19.7.11

Ribeira: cinco operativos da Brilat, con 15 soldados en total, vixían os montes de Barbanza e Noia

  • O xeneral xefe de Pontevedra visitou ao alcalde ribeirense esta mañá
  • Está a visitar a todos os alcaldes da zona, e xa estivo cos de Porto do Son e Noia

Ribeira, 19 de xullo de 2011. O xeneral xefe da Brilat de Pontevedra, José Antonio Alonso Miranda, efectuou esta mañá unha visita de cortesía ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, que garda relación co operativo contraincendios de que forma parte a Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable. 

O xeneral Alonso explicou que a súa presenza na zona responde a saudar aos alcaldes do contorno (xa estivo cos rexedores de Noia e Porto do Son) e ten como intención tamén observar a pé de campo como traballan as patrullas e visitar os centros de coordinación. 

O mando da Brilat informou de que están operando actualmente nos montes de Barbanza e Muros cinco patrullas formadas por tres compoñentes cada unha. Actúan cunha dobre misión: por unha parte realizan un labor de vixilancia dos montes ante posibles brotes de incendio e en segundo lugar manteñen unha presenza disuasoria que evite que algunhas persoas planten lume intencionadamente. 

O seu campamento base está situado no EVA 10 e á hora de patrullar están en permanente contacto e coordinación cos Distritos Forestais e coa Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural. 

Alonso Miranda explicou así mesmo que se poderían incrementar as cinco patrullas dispostas na zona no caso de que así se requirise por evolucionar as condicións en negativo. 

O alcalde Manuel Ruiz Rivas agradeceu ao xeneral Alonso que tivese a deferencia de achegarse ao concello e explicou que é unha satisfacción poder expresar no nome de Ribeira a súa grande gratitude tanto polo labor que a Brilat está facendo na zona como, de xeito máis extensivo, polos labores de carácter humanitario que están a realizar en moitos puntos do planeta con risco das súas vidas.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o martes 26 de xullo, charla coloquio sobre narcotráfico, con integrantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico

Ribeira, 19 de xullo de 2011. O vindeiro martes, 26 de xullo, ás sete da tarde, terá lugar nos locais do Liceo Marítimo de Ribeira unha charla coloquio baixo o epígrafe "A loita contra  o narcotráfico e as súas consecuencias". Falarán varios integrantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico, entre os que destacan o seu presidente actual, José Manuel Siso Bartomé, e un membro da directiva, Lorenzo Santos.
Media_httpwwwfundacio_bgsfs

A Fundación contra o Narcotráfico ten unha ampla representación social nos seus compoñentes, pois hai dende curas ata profesores, psicólogos, xornalistas, comerciantes, peixeiros, amas de casa ou sindicalistas. O presidente de honor é o xornalista e escritor de Vilagarcía Felipe Teijeiro Suárez, autor do célebre libro "La operación Nécora", na que, ademais dos principais capos galegos, saía o xuíz estrela entón e defenestrado agora, Baltasar Garzón.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: xa hai edificios con contedores para recoller aceite usado de cociña

Recollida Aceite Usado.doc Download this file

Ribeira, 19 de xullo de 2011. Cincuenta días despois de emprender dende a Área de Medio Ambiente do Concello unha campaña de promoción de recollida de aceite vexetal usado en colaboración coas comunidades de veciños do municipio, xa se están a dar os primeiros froitos e, de feito, tres edificios de vivendas radicados na cidade de Ribeira xa dispoñen dende o pasado xuño de contedores específicos para a recollida de aceite sen que o servizo lles implique custo económico algún.  

Concretamente, os tres edificios están localizados na avenida da Coruña (nº 77), na rúa 9 de Agosto (nº 97) e na rúa do Noro (nº2), que solicitou dous contedores en lugar dun. Cada un destes recipientes teñen unhas dimensións de 28 cm. de ancho por 60 cm. de alto e unha capacidade de 50-55 kg. 

Xestoras de comunidades

Co fin de seguir difundindo este servizo, o Concello enviou recentemente unha comunicación a entidades xestoras de comunidades de veciños, algunhas das cales xa amosaron o seu interese en recibir máis información para ser exposta ás correspondentes comunidades. 

A Concellería que dirixe Elvira Pereira Ageitos aproveita para facer un chamamento a todas as comunidades de propietarios que estean interesadas en contar con estes envases. Tan só se teñen que poñer en contacto co Departamento Municipal de Medio Ambiente, que se encargará de efectuar as xestións oportunas para a instalación nos inmobles dos citados contedores.  

A empresa Protección Medioambiental, S.L., é a encargada da recollida e posterior reciclaxe do aceite usado. A frecuencia do servizo vai determinada polo enchido dos contedores, garantindo a súa recollida sempre que sexan requiridos polas comunidades de veciños adheridos. 
 

A recollida de aceite vexetal usado contribúe a reducir o impacto ambiental que provoca o seu vertido na rede de sumidoiros, permitindo alargar a vida útil dos colectores e tubaxes que forman parte da mesma.

Pode que tamén lle interese:


Festa da Dorna: programa, do 20 ao 30 de xullo

Sanidade: charla sobre a xaqueca este mércores 20 en Ribeira


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.7.11

Lousame: a banda de música viaxa a Murcia dende o mércores 20 ao domingo 24 de xullo

Viaxe a Murcia.doc Download this file


Lousame, 18 de xullo de 2011.- A Banda Municipal de Música de Lousame realizará unha viaxe a terras murcianas entre os días 20 e 24 de xullo. Esta actividade enmárcase dentro do intercambio que se realiza este ano coa Agrupacion Músico-Cultural Las Musas de Guadalupe, que devolverá a visita a Galicia o próximo ano.

En Murcia a Banda de Lousame realizará un concerto o día 23 de xullo na Praza de Belluga ás 10 da noite, así como diversas actividades lúdicas e culturais acompañados pola Agrupacion Músico-Cultural Las Musas de Guadalupe, banda gañadora da Sección Segunda do Certamen Nacional de Bandas de Música “Ciudad de Murcia” en 2010.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: do venres 22 ao domingo 24 de xullo, concentración de motos

E os desta concentración terán bo siso e pasearanse por Ribeira para asistir a algún dos actos da Feira da Dorna... En breve os poñemos todos!

Cartel_boiromotos_2011

Boiro motos Programa_2011.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: as III Xornadas de Cultura Urbana terán lugar os venres 22 e 29 de xullo e o sábado 23 de xullo

Media_httpfarm4static_fevax

Un dos obradoiros versará sobre os asistentes persoais de moda

Noia, 18 de xullo de 2011. O Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias organiza as III Xornadas de Cultura Urbana.

Os obxectivos destes obradoiros destinados á mocidade son:

  • Atopar espazos e tempos de ocupación do lecer e tempo libre saudables na compaña doutros mozos.
  • Compartir e experimentar coas novas tendencias da cultura urbana (DJ e breakdance), así como novas profesións (asistente de moda e Photo 2.0).

Os obradoiros comenzarán cunha masterclass de breakdance de nivel avanzado a cargo de B-boy Niko de “Black Shadows” e “Flava Brothers Clan” que terá lugar o venres, 22 de xullo de 18:00 a 20:00 h.


O mesmo día, de 20:00 a 22:00 h. terá lugar un obradoiro de iniciación ao turntablism a cargo do Dj Kro de “504” que terá continuación o sábado, 23 xullo de 20:00 a 22:00 h.

Media_httpfarm7static_uirzx

O venres, 29 de xullo terá lugar o apartado de novas tendencias sociais, cun fotosafari fotográfico pola vila de Noia, onde se explicarán os fundamentos da fotografía dixital (tipos de encuadre, exposición,…) e darase consellos para mellorar o uso das cámaras dixitais e dos móviles con cámara.

As 21:00 h. terá lugar o asistente persoal de moda impartido por Inma Fuentes da boutique NUA de Noia. Que falará sobre esta nova profesión e as tendencias de moda, como ter un fondo de armario, e como asesorar as persoas sobre temas de moda, tanto femenina como masculina.

Todas estas actividades terán lugar na Casa da Xuventude de Noia e para participar poderán acudir alí mesmo ou ben chamar aos teléfonos: 609.82.31.34 (David) ou 637.08.93.18 (Pablo).

Ditas actividades serán de balde para os participantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: convocada a novena fase para pedir axudas para rehabilitar vivendas do casco histórico

  • Hai 22 intervencións subvencionables nesta fase,  cunha achega que se aproxima ao medio millón de euros

Noia, 18 de xullo de 2011. A Concellería de Casco Histórico e Patrimonio, vén de convocar a novena fase de concesión de subvencións á rehabilitación de vivendas situadas na Área de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia. O número de intervencións subvencionables ascende a vintedúas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia. O mesmo tamén se publicará en dous xornais dos de máis implantación na comarca.

O órgano instrutor do procedemento de subvencións será o Concelleiro delegado da área do Plan Especial e de Patrimonio, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a cumplimentación dos expedientes; existindo a maiores a Comisión de Valoración que se encargará de avaliar as distintas solicitudes, e que estará composta polo interventora municipal, a arquitecta da Oficina de Rehabilitación, o concelleiro delegado da área e o alcalde.

A achega económica que aportan as distintas administracións ascende a un total de 479.160,00 euros.

Para a rehabilitación de edificios e vivendas as achegas son as seguintes:

Ministerio de Fomento, 145.200,00 euros

Instituto Galego de Vivenda e Solo: 72.600,00 euros

Para a rehabilitación de espazos públicos:

Ministerio de Fomento: 43.560,00 euros

Instituto Galego de Vivenda e Solo: 21.780,00 euros

Concello de Noia: 79.860,00 euros

Para o mantemento da Oficina de Rehabilitación:

Ministerio de Fomento: 21.780,00 euros

Concello de Noia: 21.780,00 euros

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Festa da Dorna: sorpresas na decoración de Fanequeiras deste ano

  • O xurado comeza a puntuar dende este mércores 20 de xullo
Media_httpfarm4static_yrknw

 
Ribeira, 18 de xullo de 2011. Muxo Beti e Ratos da Illa, peñas organizadoras da “Decorasión de Fanequeiras”, informan que, a partires desta fin de semana, as peñas interesadas en participar na decorasión de fanqueiras xa poden inscribirse en Pepe´s  ou no Bar Capri.
 
Muxo Beti e Ratos da Illa animan a todas as peñas a participar nesta edición da “Decorasión de Fanequeiras” que, ao igual que en edicións anteriores, trae novas sorpresas para as peñas participantes.
 
Nos últimos anos a “Decorasión de Fanequeiras” foi protagonista en varios programas e medios de comunicación ( Bricomanía, TVG, etc.) e repartiu divertidos premios entre as peñas vencedoras. Para esta edición, as peñas organizadoras están a preparar novas sorpresas das que se dará conta nos próximos días.
 
Asimismo, informan de que o xurado encargado de visitar as fanequeiras comezará o seu percorrido polas mesmas o mércores 20 de xullo ás 17.00h.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: Xuventudes Socialistas pídelle paso ao PSdeG e un "cambio de rumbo” para conectar coa sociedade galega

Proposta de resolución XSG.doc Download this file

Media_httpwwwxuventud_twjdm

Imaxe dunha campaña de Xuventudes Socialistas para pedir o voto nunhas eleccións pasadas


•    As XSG tamén aprobaron unha proposta para rebaixar a idade ós 16 anos e defenderana na Conferencia política do PSOE

•    Propoñen tamén unha reforma electoral que aproxime os representantes ós representados, polo que os mozos e mozas socialistas, propuxeron a baixada da barreira de representatividade do 5% para o acceso ó Congreso dos Deputados, Parlamentos Autonómicos e Corporacións locais ademais de esixir a prohibición de que os imputados figuren nas listas electorais do PSOE.

Santiago, 18 de Xullo de 2011. As XSG veñen de celebrar o  seu comité nacional este sábado pasado, no que aprobaron unha proposta de resolución mediante a que esixen ó PSdeG-PSOE un cambio de rumbo real.

Durante a celebración do Comité Nacional, debatiron máis dun centenar de enmendas ó documento político de propostas xóvenes que se debatirá ó longo do mes de setembro a nivel federal e mediante as que instan a que se acometa unha reforma real dos procesos de participación democrática da sociedade nas tomas de decisión. Neste senso, a organización xuvenil socialista vén de aprobar unha proposta de rebaixa da maioría de idade ós 16 anos, ou a prohibición de que os imputados formen parte das listas electorais do PSOE.

Ademais das enmendas, as XSG aprobaron unha proposta de resolución a través da que instan ó PSdeG-PSOE a materializar un cambio de rumbo que garanta unha completa renovación de modelo de partido que cada día esta máis alonxado da sociedade galega.

As XSG entenden que é imprescindible que os partidos melloren as súas canles de participación tal e como demandaron os movementos sociais do 15-M, e para iso tamén é fundamental  unha reforma electoral que aproxime os representantes ós representados, polo que os mozos e mozas socialistas, propuxeron a baixada la barreira de representatividade do 5% para o acceso ó Congreso dos Deputados, Parlamentos Autonómicos e Corporacións locais.

A través da proposta de resolución esixen ó PSdeG-PSOE:

-A apertura dun proceso de debate ideolóxico e organizativo que permita ao socialismo galego facer unha completa renovación de modelo de partido que cada día esta máis alonxada da sociedade galega.

-A Convocatoria dunha conferencia política en setembro que facilite o debate e a participación social dos cidadáns de esquerdas e progresistas e permita que a cidadanía sexa protagonista activa na elaboración do programa electoral socialista

-A apertura de canais de comunicación coa nosa sociedade que permita facer máis cercanas as estructuras dos pertidos ás demandas sociais.

-Un fortalecementos dos canais de participación e debate da nosa militancia que lle permitan facer efectivo participar nas tomas de decisions do PSdeG-PSOE

Os mozos e mozas socialistas aprobaron tamén unha resolución na que denuncian a grave situación do ensino galego gracias á privatización que o goberno Feijóo está a facer do mesmo e que se traduce nunha merma da calidade do sistema educativo público galego.

Pode que tamén lle interese:


En Noia:
o 22 e 23 de xullo, en Noia, "Mételle un gol a Feijóo"


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o autobús turístico comeza os seus roteiros este venres 22 de xullo, de modo experimental durante un mes

  • Estará  en servizo de mércores a domingo e haberá dúas rutas distintas, só ata o 21 de agosto. Só será gratuíto para menores de 10 anos
  • Polo de agora será experimental e agárdase complementalo no futuro cunha ruta marítima pola Ría de Arousa

Ribeira, 18 de xullo de 2011.- “Ribeira, de todo para todos” será o eslogan do primeiro autobús turístico que se vai poder ver na contorna e que comeza a súa andadura este  venres 22 de xullo. Así o anunciou o concelleiro ribeirense de Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes, Anxo Orellán.

Anxo Orellán destacou o carácter novidoso da iniciativa e tamén o seu carácter experimental, pois o goberno local traballa co obxectivo de que sirva de base para que en próximas edicións se poida ampliar o servizo e mesmo complementalo cunha ruta marítima coa que poder visitar os fermosos lugares e a gran riqueza con que conta a ría de Arousa. Coa posta en marcha do autocar preténdese ofrecer a visitantes e veciños a posibilidade de visitar algúns dos lugares con máis encanto e atractivo turístico do municipio. 

O vehículo funcionará  por un período dun mes, de mércores a domingo, en horario de 10 a 14 horas, tendo como punto de partida e regreso a estación de autobuses de Santa Uxía. Haberá dúas rutas que se irán alternando cada día e que se encargou de debullar a técnica Sandra Fernández. 

Itinerarios


Un primeiro itinerario visitará o miradoiro da Pedra da Rá, o parque periurbano de San Roque e o seu Centro de Interpretación Arqueolóxica, o Museo Etnográfico de Artes, o Dolmen de Axeitos, o miradoiro da Curota e o porto de Palmeira. 

A segunda ruta pasará polo Carreiro de Aguiño, a Casa da Costa / CIELGA (centro de interpretación do parque dunar), a Gran Duna, o Faro de Corrubedo, o porto de Corrubedo e a ermida e miradoiro de San Alberte. 

Non será un servizo gratuíto total, como se anunciara

Para que os usuarios teñan unha información o máis ampla posible, un guía vaise ocupar de explicar as peculiaridades de cada lugar.  O servizo terá  un custo de 3 euros salvo para os rapaces menores de 10 anos, que viaxarán gratuitamente. As entradas estarán á venta na oficina de turismo do Malecón, que conta cun horario ininterrompido de 9 da mañá a 9 da noite e que está pechada os luns. 

Durante a viaxe, e coa intención de facer máis levadeiros os traslados entre os diferentes lugares, os usuarios poderán ver diferentes vídeos sobre o concello. Entre eles, un vídeo sobre a lonxa ou unha fermosa curtametraxe elaborada polo Departamento de Turismo e aínda non estreada na que se amosarán os lugares máis representativos do concello a través do tempo.

Antes, en Certo:


Turismo: bus gratuito para coñecer o municipio


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical