18.1.13

Ribeira: 327.000 euros para melloras na conxestionada rúa Canarias e apertura de nova transversal

  • Contará con beirarrúas e haberá un vial detrás do colexio O Grupo que conseguirá desconxestionar o tráfico

 

Ribeira, 18 de xaneiro de 2013.- A Comisión de Goberno do Concello aprobou na súa reunión dos mércores pola tarde sacar a licitación a actuación consistente na instalación da rede de saneamento e abastecemento de auga e de renovación de pluviais na céntrica rúa Canarias, así como a apertura dunha rúa Transversal que descorrerá por detrás do CEIP O Grupo e que estará dotada igualmente dos servizos citados.

Esta actuación ten un orzamento de 327.802,63 euros e un prazo de execución de cinco meses. A fase de licitación dará comezo unha vez saia publicado o pertinente anuncio no Boletín Oficial da Provincia.

Das de maior densidade de tráfico en Ribeira

A rúa Canarias é unha das máis importantes e con maior densidade de tráfico do municipio, xa que se trata dunha das principais vías de acceso e saída ao centro urbano. A día de hoxe, a súa calzada e de aglomerado asfáltico –atópase bastante deteriorado- e carece de beirarrúas no seu trazado. Ademais, non existe rede de abastecemento nin de saneamento en toda a rúa e a rede de pluviais só está renovada nun tramo –a maior parte está formada por tubaxes de formigón, o que provoca fugas e asentamentos-.

Co obxecto de erradicar estas eivas, plantéxase a instalación de novas redes de servizos, pavimentación e beirarrúas na rúa Canarias. A tal efecto, instalarase unha tubaxe de fundición dúctil de 150 milímetros de diámetro, un colector de PVC liso de 400 milímetros de diámetro para saneamentos fecais e unha tubaxe de polipropileno de 1000 milímetros de diámetro para pluviais. 

Por outra parte, mantendo os dous carrís de circulación existentes, disporanse beirarrúas por toda a súa lonxitude nunha das súas marxes e na outra nalgúns tramos. O pavimento das beirarrúas será de pedra granítica abuxardada de 60x40x4 centímetros ou de baldosa hidráulica dependendo da zona. O firme da capa de rodadura estará formado por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.

Nova transversal que comunica con Mariño de Rivera

Por outra banda, o proxecto inclúe a apertura dunha rúa transversal que comunicará Canarias con Mariño de Rivera e  descorrerá pola parte traseira do CEIP O Grupo e da Comisaría. Esta vía de nova creación contribuirá á desconxestión do tráfico rodado nunha zona que rexistra gran densidade de vehículos.

A rúa transversal irá equipada cunha tubaxe de fundición dúctil de 100 milímetros de diámetro para o abastecemento de auga, un colector de PVC liso para o saneamento de fecais, un colector de PVC corrugado para o saneamento de pluviais e con puntos de luz sobre báculo en todo o trazado. 

Ademais, disporanse beirarrúas de baldosa hidráulica por unha das súas marxes. A capa de rodadura estará formada por unha mestura bituminosa en quente tipo D-12.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical