24.8.10

A Pobra do Caramiñal: os socialistas refréscanlle a memoria ao alcalde coa lexislación para construír un centro de saúde

"A falta de planificación dun goberno municipal esgotado leva ao alcalde da Pobra a propoñer a construción dun centro de saúde sen respectar o regulamento de policía sanitaria mortuoria," di o Psoe  pobrense


Os cemiterios e os centros de saúde ou outras infraestruturas deben estar separados alomenos 50 metros


A Pobra do Caramiñal, 24 de agosto de 2010.- Os socialistas de A Pobra lémbranlle ao alcalde, o "popular" Isaac Maceiras, nunha nota de prensa, que hai que axustarse á lei para construír determinadas infraestruturas. Como é habitual en Certo, poñémoslles a nota íntegra:

"Parece ser que a Consellería de Sanidade ten prevista  a execución dun novo centro de saúde para a Pobra do Caramiñal, para o cal é preciso que o Concello ceda os terreos necesarios para a construción do mesmo.

As instalacións do actual centro de saúde xamais foron modificadas estruturalmente nin se lles prestou o adecuado mantemento dende a súa inauguración, e por isto que ofrece un estado lamentable, de deterioro e abandono, prestándose os servizos sanitarios a poboación nun inmoble terceiromundista.  Polo tanto, é imprescindible que se rehabilite en profundidade o edificio existente conforme ás novas necesidades, ou ben se faga un novo centro de saúde. 

O goberno municipal propón a construción dun novo centro de saúde situado en San Roque,  a carón do cemiterio Parroquial de Santa María a Antiga do Caramiñal.   A ubicación proposta correspóndese  coa zona verde do polígono 9, polo tanto, dito polígono carecería de zonas verdes no futuro, cando se procedese a construción da citada parcela, principios estes contrarios o proposto no Plan Xeral  de Ordenación Municipal, xa que a obrar desta maneira estarían limitando as zonas do ocio municipais. 

É dicir, fixeron un PXOM e non deixaron previstos espazos para dotacións públicas, agora vense na obriga de facer convenios precipitados, ter que volver a modificar o Plan Xeral para poder edificar no lugar que corresponde a unha zona verde. Eles modifican cada vez que lles peta o PXOM, e por que non fan o mesmo polos particulares que o precisan? Estas actuacións demostran a falta de planificación e de expectativas deste goberno municipal. 

Debido á opacidade e a prepotencia utilizada por este equipo de goberno, a que non se nos escoita, que non hai vontade nin disposición para dialogar cos membros da corporación, é por esta razón pola que o grupo municipal socialista lle enviou una carta a Conselleira de Sanidade ca finalidade de que se nos informe sobre a idoneidade da parcela proposta desde o Concello para centro de saúde. 

A información da que dispón este Grupo Municipal consiste en que para as construcións sitas a carón dun cemiterio  establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de anchura, medida a partires do cerre exterior do cemiterio polo que a construción do novo Centro de Saúde, estaría ubicada en zona verde, a carón dun cemiterio, carecendo da zona de protección de 50 metros, e en contra dos criterios seguidos pola propia Consellería noutra provincia. (Exemplo: Pontevedra- Sanxenxo). 

O regulamento de policía sanitaria mortuoria, no artigo 47 sobre zona de protección di: “en torno o chan dedicado a construción dun novo cemiterio establecerase como zona de protección unha franxa de 50 metros de anchura totalmente libre de todo tipo de construción, medida a partir do cerre exterior do cemiterio”. Como é lóxico aplicamos a recíproca, si para construír un novo cemiterio hai que deixar 50 m. libres; en 50 m tampouco se poden facer novas construcións ao lado dos cemiterios existentes. Tal e como argumentan as Sentencia del Tribunal Supremo de datas 26 de xuño de 1996 e 14 de febreiro de 1997. 

Tendo en conta que existen dúbidas razoables de que a ubicación proposta para Centro de Saúde cumpra os criterios legais pertinentes e incluso os mínimos preceptos de saúde pública e de seguridade e hixiene, que non ofrece garantías de salubridade, que se están creando falsas expectativas, que é necesario un informe da inspección de saúde pública, informe xeotécnico cas características do terreo, e que é un problema de interese xeral e o único, que pensa o  PP deste concello e en facer novas propostas, (viables ou non), ca mirada posta directamente nas vindeiras eleccións municipais.  

Non damos crédito a desinformación do equipo de goberno liderado polo Sr. Isaac, é gravísimo que teñamos que ser os socialistas (aos que Isaac denigraba publicamente hai ben pouco tempo) os que teñamos que advertir e informar da lexislación vixente, cando o concello conta con políticos que cobran con cargo ós orzamentos municipais e con tódolos técnicos posibles".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Educación: cambios nos colexios de Barbanza e Noia por concertos educativos ou eliminación de unidades


Barbanza-Noia, 24 de agosto de 2010. Toda a información está no Diario Oficial de Galicia de onte, descargable en pdf aquí. Como afecta principalmente a Boiro o dos centros eliminados, comezamos con este concello. Os outros que saen, é porque hai cambios neles.

Concertos educativos en privados

No que atinxe a Concertos educativos, a Xunta de Galicia decidiu reducir unha unidade de Educación Primaria no "Jaime Balmes" de Noia, incrementar en Educación Especial unha unidade de plurideficientes en "Amicos", de Ribeira e meter unha unidade de xestión administrativa e outra de comercio no "María Assumpta" de Noia e unha de xestión administrativa no "Divino Maestro" de A Pobra.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng denuncia desleixo e verteduras no campo Ponte Araño

Os nacionalistas solicitan que se solucione definitivamente o problema do bombeo que permitiu días de vertedura direta ao río Té e unha limpeza xeral da área recreativa chea de maleza e restos de lixo

Rianxo, 24 de agosto de 2010. A fins de xullo e comezos de agosto un novo episodio de vertedura direta ao río Té dende a rede de saneamento municipal produciuse na área recreativa do Campo da Ponte no Araño, denuncia o Bng municipal de Rianxo.

"En menos dun ano son xa dúas as veces que se denuncia por parte dos veciños da zona e visitantes, xunto ao BNG de Rianxo, a particular situación do bombeo do Concello, que tras unha parada verte sen control ao río Té deixando un tramo cheo de restos de celulosa, cheiro fétido e todo tipo de residuos orgánicos. A intervención do executivo está a ser meramente constatar que funciona mal o bombeo e incluso permitir disimular o punto de saída das verteduras tapando con pelouros o aliviadoiro que, como moitos outros dos bombeos de Rianxo vai diretamente aos regatos, un método cómodo e barato para executivo e concesionaria. Diante de problemas: direto ao río ou ao mar", explican.

Desde o BNG pretendeuse que se impulsara desde o executivo que a concesionaria instalase uns avisos automáticos dos atascos e que se puxese en marcha ao pouco tempo un protocolo de actuación que evite estas verteduras de días ou semanas, até que os veciños denuncian, normalmente. "Mais nada se fixo e incluso van ter que ser fondos públicos os que sufraguen esa mellora que a nós se nos antolla imprescindíbel vistos os constantes casos de supostos atascos ou mal funcionamento dos bombeos", argumentan os nacionalistas rianxeiros.

O BNG "esixirá medidas eficaces e definitivas para estes episodios, xunto a unha política máis agresiva e contundente contra quen verte ou mesmo contra a falta de actuación dos responsábeis de manter en óptimas condicións a rede municipal. Neste senso tamén denunciamos a negativa do concello a nos facilitar unha fotocopia do contrato coa empresa concesionaria, para poder impulsar unha modificación da ordenanza de verteduras que poida dirixirse precisamente a responsabilizala de mal funcionamento dos bombeos, Se queremos copia temos que tomar nota a man dos máis de 50 folios do contrato. Todo transparencia", engaden.

Limpeza xeral da área recreativa

Dentro do mal estado xeral de falta de desbroce de moitas pistas municipais no rural do Concello chamarán tamén ao executivo a realizar unha limpeza desta zona, "que presenta un aspecto lamentábel con lixo sen recoller de días, coa maleza enchendo a área e presentando un desleixo considerábel cando é unha zona moi visitada polos rianxeiros e visitantes ocasionais. Exactamente a mesma denuncia de hai meses, o que nos demostra a deixadez da limpeza con estas zonas rurais por parte do PSOE local", conclúe o Bng.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.8.10

Boiro: acto de nomeamento de Carlota Paz como Presidenta de Honra da asociación "Borobó"

Boiro, 23 de agosto de 2010. A Asociación Cultural Borobó, de Boiro, levou a cabo na tarde do domingo o nomeamento de Dona Carlota Paz Barreiro, viúva do xornalista e escritor Don Raimundo García “Borobó”, como Presidenta de Honra da entidade.

O acto, ao cal asistiron unhas oitenta persoas, tivo lugar no Centro Social do municipio ás oito da tarde e estivo presentado polo historiador Juan Guitián, amigo da familia, que realizou un emotivo relato da súa relación coa homenaxeada incidindo nas súas cualidades humanas. A continuación varios socios e dous dos netos de Dona Carlota levaron a cabo a lectura dun texto poético escrito polo propio Borobó e que adicara á súa dona nos seus cincuenta anos de casados, así como un poema composto por Álvaro Cunqueiro e adicado á protagonista do día. Esta lectura estivo acompañada dos acordes de violín de Manu Clavijo.

Tras isto interviu o Presidente do ente cultural, Jorge Campaña, quen agradeceu o apoio e o cariño amosado pola familia dende os inicios da súa andadura e levou a cabo un breve resumo das actividades realizadas pola asociación nestes case dous anos de existencia.
Ao rematar esta intervención, pasou a ler a acta na que se nomeaba Presidenta de Honra a Dona Carlota e fixo entrega dunha placa conmemorativa deste cargo honorífico xunto cun ramo de flores. Dona Carlota, que estivo arroupada en todo momento por numerosos familiares, amosouse emocionada e agradeceu de xeito moi sincero esta mostra de cariño por parte da A.C. Borobó.

Para pechar o acto, interviú o Alcalde do Concello de Boiro, Xosé Deira, quen se mostrou orgulloso de que a familia siga mantenda a súa vinculación co municipio, e deuse paso á interpretación do Himno Galego a través do violín de Manu Clavijo.

O acto contou coa presenza de varias autoridades, como os membros da Corporación Municipal o Tenente Alcalde, Juan Jesús Ares ou a Concelleira de Servizos Sociais, Natalia Laíño, e o Presidente da ABE, Carlos Rodríguez Muñiz, informou Silvia García, secretaria da asociación Borobó.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: imaxes que din máis que as verbas en Amendo, parroquia de Carreira

Noia: o primeiro festival Cantón's Jazz&Blues de Rúas Vivas, este venres 27 e sábado 28 de agosto

Noia, 23 de agosto de 2010. O ciclo Rúas Vivas remata co primeiro festival de Blues e Jazz, este venres 27 e sábado 28 de agosto. Os concertos terán lugar na praza do Cantón.

A primeira noite está adicada ao jazz, con tres dúos. Pablo Seoane e Rafael Fernández (de Noia) abren o festival, cun estilo clásico. Logo toma o relevo Lupercal, con máis improvisación, e remata o venres jazzístico Alejandro Vargas, músico de Cuba que reside nesta terra, que tocará acompañado de L.A.R. Legido.

A noite do sábado ten como protagonista o blues. Xulián Freire Blues Banned e Bakin Blues Band son as bandas instrumentais que interpretarán as súas pezas bluesísticas.

Todos os concertos son gratuítos. Colabora Noia Histórica co Concello e varios establecementos hostaleiros.


Bakin Blues Band

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o concerto de clausura do VI Ciclo de Bandas "Concello de Rianxo" é este venres 27

Rianxo, 23 de agosto de 2010. A Escola de Música de Rianxo informa que o concerto de clausura do VI Ciclo de Bandas "Concello de Rianxo", que ofrecerá a Banda da Escola de Música de Rianxo, terá lugar o vindeiro venres 27 de agosto ás 21:30, no Auditorio de Rianxo.


Neste concerto farase a estrea do conto musical “O Jazz na Banda” con letra de Quinito L. Mourelle, música de Roberto Somoza e narración de Belén Xestal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

22.8.10

Reto: Juancho Armental atravesará a nado dende Sálvora (Ribeira) ata Barraña (Boiro) este mércores 25

Boiro, 22 de agosto de 2010. Tralo éxito acadado por Juancho Armental e o seu equipo no mes pasado co seu primeiro reto deste 2010 celebrado entre Vilagarcía de Arousa e Pontecesures (16 kms), e no que se converteu no primeiro galego da historia en facer a nado a Ruta Marítima Xacobea polo Río Ulla, rebaixando en 3 horas o tempo acadado por David Meca (facendo 4 km menos), Juancho Armental xa ten data para o seu “imposible” e próximo reto persoal.  

Foron máis de 6 semanas de espera debido ao contundente vento do nordeste que asolou á ría de Arousa ao longo deste verán e que no pasado 2009 conseguiu mandar ao deportista galego ao hospital debido a sufrir, tras 6 horas nadando, unha hipotermia de importancia (30º corporais) e unha hipoglucemia insalvable (chegou a ter 32 de glucemia antes de sacalo da auga con perdas de coñecemento). Nestas derradeiras semanas Juancho adestrou na praia de Carregueiros en Boiro co seu adestrador Jesús Silva e sempre esperando posibles cambios nas condicións meteorolóxicas que lle permitiran planificar o esperado día. 

Intento fallido o ano pasado

Non é un ano de espera senón dous debido ao infrutuoso intento do ano pasado. Desde xaneiro ten invertidas máis de 153 horas de adestramentos nas que completou máis de 560 kms entre o mar e a piscina, sempre nos seus ratos libres ou cando o seu traballo como consultor de recursos humáns e rendemento con deportistas e en empresas llo permitiron.  

Este proxecto é, como pregoa o seu lema, un loitar contra os “Imposibles” que tanto aprisionan ás persoas e que lles levan a “non facer” polo feito de ter unha escusa perfecta. Juancho resalta que o fai para él e porque cree nun estilo de vida no que se pretende, non só cumprir cos obxectivos propostos, que para moita xente son imposibles, senón acadalos sen que isto sexa unha prioridade na súa vida e si un complemento, polo nunca se descoidaron o resto dos seus pilares persoais.   

Antes de falar dos seus próximos proxectos, calificados polo deportista como “de traca” si é que se conseguen os apoios necesarios, tratará de completar a distancia estimada de 25 kms entre a Illa de Sálvora e a praia de Barraña en Boiro, e si o consegue será a primeira persoa da historia en cruzar e atravesar a Ría de Arousa a nado (o ano pasado xa percorreu os 16 kms de distancia entre Vilagarcía de Arousa e A Pobra do Caramiñal). 

A organización espera que na chegada estean presentes moitos centos de persoas que xa teñen amosado o seu apoio ao equipo de “Loitar contra o Imposible”, así como amistades, patrocinadores e algunhas autoridades que Juancho Armental tanto ten eloxiado polas súas axudas e boa disposición nestes meses, como Jose Luís Torres Colomer, alcalde de Ribeira, Xosé Deira, alcalde de Boiro ou o Concelleiro de Deportes de Ribeira, Miguel  Ángel Vidal (que acaba de gañar como corredor local na Carreira do Demo, en Artes), entre outros. Descoñécese se personalidades da Xunta de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte estarán presentes na chegada, pero tamén se espera a presenza dalgúns empresarios e deportistas de elite cos que Juancho ten moi boa relación persoal e profesional.  

Itinerario

Juancho, algúns amigos, algúns seguidores e o seu equipo técnico integrado entre outros polo seu adestrador Jesús Silva, a súa fisioterapeuta Carolina Pérez, o fotógrafo da organización Dani Gestoso (webmaster de Webboiro.com, onde se colgan as fotos dos diversos retos e de todo Boiro), dúas zodiacs de protección civil de Boiro e Ribeira, o médico Jorge Alonso e o seu enfermeiro de confianza Ricardo Vázquez, sairán do porto de Aguiño cara a Illa de Sálvora ás 9:30 horas. Ás 10:45 horas tomarán a saída deste reto dirección a Aguiño para coller unha traxectoria de prevención entre a Illa de Rúa e Riveira e anticipándose deste xeito ás fortes correntes de entrada na ría. Se espera que a expedición pase por diante do porto riveirense ás 13 horas. O paso por Palmeira será ás 13:30 horas, e enfronte á praia de Cabío a iso das 14:30 horas. Sobrepasada a metade do percorrido e gran parte das dificultades da ruta, se definirá a traxectoria a seguir tras pasar ás 14:45 horas a 20 metros da punta do Monte da Alta e do seu paseo peonil, na Pobra do Caramiñal. Por desexo do propio Juancho se pretende pasar por diante do novo porto de Cabo de Cruz ás 16 horas. A chegada está estimada que sexa na Praia de Barraña enfronte das pistas deportivas. A hora de chegada será sobre as 16:45 horas, polo que terá nadado arredor de 6 horas e media á súa chegada.

Blog de Juancho Armental:

http://juanchoarmental.blogspot.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Atletismo: Akka Essaaadaoui, gañador absoluto da Carreira do Demo en Artes, Ribeira


Gañador absoluto: AKKA ESSAADAOUI
Gañadora absoluta: MARIA JESÚS GESTIDO
Gañador Concello de Ribeira: RAMÓN FOLGAR
Gañador Artes: MIGUEL ANGEL VIDAL (concelleiro de Deportes de Ribeira)





En canto teñan o listado completo, cos tempos e gañadores do resto de categorías, xa o pincharán na web da carreira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: queixas pola organización da Carreira Pedestre, que atascou aínda máis as estradas que confluían coa vila

Momento da XIV Carreira Pedestre Popular. Os resultados póñenos aquí

Noia, 22 de agosto de 2010. Os atascos en Noia voltaron, como cada fin de semana en que coinciden o bo tempo para ir á praia e as festas. Mais onte xuntouse un novo ingredente que sumar ao caos circulatorio: a realización da XIV Carreira Pedestre Popular de Noia.


Un momento do atasco, que comezou sobre as sete da tarde e tamén pillou a Certo

No Facebook deste xornal queixouse Ramón Alonso, que conta: "Estou molesto co Concello de Noia, que me fixo esperar máis de 40 minutos por culpa dunha carreira pedestre mal organizada, que non digo eu que non se fagan as carreiras pero penso que non era plan de cortar a única saída de Noia cara ao Son. Paseime 40 minutos bloqueado como outros centos de coches, sen poder moverme. Só decirvos que o caos non era só de Muros ao Son, senón que os coches chegaban ás Pardiñas. En resumen: organización cero. A quen se lle ocurre levar a cabo unha actividade así cortando a vía pública ás sete da tarde, que é a hora que todo o mundo sae da praia?".

Ata a pregoeira do San Bartolomeu, Loli Gómez, fixo alusión no seu discurso aos conflictos circulatorios de Noia, así como á imposibilidade de atopar un aparcadoiro en numerosas ocasións, festivas e non tanto.


A proba discorreu por partes da vila vitais para o tráfico

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical