Ribeira, 27 de maio de 2010. Un texto presentado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e polo Departamento de Lingua e Literatura Galega, e aprobado polo Consello Escolar do IES Leliadoura (Ribeira) rexeita o novo decreto do plurilingüismo no ensino non universitario (Decreto 79/2010), "que supón un paso atrás no proceso normalizador do galego", afirman. O texto íntegro di:O CONSELLO ESCOLAR do IES Leliadoura (Ribeira, A Coruña), despois de analizar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario (DOG, 25 de maio de 2010), decide rexeitalo polas mesmas razóns alegadas polo Consello Escolar de Galicia ao borrador presentado pola Administración educativa, o pasado 7 de abril que, en síntese, son as seguintes:
• Empeórase, a xa de por si deficiente, competencia lingüística en galego.
• Impídese a tarefa normalizadora do profesorado tratando por igual a dúas linguas que están en situación de desigualdade.
• Desvalorízase a función docente e a súa profesionalidade ao permitir que as familias decidan o que debe ser obxecto de decisión polo profesorado, o verdadeiro coñecedor da realidade do alumnado e quen ten a formación necesaria.
• A libre elección da lingua por parte do alumnado socava a autoridade do profesorado ao lanzar ao alumnado a idea de que o profesorado fai o que decide a familia, mentres que o alumnado decide ao seu antollo.
• Abre a porta a creación de numerosos conflitos nos centros, que antes da aplicación desta norma non existían.
• É unha norma contraria ao consenso parlamentario do Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia no 2004. Toda norma sobre a normalización do galego ten que respectar este Plano.
Por todo o anterior esiximos a retirada do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario, como se aprobou por ampla maioría para o seu borrador no Consello Escolar de Galicia, e que a elaboración da calquera norma se basee no consenso acadado co PNL do 2004
En Ribeira, a 25 de maio de 2010
Web do Centro:
http://centros.edu.xunta.es/iesleliadoura
Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia












Verteduras no Té: con imaxes ilustrativas,
Verteduras no porto: tras outro caso, e xa se perde a conta dos denunciados, o Bng anuncia que levará estas desfeitas a instancias superiores.






Esta iniciativa realizarase entre hoxe e o 28 de maio no Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, nas escolas oficiais Náutico-Pesqueiras de Ribeira, e Ferrol e no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) Ribeira, 26 de maio de 2010.- A Consellería do Mar potencia e divulga a súa oferta formativa a través dunhas xornadas de portas abertas que se celebrarán entre hoxe e o 28 de maio nos catro centros da súa competencia, o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico, de Vigo; a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa). O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer e informar da oferta de cada centro e amosar as súas instalacións a futuros alumnos e alumnas. Hoxe e mañá serán a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Igafa os que dean a coñecer as súas ensinanzas. O centro de Ribeira pode visitarse en horario de mañá e tarde e nel ofrecerase un percorrido polas instalacións, guiado por persoal do centro para informar aos visitantes das diferentes ensinanzas que imparte, das súas saídas profesionais e do funcionamento das instalacións. Ademais os visitantes terán a oportunidade de ver dúas exposicións. Unha delas de motores reais en miniatura feitos artesanalmente e que conta con vídeos de mostra no que o autor explica o proceso de fabricación. Nesta mostra tamén se poderán observar aparatos náuticos antigos. A outra exposición é fotográfica e sobre a cultura tradicional mariñeira e a recuperación da memoria etnográfica da poboación mariñeira de Aguiño.
No Igafa presentarán a súa oferta atendendo aos colectivos de alumnos/as, de equipos directivos e docentes de centros de educación secundaria e a empresas específicas de acuicultura e mergullo. Isto último, realizarase a maiores no mes de xuño para propoñer novas liñas de colaboración ou melloras nas xa existentes na actualidade e abrir un foro de suxerencias sobre necesidades formativas e/ou liñas de futuro. Para poder ver o centro hai dúas quendas de visita, unha ás 10:00 horas e outra ás 12:00 horas. Mañá 27 de maio e o 28 será o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo o que abra as súas portas para presentar a súa oferta formativa da familia profesional marítimo-pesqueira, ciclos medios e superiores de ponte e máquinas e certificados de Profesionalidade de Pesca e Mercante. Farano fundamentalmente para alumnos de centros de educación secundaria e bacharelato, sobre todo procedentes de zonas tradición pesqueira, coa intención de que coñezan as instalacións do centro, as aulas de simulación, de pesca, de navegación, de GMDSS, de motores, etc. e que vexan o tipo de traballos que realizan os alumnos. A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol realizará estas xornadas o día 28 de maio.Tamén para expoñer a súa oferta formativa e presentar as súas instalacións, entre elas a aula de seguridade. A maiores, o 4 de xuño, este centro volverá a abrir as súas portas coa mesma finalidade. Con este tipo de iniciativas, a Consellería do Mar busca dar a coñecer os centros da súa competencia, para a captación de alumnado e para poñer en coñecemento do sector pesqueiro as titulacións que se imparten nestes centros.
