27.1.13

Cultura: "O Faiado 2" divulga a obra do galeguista Celestino García Romero, natural de Comoxo, en Boiro

  • Nado en 1855 e falecido en 1929, escribiu en galego poemas e obras de teatro e mesmo difundía a nosa lingua propia entre os nenos con contos de temática relixiosa
  • Foi o primeiro en estudar restos arqueolóxicos da zona de Barbanza e dar conta deles á Real Academia Galega, da que era correspondente
  • No acto celebrado o venres 25 de xaneiro no centro etnográfico de Comoxo o alcalde comprometeuse a darlle o seu nome a unha rúa de Boiro
  • O seu sobriño-neto José Antonio García Dieste, un dos impulsores da difusión da súa obra, pediu tamén que se lle dese o seu nome ao Centro Etnográfico de Comoxo, pois García Romero preocupábase polos asuntos do campo e do monte, chegando a manter correspondencia con enxeñeiros de montes daquela época, como Rafael Areses, o que reforestou o Monte Aloia


Boiro, 27 de xaneiro de 2013. O Centro Etnográfico da comunidade de montes de Comoxo estivo ateigado o pasado venres 25 para homenaxear ao seu egrexio veciño Celestino García Romero, intelectual falecido hai 84 anos (un 18 de xaneiro, en Santiago). Máis dun cento de persoas puideron escoitar aos poñentes da mesa redonda que se programou arredor da súa figura, entre os que figuraban a presidenta da asociación etnográfica O Faiado 2, María Luísa López; o profesor José Antonio Santiago García, sobriño neto do homenaxeado; o presidente da comunidade de montes de Comoxo, Santiago Lojo; a concelleira de Turismo boirense, Cornelia Ces e incluso o alcalde de Boiro, o popular Juan José Dieste. Tamén ía asistir o teólogo Andrés Torres Queiruga, que prologou a edición de "Inferno e gloria", obra de teatro que resgatou no ano 2000 a editorial relixiosa Sept. No seu lugar acudeu o tamén aguiñense Unai González, presidente da asociación "Francisco Lorenzo Mariño".


Casa natal do intelectual galeguista Celestino García Romero

Escudo na casa de Quintenla

Luisa López presentou as publicacións que hai ata agora sobre García Romero -o historiador Fernando Acuña Castroviejo publicou sobre el unha obra en 2005- e comentou o seu legado sobre un pequeno vídeo cos principais elementos do patrimonio etnográfico de Comoxo, dende a casa onde naceu o homenaxeado, cruceiros ou a casa do escudo de Quintenla, cun monumental pombal abandonado.
A concelleira de Turismo, Cornelia Ces, leu o conto "Os Reis en Comoxo", redactado para nenos da catequese no que se dá conta tamén de como se vivía na zona a finais do século XIX.

Tamén se aproveitou para inaugurar no centro etnográfico unha colección con 30 imaxes antigas de Comoxo recollidas por Carlos Piñeiro nesta aldea que figura recollida por primeira vez nos papeis do Tombo de Toxos Outos en 1161 e que se sospeita pode ter importantes restos arqueolóxicos sen escavar arredor da súa capela.

Biografía en Barbantia de García Romero

Xesuíta dende 1880, os seus votos definitivos fíxoos o 2 de febreiro de 1892. Foi poeta en latín, castelán e galego. O seu poema galego máis coñecido é o “Canto a Galicia”, publicado en 1929 e traducido ao italiano. Escribiu as pezas teatrais Santa liberata, drama histórico e a comedia A señá Tiburcia (estreada polo Colexio de Orfas de Santiago, 1920), así como moitos poemas e contos en galego para rapaces, ao que habería que engadir algúns traballos arqueolóxicos. Entre os seus contos para rapaces poden citarse “Un milagre do santo apostol”, publicado na revista <Catecismo de niños y niñas> de Santiago de Compostela, “Os Reis en Comoso”, en <El catecismo de Santiago>, “Santiago de rapaz” e “No portal de Belén” na mesma revista, “Antano” na compostelana <El Catecismo de San Martín>, “Ninguén veu do inferno” e “A festa do Nadal” en <Catecismo de Compostela>.

Entre os seus poemas para rapaces poden citarse “O Sol”, “Os paxaros”, “As anduriñas”, “Ao meu neno” e “Un xastre”, todos eles publicados en <Catecismo de niños y niñas>. Aínda publicou outros relatos como “Non ten volta”, “Ninguén pode coma Dios”, “Sólo Dios, soliño”, “O neno Xesús” e “Señores tan sabios”.

Entre os seus traballos ensaísticos en castelán pode citarse “Un templo primitivo en el Coto de Amoreira”, publicado no <Boletín de la Real Academia Gallega> (nº 145, 1922), “Una estación romana desconocida” (Ibid., III), “Las lápidas romanas de Ciudadela” (Ibid., III, VII, VIII), “Memorias romanas de Cuntis” (Ibid., IX, X, XII), “Un libro de Galicia y un escritor gallego” (Ibid., XIV), “De re epigrafica. Inscripciones en las iglesias de Padrón y Pastoriza” (Ibid., XIV) e “Galicia y las Islas Británicas en tiempos remotísimos” (Ibid., XV).

No ano 2000 a editorial relixiosa Sept de Vigo publicou o seu ensaio teolóxico Inferno e gloria. Trátase dunha edición facsímile do manuscrito, que ten o mérito de ser o primeiro tratado teolóxico escrito en lingua galega. Con introducións de Xesús Ferro Ruibal, Xosé Antonio Santiago García e Andrés Torres Queiruga. Sábese que deixou inéditas as obras “Las lámparas del Apóstol” e un interesante ensaio lingüístico titulado “Sobor do antiguo linguaxe do pobo gallego”, obra que se atopaba en mans de César Vaamonde Lores xa en vida do autor.

García Romero foi tamén poeta ocasional en latín e castelán, ademais de publicar algúns traballos ensaísticos en lingua galega, coma os titulados “As reliquias de Sant Yago” (<El Eco Franciscano>, nº 643, 1920), “Un ourensán que n’e de esquencer” (<Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense>, V) e “Defensa do protohistorismo do idioma gallego”. Colaborou con ensaios en castelán no <Diario de Galicia> e en <Ultreya>.

Correspondencia

García Romero tivo unha intensa actividade epistolar con eminentes historiadores coetáneos seus, como César Vaamonde Lores, cos que consultaba dúbidas sobre inscricións e achados arqueolóxicos. Tamén lle preocupaban asuntos terrenais como os problemas do campo ou das explotacións forestais. Entre as súas ideas estaba a de formar unha gran cooperativa para explotar cítricos no val do Coroño e mesmo fabricar as caixas de madeira para a súa exportación. No eido forestal tivo correspondencia co enxeñeiro de montes Rafael Areses Vidal, o que se encargou de reforestar e ordenar o Monte Aloia, que foi o primeiro parque natural galego recoñecido.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical