7.2.13

Colaboración: Primeiro conto do ano 2013 da Tasca do Cuco



“Aínda que ninguén é profeta na súa terra, nós seguimos loitando”

Meus benqueridos fregueses,

Fai uns dias  tivemos a oportunidade de representar aos amantes das motos clásicas do Reino, por cortesía do Moto Club Compostela (http://www.motoclubcompostela.com), que xuntounos a todos na súa sede social na cidade do meu querido difunto patrón, o Bispo Xelmírez.

O obxectivo desta reunión foi o de acordar as datas do calendario de xuntanzas e competicións para motos clásicas neste novo ano: loxicamente falamos de eventos legais e respectuosos para coa veciñanza e co medio ambiente, dándolle un enfoque de compañeirismo lúdico-cultural.


E alí estiveron tamén os representantes deste humilde Motor Clásico virtual (http://www.reino.sitio-distinto.com): non importaron os estragos meteorolóxicos do Ciclón Gong (caeu un verdadeiro diluvio, palabra de servo de Deus) durante a viaxe entre Ribeira e Compostela, que alí estaban os representantes de Motor Clubs de Compostela, A Estrada, Padrón, Pontecesures, Vilagarcía, O Salnés... até chegaron os de “Paco de Vilalba” (http://www.maesoTT2013.es) para comunicarnos que pronto van comezar as obras do Circuíto de Velocidade de Galicia!!!!

Pero queridos fregueses, non todo son boas novas, porque ninguén é profeta na súa terra: as envexas son un mal endémico, que ides ver na nosa historia:

O circuíto vai ser feito pola iniciativa privada, xa que Paco de Vilalba pertence a un equipo privado que compite no “Tourist Trophy” da Illa de Man (Inglaterra). Pero este gran home, ao non atopar colaboración na Federación Galega de Motociclismo (http://www.fgmoto.org), vai arriscar os seus cartos para darnos ledicias aos afeccionados galegos. Claro que, como esta xente corre con licenza internacional, a Federación española non muxe diso: e en consecuencia négase a apoiar: é a ENVEXA!!!

Isto recórdame a nosa peregrinación á procura de circuíto para as motos:

  • Nos anos 80 estivemos axudando á celebración de probas de motocross no circuíto de Couso (Aguiño) ata que din que reclamaron problemas de marcos e tivemos que deixar o lugar. Hoxe o lugar está abandonado.
  • Uns anos mais tarde, fomos para Xuño, tamén nunha zona abandonada de terreo público. Un ano despois tivemos que saír, desta vez xa non preguntei as razóns.
  • Máis adiante mandáronnos para a Curota, en terreos da Pobra do Caramiñal, primeiro preto do miradoiro (tamén había alí unha lixeira), e logo xa nos chans da Curota. Tamén nos escorrentaron. Desta vez foron os organizadores do Curro: eles poden facer unha porcallada de instalacións que son unha clara contaminación visual, e nós non podemos organizar unha ou dúas probas ao ano: de novo A ENVEXA!!!

Polo menos agora os pilotos de Motocross xa teñen un circuíto e facer probas legalmente no Monte de San Alberte. Pregúntome: ata cando durará esta ventura?  Ampliarán o polígono de Xarás e desaparecerá o circuíto?

Pero a pesares de todos os problemas, nós continuamos adiante a toda máquina: xa temos logo no noso Moto Club Clásico e páxina web: e todo grazas ao traballo desinteresado dos socios-traballadores do Club!!!

E ademais estamos preparando rutas polo Barbanza para motos clásicas, ademais de exposicións de motos clásicas, de balde, para os afeccionados.

Vémonos na Feira Retro Auto-Moto Galicia (16-17 Febreiro, no Recinto Feiral de Amio. http://www.eventosmotor.com), estaremos o sábado 16 presentando novidades no stand do Motor Club Compostela: a envexa non vai poder connosco!!!


:) Agardamos saber de vós. Continuamos!

Coa miña bendición

Padre Teixugo


Anteriores contos da Tasca do Cuco, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical