7.2.13

Pesca: o BNG votou en contra da Política Pesqueira Común

  • Considera que é "maximalista en termos medioambientais" e que penaliza o emprego e a viabilidade económica do sector pesqueiro galego
  • A eurodeputada nacionalista Ana Miranda sinalou que defenden "un modelo sustentable e queremos evitar os descartes, pero sen impor calendarios inasumibles para a frota"
  • Inda así, o Bng valora a realización de plans plurianuais, a distinción entre acuicultura extensiva e industrial, o recoñecemento do marisqueo a pé, a toma de decisión a nivel rexional e a obrigatoriedade de recabar datos científicos


Estrasburgo, 7 de febreiro de 2013 .- O BNG votou onte en contra da normativa marco da Política Pesqueira Común (PPC) 2014-2020 aprobada polo Parlamento Europeo, ao entender que o documento é "maximalista en termos medioambientais" pero "minimalista en termos sociais" e non ten en conta as "graves consecuencias" económicas e de emprego que terá para o sector pesqueiro galego. A eurodeputada nacionalista Ana Miranda sintetizou en nota de prensa os tres principais escollos que impediron ao BNG apoiar o texto da reforma:

  1. A persistencia do principio de estabilidade relativa que mantén un reparto de cotas de pesca entre Estados anterior ao ingreso de Galiza na UE, sen ter en conta a dimensión real da frota pesqueira que, no caso da galega, é a máis importante de Europa. "Non se toca o status quo en vigor, e a o sector seguirá sen ter unha cota adaptada ao tamaño da nosa frota", lamenta Miranda.
  2. Imponse un calendario de descartes "inasumible para o sector galego" que debe entrar en vigor en menos dun ano para pesquerías tan importante como a sardiña,  xurel, lirio, xarda. Nos tres primeiros anos de aplicación da PPC os descartes teñen que ser cero ou se descontarán da cota de pesca, "sen que se concrete ningunha medida efectiva de compensación para a frota".
  3. Finalmente, o documento adopta unha definición "absolutamente restritiva" da frota artesanal, que deixa fóra a todas aquelas embarcacións que superen os 12 metros, "desestimando a demanda do BNG de elevar a dimensión aos barcos de 15 metros, mareas de 36 horas e redes selectivas". 

"Sen dúbida defendemos un modelo de pesca sutentable, pero o cambio de modelo que propón a PPC ten que ir necesariamente acompañado de medidas que permitan ao sector adaptarse sen perder emprego. Sen peixes non pode haber pesca, pero tampouco sen pescadores",  conclúe Miranda.

Aspectos positivos 

O BNG valora a proposta de realizar plans plurianuais para a xestión das pesquerías, a distinción entre acuicultura extensiva e industrial, e a inclusión do marisqueo na definición da actividade pesqueira. Igualmente, considera positivo o protagonismo da pesca artesanal e que se priorice o acceso aos caladoiros da frota con artes respectuosas co medio mariño.

Tamén destaca a "rexionalización" na toma de decisións, dando máis protagonismos as administracións máis próximas ao sector pesqueiro e aos seus representantes, e a obriga de elaborar informes científicos de todas as pesquerías, que deben ser de calidade, homologados entre todos os Estados e de acceso ao público.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical