Os homes e as mulleres de Comoxo, poboación situada a cinco minutos de Boiro en coche, lograron facer realidade o proxecto de ter un centro etnográfico propio. Un acto para honrar a un persoeiro destacado que naceu alí en Comoxo en 1855 e faleceu en Compostela en 1929. Un galego importante, e bastante descoñecido, levou ao novo centro no venres 25 de xaneiro do 2013 a xente de tódalas idades que se interesaron por unha das claves do seu pasado.
O acto, organizado por María Luísa López da Asociación O Faiado 2 boirense, contou coa presenza de dous sobriños-bisnetos do homenaxeado, Manuel Antonio e Xosé Antón (a un terceiro irmán, Pablo, director deste xornal Certo, non lle foi posible acudir). Foi Xosé Antón onio o primeiro en intervir na presentación.
Pero antes houbo un detalle salientable. Apareceu e foi posta na parede unha obra do pintor local José Silva. Trátase dun elegante retrato en brancos, negros e grises do homenaxeado, un home de boca ancha e lentes ovalados cunha grande fronte de pensador. A figura atrae admiración e respecto, pero podería tamén concitar cariño?
Foise desvelando diante de nós a persoa e a obra de Celestino García Romero. Xosé Antón destacou a preocupación deste crego xesuíta pola capela de Comoxo, polas xentes do agro e polo mundo das letras. Chegou a ser membro da Real Academia Galega, contribuíndo artigos no boletín oficial desta institución. Nun deles, publicou o que é ó parecer o primeiro escrito sobre a serra de Barbanza.
A etnógrafa María Luísa López fixo unha relación dos méritos de Celestino. Discípulo e amigo do erudito de Vedra Antonio López Ferreiro, el tamén se interesou en profundidade pola arqueoloxía, a historia e a lingua galega. Era políglota e confesaba aos estranxeiros na Catedral. No campo do galego, tivo unha idea moi orixinal: ía por exemplo ó cemiterio de Queiruga e estudaba con atención os epígrafes máis antigos nas lápidas e a continuación, como experto latinista, analizaba a desviación no “castrapo” que facían os escultores sen estudos ó mesturar a lingua galega coa latina. Aprendía, xa que logo, dos erros.
Tivo destinos en varios puntos da xeografía española: en Palencia, en Manresa, en Tui e na Coruña. Na cidade herculina entrou en contacto con destacados galeguistas da Cova Céltica e iso incrementou o seu achegamento ó galego.
Co noso idioma propio, Celestino creou obras de teatro – “A señá Tiburcia”, “Inferno e Gloria” – contos, poemas e estudos. Sería bo ter unha recompilación dos seus escritos, como o moi chamador artigo titulado “Sobor do antigo linguaxe do pobo galego”.
Con moito encanto, a concelleira boirense Cornelia Ces fixo presente a Celestino lendo un conto seu chamado “Os Reis en Comoxo”. Nel, sen resultar condescendente, o autor enxerga un relato de Nadal delicioso, cun forte compoñente gastronómico, que tivo a virtude de arrancar risos e sorrisos dos asistentes.
Tamén engadiu, por certo, as letras a unha panxoliña con música de Luis Taibo e Santiago Tafall. Non é seguro que sexa o autor do texto dunha peza chamada “Canta, rapaziña”.
Por último, houbo outra faceta de Celestino que non deixa de causar afecto e sintonía. O amor pola súa terra natal fixo que el contemplara unha serie de proxectos para mellorar a economía dos seus paisanos. Son ideas que igual aínda son factibles na actualidade; a saber:
- facer un criadeiro de galiñas
- montar unha fábrica de fertilizantes
- montar unha fábrica de leite para facer manteiga e queixo
- asegurar o gando e intentar mellorar a raza
- fabricar con xestas vasoiras de calidade
- crear un sindicato de labregos
- facer unha escola para a formación de oficios
- fabricar alcol con palla de millo
Son propostas dun visionario, dun home que, segundo repetiu para rematar o acto o alcalde de Boiro Juan José Dieste, tiña unha intelixencia exuberante. Dieste recalcou que Celestino García Romero é unha fonte de lexítimo orgullo para Comoxo e para Boiro, onde anunciou que se lle dará o seu nome a unha rúa, como corresponde a un boirense tan ilustre.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario