10.2.13

Divulgación científica: Lira acolleu o primeiro Entruido Científico da súa historia

  • Nunha especie de serendipia, o Punto Científico que organizou a impronunciable Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT) cadrou co desembarco romano do Entruido de Lira e produciuse o que se pode considerar Primeiro Entruido Científico da historia liracha
  • O astrónomo Borja Tosar con “Postal planetaria dende Marte”, o microbiólogo Esteban Fernández con “De camping coas bacterias”, o neurocientífico Casto Rivadulla con “Ata canto sabes contar?”, o químico Manuel Vicente con “O home apático”, a científica mariña Luisa Martínez con “Entroido Mariño” e o físico Pío González con “Biomateriais” misturáronse con Cleopatra e Julio César coas súas tropas, así como os resistentes locais, os da Torre dos Mouros, nunha tarde surrealista moi divertida e educativa


Cartel do Entruido de Lira deste ano

Lira, Carnota, Costa da Morte, 10 de febreiro de 2013. Van tardar tempo en esquecer os lirachos a tarde de onte, na que cadrou o seu primeiro Entruido Científico. O que sucedeu, inda que para moitos pasara desapercibido, é complicado de contar. Tanto que imos botar man de películas surrealistas patrias como "Amanece que no es poco" e do clásico dos irmáns Wachoski, "Matrix", aproveitando que un dos científicos que alí se achegaron ousou levar esta "chupa" pola mañá, na súa visita á Torre dos Mouros. Mais xa saben: "por desgraza non se pode explicar o que é Matrix, tes que velo cos teus propios ollos". O mesmo que o que alí, en Lira, aconteceu.


Esteban Fernández, microbiólogo, con Xurxo Ayán, arqueólogo, no outeiro da Torre dos Mouros

Pola mañá, na visita ao xacemento das incógnitas, a Torre dos Mouros, xa se viña falando: "Hai que ter coidado pola tarde, que o Punto Científico vai cadrar á mesma hora que o Entruido de Lira". Mais non se fixo demasiado caso: agardábase conxuntar todo sen problemas. A mítica frase de "Amanece que no es poco" ía camiño de ser unha profesía autocumprida: "Eu podería ser un lenda, ou unha epopeia se nos xuntamos varios". E alí, na lonxa de Lira, se xuntaron.



Os resistentes galos e lirachos baixaban a defender o porto de Lira. As condicións etílicas foron máis preocupantes que as metereolóxicas

Chegaron antes os científicos que os entroideiros, e intentaron levar a voz cantante. Como en Matrix, posuído pola dúbida sobre se empezar ou non, ("É a pregunta a que nos da a forza, é a dúbida a que nos trouxo aquí"), o microbiólogo Esteban Martínez, disfrazado de oronda bacteria, aleccionou aos lirachos (aos que primeiro chamou lirenses e logo lirotas, ata que chegou o alcalde Moncho Canedo a aclararlle o xentilicio). Entre reverberacións do micrófono, Esteban Bacterio berrou: "Estamos na era postantibióticaaaaa". Estamos seguros de que máis dun liracho presente pensou, como en "Amanece que no es poco", "Me cagho no misterio!". 



Esteban Fernández, vestido de bacteria, difundindo a era postantibiótica

Mais tivo pouco éxito o chamado do microbiólogo disfrazado. Naqueles intres a dorna xeiteira que lle roubaron os romanos aos lirachos chegaba para facer o desembarco, coa fermosísima Cleopatra a bordo. Había algún galo que se pasara ao inimigo, porque axudou mesmo á lexión romana a botar o pé a terra.

[[posterous-content:DJojvHygjtHDyEuluJbz]]



Nestes intres do desembarco producíase o diálogo de "Amanece que no es poco":

.- E vostedes, que fan aquí?

.- Estamos invadindo o seu pobo...




Unha vez feito o desembarco, Cleopatra tivo que dirixir unhas verbas ao pobo, tranquilizándoos sobre a invasión e invitándoos ao goce das festas do Entruido liracho. A famosa exipcia, que se parecía moito a unha beleza local, ben puido dicir entón como Neo en Matrix:

"Sei que estades aí, percibo a vosa presencia. Sei que tedes medo. Temédesnos a nós. Temedes o cambio. Eu non coñezo o futuro. Non vin para dicirvos como vai acabar todo isto... ao contrario". Mais o futuro inmediato estaba escrito: tocaba a queima do Meco:



[[posterous-content:HIevJvABtylhrHprpwtu]]

Logo dunha pequena charla do Obélix travestido á cidadanía, comezou o espectáculo científico. Por fin Esteban Fernández despregou a súa tenda-célula e puido explicar á concorrencia por que as bacterias podían ser eliminadas cos antibióticos pero os virus non. Axudado polo actor Vicente de Souza, que lle termou do micro inarámico que se entrecortaba, o microbiólogo amosou de xeito moi gráfico como funcionan os medicamentos no noso corpo.



[[posterous-content:ttEjlgmlvtBkiqgJsrHJ]]
[[posterous-content:gsIgtsrdykkCzFDlfHjg]]
"De camping coas bacterias", titulouse a charla divulgativa de Esteban Fernández

Logo do esforzo para facerse entender, o Profesor Bacterio deu paso a Casto Rivadulla, neurocientífico da Universidade da Coruña, que se puxo a explicar o cerebro dos matemáticos cunha réplica de plástico na man. Polo visto, de tanto traballar con números, os matemáticos engrosan a parte do seu cerebro na que se localiza esta función. Como en "Amanece que no es poco", algún dos presentes pensamos que a nós "tamén nos gustaría ser intelectuais, total, como non temos nada que perder...".  

[[posterous-content:hmFFElgHnFxchCJGIyEo]]
[[posterous-content:phzgeaEAgoDqyckcDnbE]]
Casto Rivadulla engaiolou ao mismísimo César coas súas explicacións sobre o cerebro

Namentres Vicente de Souza facía de mestre de cerimonias cos outros científicos, ás caladiñas, a científica mariña Luisa Martínez xa montara o seu tenderete titulado "Entroido mariño" no que lles ía explicando aos nenos os habitantes do mar e os invitaba a identificalos e colorealos nuns debuxos a tal efecto. Este obradoiro sempre é un éxito entre os máis pequenos. Tanto, que un dos nenos disfrazados de romano lle dixo a Luisa: "A ver se vides para o ano, que estas actividades non se fan por aquí".

[[posterous-content:ACGiJxGdJkfEzcriucoB]]
[[posterous-content:EcaFtzGHezIzpeAnuEED]]
Luisa Martínez veu dende Vigo para facer o obradoiro "Entroido Mariño"

Logo tocoulle o turno ao químico Manuel Vicente, que moitos coñecerán polo programa na Radio Galega "EfervesCiencia", e que é o director da incitable Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGC CCT). Pertrechado cun gorro ruso, Vicente, en plan "Que quería yo hablarles de Mendeleiev!", intentou explicarlle ao público quen era o químico Dmitri Mendeleiev, do que chegou a contar incluso a súa vida amorosa. Moita xente quedouse, parafraseando "Amanece que no es poco", con que este home dáballe ás mulleres "unhas prestacións sexuais moi boas". 

[[posterous-content:mJqrkpJkuCykqssAjqae]]
Manuel Vicente contando lercheos sobre o famosísimo químico ruso Dmitri Mendeleiev

Por se o surrealismo non chegara bastante lonxe, na seguinte charla, a do astrónomo Borja Tosar, unha nube tóxica improvisada serviulle de telón para presentar o planeta Marte. A nube fora provocada polo Obélix travestido, do que se rumorea que queimou o seu menhir de porespán para liberarse de carga e ir ligar coas romanas. O caso é que, como ven nas imaxes, unha morea de dioxinas amenizou a charla de Tosar, que lles quixo vender aos lirachos unha viaxe a Marte bastante movida.

[[posterous-content:pByaFiFgbJuvGbajBizC]]
[[posterous-content:HFppGJgHvFFilccoyHwh]]
A bo seguro que o suicida de "Amanece que nos poco" diría ao ver estas imaxes que "Un día vai haber un accidente".

Foi no medio da charla do astrónomo e da nube negra cando moitos entruideiros aplicaron o de "Amanece que no es poco" (yo no aguanto este sin dios) e a esplanada da lonxa liracha quedou medio baleira. Os últimos resistentes quedaron con Pío González, físico da Universidade de Vigo, que falou de biomateriais, ou do que imos levar dentro do noso corpo co paso dos anos, cando se nos creben os ósos sobre todo. Materiais moi caros, por certo, e que cada vez saen de máis fontes naturais, como árbores ou dentes de tiburón.

[[posterous-content:uJaDBHEvqutcktdCGoHi]]


Pío González con Vicente de Souza falando dos ultimísimos biomateriais descubertos


O actor Miguel de Lira (ríndose, non sabemos se co Entruido ou do Punto Científico) tamén se achegou ata a esplanada da lonxa

E así rematou o Primeiro Entruido Científico de Lira. En Matrix dicíalle Trinity a Neo: "Isto nunca se fixera". E Neo respostou: "Por iso é que vai funcionar". E cremos que funcionou, inda que, como a vida de Neo segundo o Arquitecto, sexa "o produto eventual dunha anomalía que a pesares de denodados esforzos non fomos capaces de suprimir desta harmonía de precisión matemática".
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical