira de Cultura de Mondariz-Balneario, Cristina Rodríguez– fíxose entrega do diploma III Embaixador de Mondariz a D. Manuel Murguía, que recibiu o alcalde do Concello de Arteixo, terra natal do escritor.
De fascistas a reis e sultáns, ademais de comunicadores como Lecquio
Na lista de "personaxes ilustres" que colga da web do balneario de Mondariz dá mesmo arrepío ver que alí estiveron, entre outros, fascistas asasinos como José Millán Astray (en 1922 inda non estaba nos seus "mellores tempos") ou o golpista Miguel Primo de Rivera (en 1927), xunto a sultáns como Al Kaitoo. Mais na lista, o que predomina agora son personaxes do famoseo, como Alessandro Lecquio, disque comunicador, e presentadores de televisión como a nosa paisana Paula Vázquez, ou actores como Manquiña, Sancho Gracia (xa falecido) ou Natalia Verbeke. O século pasado a farándula estaba composta por escritores da talla de Ramón Cabanillas, Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco ou Emilia Pardo Bazán. Os tempos mudaron moito neste aspecto, mais non no dos políticos, que seguen a encher este establecemento. Antes eran Castelar e os citados Rivera e Astray, namentres estes últimos anos pasaron Bono, Paco Vázquez, Aznar ou Javier Solana.
Relacionada:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario