- A obra terá un prazo de execución de seis meses
- Hai menos de dous anos inda se lle cambiaron as luminarias, o gasto de 64.000 euros. O paseo foi inaugurado no ano 2000 e valera case tres millóns de euros
- Agora vaise cambiar pavimento, carril bici ata As Carolinas, poñer novo saneamento e dous voladizos que farán de miradoiros, de 40 e 80 metros de longo
Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- Quen dixo crise neste municipio de Ribeira? Importa que se estea endebedado dende hai anos con numerosos proveedores e que se tivera que ir a plan de rescate este mesmo ano pasado por case un millón de euros? Parece que non: o Goberno local dou luz verde na súa última xunta á reparación e mellora do paseo marítimo de Coroso. Unha actuación que ten un orzamento de 599.545,24 euros (case cen millóns das extintas pesetas) e un período de execución de seis meses. En breve publicarase no BOP o inicio do prazo para presentar ofertas. Cando se fixo, o paseo marítimo de Coroso custara 444.208.895 pesetas, nada menos que dous millóns setecentos mil euros. A última reparación que se fixo consistiu en cambiar 77 luminarias, por un importe de 64.000 euros. Mais non conformes co de Coroso, no proxecto Riveira Atlántica 2015, financiado con fondos europeos, propóñense outras actuacións semellantes de paseos no litoral que encherán de formigón outros dous quilómetros de costa. E a paradoxa é que se quere adicar isto, totalmente insustentable, para atraer "turismo sustentable".
A grandes rasgos, a actuación que se proxecta inclúe a renovación do colector de saneamento instalado ao principio do trazado e o reforzo da cimentación desta parte do muro, a introdución dun carril bici que conecte o xa existente con As Carolinas, a construción de dous voladizos-miradoiros de 40 e 80 metros para compensar a subsecuente redución de espazo peonil, escalinatas remozadas á praia, a substitución da varanda metálica exterior, a restauración dos perpiaños desprendidos e a reposición de todas as lousas en mal estado ao longo do paseo.
Inaugurado no ano 2000, o paseo está delimitado en tres tramos: un primeiro tramo de aproximadamente 400 metros de lonxitude que se sitúa a unha cota superior ao do areal e que está apoiado sobre un muro de formigón con perpiaños de granito; un segundo tramo de 800 metros de lonxitude no que se dispuxo un carril bici de tres metros de ancho e un paseo peonil de cinco metros; e unha senda de madeira no sistema dunar das Saíñas que enlaza coa zona do cámping de Coroso.
Boa parte das accións que se van executar centraranse no primeiro dos tramos aludidos. Esta zona rexistra importantes desperfectos non só na súa pavimentación (lousas rotas ou moi danadas), senón tamén no colector de saneamento que descorre pola praia a pé de paseo, con tramos de tubaxe á vista e puntos de rotura que inciden na propia cimentación do muro marítimo e nas escalinatas de acceso, algunhas semiderruídas ou en mal estado.
Reforzo da cimentación
En consecuencia, o Concello instalará unha nova tubaxe de 225 metros lineais feito de polietileno corrugado e con 500 milímetros de diámetro. Estará protexida por unha envoltura de formigón que, a diferenza do que acontece actualmente (hai separación entre colector e muro), irá adosada ao propio paseo, actuando así como un importante reforzo da súa cimentación.
O novo trazado do colector afectará tamén ás escaleiras de acceso, de tal xeito que se construirán outras novas recuperando os perpiaños e peldaños de granito das antigas. Terán un deseño semellante ao actual, pero cun trazo recto. Tamén se restaurarán os perpiaños danados ou fóra de sitio do muro.
Unha das grandes novidades do proxecto é a dotación ao tramo inicial dun carril bici que vai enlazar co que xa existe na zona central e se conectará co futuro carril do Paseo das Carolinas. O propósito último do Goberno Local é introducir gradualmente un trazado ciclista integrado no borde litoral, tal e como se desprende por exemplo do proxecto do paseo de O Touro acabado de adxudicar.
Co fin de compensar a redución de espazo peonil a raíz do carril bici e de facilitar as vistas á ría, instalaranse dous voladizos-miradoiros. O primeiro deles, de 40 metros de lonxitude, estará situado á altura da baixada da rúa da Insua, mentres que o segundo, de 80 metros, construirase entre as dúas escalinatas centrais que dan á praia, entre os accesos das rúas Noro e Lajareu. Os voladizos serán pavimentados con lousas de granito abuxardado gris Mondariz de dimensións de 60x40 centímetros.
A introdución do carril bici vai significar a desmontaxe de máis de 1.200 metros cadrados de lousas de granito, o que permitirá o seu aproveitamento para renovar as lousas rotas do paseo marítimo en toda a súa lonxitude. Tamén se utilizarán estas lousas nos puntos de conexión do colector xeral proxectado cos ramais das rúas perpendiculares ao paseo que se conectan con esta condución.
Por último, a varanda metálica exterior será substituída por outra máis lixeira e transparente que posibilite contemplar o mar dende todos os puntos do paseo.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario