1.3.13

Educación: a Asemblea en Defensa do Ensino Público acorda celebrar "Os Venres Verdes" contra os recortes

  • Tamén amosou a súa preocupación por unha posible privatización das cafeterías dos centros escolares

Foto da CIG. Os "Venres verdes" consistirán en ir coa camisola desta cor e con lemas contra os recortes e desmantelamento do ensino público de Vázquez e Wert

Ribeira, 1 de marzo de 2013. Na xuntanza de onte, xoves 28 de febreiro, levada a cabo no CEIP O Grupo de Ribeira, tratáronse os seguintes temas:

  1. Valorouse a campaña de recollida de sinaturas contra a LOMCE moi positivamente por tod@s @s presentes. Recolléronse máis de 6000 sinaturas e aínda seguen chegando máis.
  2. Incídese na información ás familias sobre os recortes e a nova lei educativa. Lémbrase que tamén hai prevista unha campaña informativa sobre da LOMCE da Confapa. Falan de facer unha xuntanza informativa en Ribeira posiblemente en marzo/abril.
  3. Propoñen "Os venres verdes" para realizar todos os venres actuacións simultáneas reivindicativas: ir ao centro coa camiseta da Asemblea. Proponse comezar o 2º venres de abril, día 12. 
  4. Fálase das cartas que a Consellería enviou aos centros solicitando información sobre as cafeterías. Pensan que se pode estar argallando algún tipo de privatización por parte da Xunta e considérano moi prexudicial para os centros, tanto polos ingresos que supoñen, o bo traballo que levan a cabo como polos postos de traballo ameazados. A falla de máis información proponse que se contacte cos centros para ver posibilidades de actuacións conxuntas de forza (tratar en claustro, levar ao consello escolar...) ante o que, consideran, sería un grave prexuízo para os centros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Concello organiza unha serie de actos polo Día da Muller

CARTEL PRESENTACIÓN DODRO.pdf Download this file

  • O acto principal será a presentación dun protocolo municipal contra a violencia de xénero, que vai ser presentado o martes 5 de marzo no Concello

Dodro, 1 de marzo de 2013. O Concello de Dodro, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, comprometido coa Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, pon en marcha unha serie de actos en conmemoración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de Marzo. Entre eles, destaca a presentación do Protocolo Municipal Contra a Violencia de Xénero., que é un documento para usar como ferramenta de actuación dende a que aunar esforzos, coa fin de proporcionar unha resposta axeitada e eficaz ante os casos de maltrato; mediante a creación dun sistema global de prevención e protección das mulleres vítimas da Violencia de Xénero.

"Comprometidos coa realidade inmediata, a concellería viu a necesidade de crear unha serie de pautas eficaces dirixidas a coordinar os diferentes departamentos que deben intervir ante unha situación de Violencia Machista", sinala Marisol Boga, concelleira responsable de Servizos Sociais e tenente de alcalde.

Tal e como se establece nun primeiro díptico divulgativo elaborado para dar a coñecer  o propio protocolo; “A Violencia de Xénero non é un asunto privado do ámbito familiar, nin tampouco unha problemática do sexo feminino. Este tipo de Violencia supón a violación expresa dos Dereitos Humanos, e atinxe contra a dignidade de toda a sociedade. Polo que a súa erradicación supón un compromiso institucional de primeira orde”.

Baixo esta premisa, unha comisión de traballo multidisciplinar, formado polos/as profesionais que, dende as súas disciplinas poden ser testemuñas directas ou indirectas dos problemas relacionados coa violencia machista; estiveron a traballar conxuntamente coa fin de establecer un protocolo integral de actuación ante os casos de violencia exercida por razóns de sexo.

As reunións de traballo foron levadas a cabo no Salón de Plenos do Concello de Dodro, contando coa participación do persoal de Servizos Sociais, persoal de sanidade Pública do Concello, de corpos e forzas de seguridade cidadá e do estado, protección civil e emerxencias, administración de Xustiza e persoal dos centros educativos do concello.

Durante os primeiros encontros o equipo foi asesorado por unha avogada  coa finalidade de centrar o tema e clarexar o procedemento xurídico ante este tipo de problemática. O intercambio de opinións e o debate, así como a revisión de distintos materiais, serviu para dar os primeiros pasos en canto ao borrador de dito documento. Un documento que despois de meses de traballo e revisión constante, e de contar coa implicación de todos os axentes sociais mencionados/as, será presentado o martes 5 de marzo as 12:00 da mañá no Salón de Plenos, co que se dá comezo aos actos do Día Internacional da Muller.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: Compromiso por Galicia pide saber a que prezo se porá unha escola infantil en Esteiro


A Galiña Azul de Dodro

Muros, 1 de marzo de 2013. No terceiro punto do pleno que tivo lugar onte en Muros debatiuse e votouse unha proposta de alcaldía coas seguintes cuestións que a Xunta de
Galicia lle esixe ao concello de Muros para asinar un convenio para a construción da Escola Infantil en Esteiro:

  1. Compromiso de posta a disposición dos terreos (algo que xa está feito con anterioridade)
  2. Compromiso de aportación do 40% do financiamento (410.000 €)
  3. Compromiso de asumir os gastos de funcionamento unha vez construída
Compromiso por Galicia-Muros sinalou hoxe en nota de prensa que considera "abusivas estas esixencias do PP para un concello que manexa un orzamento darredor de seis millóns e medio de euros.  Aínda así, os concelleiros  de Compromiso por Galicia consideramos necesaria e moi importante a construción desta Escola Infantil, daí que aseguráramos a aprobación da proposta da alcaldía coa nosa abstención ao quedar desta maneira o grupo de goberno en maioría".

Para votar a favor, explican estes edís nacionalistas, "consideramos imprescindible ter a seguinte información que a alcaldesa se negou a darnos nun novo exercicio de total falta de transparencia na súa xestión:

  1. Saber se hai un informe de intervención que diga se o concello pode asumir estes gastos e como vai facer frente a eles, se nunha anualidade ou en varias.
  2. Ver a proposta de convenio que a Xunta de Galicia lle fai ao concello de Muros e na que parece ser se reflicten estas condicións para o concello
  3. Saber de que outras partidas se vai sacar esta enorme cantidade de cartos, pois no orzamento 2013 non hai nada incluído para a Escola Infantil
  4. Saber se hai feita polo concello ou pola Xunta unha previsión de canto van ser eses gastos de funcionamento que vai ter que soportar o concello

"Esperando que o grupo do goberno si teña esta información, decidimos deixar a aprobación nas súas mans", conclúen dende Compromiso por Galicia de Muros.

María Xosé Alfonso Torres

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: acondicionan o parque do Centenario e aumentan en 16 as prazas de zona azul gratuíta no Malecón

  • No Centenario vaise instalar un parque para cans, pista de skate e para bicicletas BMX
  • As prazas novas de zona azul comezarán a funcionar o luns 4 de marzo e non se sancionará as dúas primeiras semanas

Maquinaria traballando xa no Parque do Centenario

Ribeira, 1 de marzo de 2013. O Concello, confiando na chegada do bo tempo, retoma os traballos dirixidos á posta en valor do entorno da praza do Centenario a través da habilitación de determinados servizos conducentes á mellora da calidade de vida dos cidadáns. Así, operarios están procedendo nestes momentos ao acondicionamento do terreo situado en fronte da sede da Policía Local para instalar alí un parque canino e unha área para a práctica de BMX (bicicleta acrobática), que se sumarán á pista de skate colocada o pasado mes de decembro. Estes traballos previos inclúen a canalización de pluviais para evitar posibles asolagamentos na zona obxecto de actuación.

A continuación instalarase un parque canino que ocupará unha superficie próxima aos 600 metros cadrados e contará con zonas de paseo, zonas para a recollida de feces e zonas de xogo para mascotas nas que haberá picas para slalom, roda, valas de salto, escaleira ou balancín, entre outros elementos. Ademais, a pista de BMX terá unha superficie duns 150 metros cadrados e foi deseñada en colaboración con especialistas na materia. O seu trazado contará con bloques de formigón, tubos ou outros elementos en madeira.

Skate

En canto á pista de skate, ten unhas dimensións de 25x11 metros e consta dos elementos necesarios para o disfrute dos skaters: un módulo bank, un módulo quarter e un módulo integrado con dobre rampa, rail e planter dobre. Aínda está pendente a instalación dunha grada e os paneis informativos correspondentes.

16 prazas máis de zona azul no Paseo do Malecón

 O Concello informou tamén da ampliación da zona azul gratuíta no paseo do Malecón. O Goberno Municipal decidiu adoptar esta medida tras constatar a eficacia que, á hora de dar fluidez ao tráfico e facilitar o estacionamento nun dos puntos máis céntricos e transitados da cidade, rexistrou a zona azul creada hai xustamente un ano no tramo comprendido entre o cruce do Malecón con Rosalía de Castro en dirección á praza da Concordia (concretamente, ata o portal número 32).

Nova zona de carga e descarga

O novo tramo habilitado estenderase dende o citado cruce en dirección ao palco de pedra, sempre pola liña de edificacións que integran a fachada marítima. Comprenderá 23 prazas, ademais de dúas para minusválidos e unha nova zona de carga e descarga preto do cruce con Rosalía de Castro, que se suma á xa existente nas inmediacións do palco de pedra (esta acurtarase un chisco).

Os operarios xa comezaron co correspondente pintado e está previsto que o novo tramo de zona azul comece a funcionar o vindeiro luns. Non obstante, durante un prazo de dúas semanas non se sancionará aos infractores a fin de deixar marxe de tempo suficiente para que os condutores se habitúen e se conciencien da novidade.

A mecánica de funcionamento será semellante a das outras partes da cidade con zona azul (entorno do Auditorio e rúa Mariño de Rivera). É dicir, os condutores non terán que pagar por aparcar os seus vehículos, pero disporán dun tempo máximo de estacionamento dunha hora e media ininterrompida. A zona azul funciona en días laborais, de luns a venres de 9 a 14 e de 16 a 20 horas e os sábados de 9 a 14. Por outra parte, cabe lembrar que o Concello está  estudando a posible habilitación nalgúns puntos de prazas express (de uso temporal moi reducido), dentro da súa intención de contribuír á dinamización do comercio local con especial fincapé ao das rúas peonís.

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a vila sairá de novo á rúa o xoves 7 de marzo para reivindicar nunha manifestación a permanencia do Grumir

Grumir_noia


Ademais das manifestacións, en Noia aproveitouse o Entroido para defender este servizo do Grumir

Noia, 1 de marzo de 2013. Segundo se indica na páxina de Facebook feita para reivindicar o Grupo de Emerxencias (Grumir) da localidade, en http://www.facebook.com/NonOPecheDoGrumirDeNoia, o vindeiro xoves, día 7 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar outra manifestación diante do Concello de Noia "para reivindicar o noso dereito a non quedar desprotexido ante unha emerxencia, a que o Grumir siga funcionando en Noia, Lousame, Serra de Outes... Que vai ser da inversión en infraestrutura, cunha base de reciente construción, material e demáis? QUEREMOS O GRUMIR ONDE ESTÁ E O SEÑOR RUEDA DUNHA FORMA OU OUTRA TERANOS QUE OÍR".

Pode que tamén lle interese:









Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Día da Muller terá como acto central a homenaxe á centenaria Alianza Saíñas o vindeiro xoves 7 de marzo

Maceiras

A Pobra do Caramiñal, 1 de marzo de 2013. A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo onte un encontro de traballo co alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, para estreitar a colaboración entre ambas administracións na organización dos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller que se levarán a cabo no municipio o 7 de marzo.

Maceiras aproveitou o encontro para trasladarlle a Do Campo a invitación á homenaxe que lle renderá o concello á veciña da vila Alianza Saíñas Ríos, coincidindo co seu 100 aniversario. A máxima representante do Goberno galego na provincia agradeceu o ofrecemento e trasladoulle ao rexedor a súa vontade de participar no acto, no que tamén terá lugar a lectura dun manifesto a favor da muller traballadora.

No encontro, Do Campo e o primeiro edil analizaron outras iniciativas que realizarán nos vindeiros días as distintas entidades do municipio vinculadas á igualdade. Neste senso, a delegada destacou o compromiso da Xunta de Galicia de apoiar estas propostas, así como as do concello, a través dos distintos departamentos autonómicos, como a Secretaría Xeral para o Deporte ou a de Política Lingüística, establecendo unha estratexia de acción transversal e coordinada que sume todos os esforzos e vontades.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o colexio "Brea Segade" de Taragoña participa e recupera historia local no Salón do Libro de Pontevedra

  • Levan a maqueta a antiga Motora dos Cambeses, embarcación que comunicou Rianxo con Vilagarcía entre 1964 e 1989
  • O Salón do Libro celébrase dende este sábado 2 ata o sábado 23 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra

A maqueta da Motora dos Cambeses que estará en Pontevedra

Rianxo, 1 de marzo de 2013. O CEP Xose Mª Brea Segade de Taragoña participa como centro convidado no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se desenvolverá entre o 2 e o 23 de marzo no Pazo da Cultura. O equipo de biblioteca coordinou a participación do profesorado e alumnado de catro aulas do centro. O lema desta XIV edición do Salón é "A toda máquina" e o Brea Segade decidiu participar na exposición de traballos de centros escolares cunha maqueta que reproduce a antiga motora dos Cambeses, que comunicou por mar a Rianxo e Vilagarcía entre 1964 e 1989. Na motora van seis "libros-pasaxeiros",  elaborados polo alumnado en banda deseñada, que contan a historia da motora, os seus aspectos técnicos, anécdotas dos veciños e veciñas de Rianxo que viaxaron nela e unha aventura imaxinaria coa motora e os nenos/as do colexio como protagonistas. Trátase  dun traballo de investigación e de creación que partiu da recollida de información e lembranzas das familias do alumnado e do dono e patrón da motora, Joaquín Cambeses Calvo. Na fase de creación foi preciso reelaborar e organizar toda a información recollida para transmitila en formato de cómic.

Media_httpfarm9static_ofcdp

Alumnado e profesorado do "Brea Segade" unidos para esta acción de recuperación da memoria local rianxeira

"A banda deseñada é o tema da campaña de biblioteca deste curso, coa que se pretende achegar a noso alumnado ao mundo do cómic tanto clásico como actual e potenciar a súa lectura e a súa creación. Desde a Biblioteca Brea Segade queremos destacar a importancia de manter viva e poñer en valor a historia da comunidade á que pertence o noso alumnado, de contar coa colaboración das familias e os veciños como informantes e de promover que os nenos e nenas se convirtan en creadores, non meros receptores, de coñecemento", explican dende o colexio.


Familias do CEP Brea Segade viaxarán ao Salón do Libro mañá, sábado 2, día da inauguración, nunha visita organizada pola ANPA, e boa parte do alumnado que participou na experiencia se desprazará a Pontevedra o luns día 4 nunha visita escolar.

O Salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ofrece un variado programa de actividadades de animación á lectura aberto á participación de escolares e familias e constitue unha cita anual ineludible para todos os interesados no mundo da lectura e a literatura infantil e xuvenil.

No blogue da biblioteca do colexio hai varias entradas sobre a participación do "Brea Segade" no Salón:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a mostra itinerante "Rosalía Ilustrada" chega á casa da cultura o luns 4 de marzo

  • A inauguración na casa da cultura "Antón Avilés de Taramancos" está prevista ás 19:00. Entrada libre
  • Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro, será a presentadora do acto
  • Haberá un breve recital poético coas voces das alumnas e dos alumnos do "Virxe do Mar", un dos institutos da vila
  • Organiza a Fundación Rosalía de Castro e a directiva do IES "Virxe do Mar". Colabora a Concellería de Cultura noiesa


Rosalía Ilustrada en Ponteceso hai un ano (Que pasa na Costa)

Pode que tamén lle interese:






 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.2.13

Rianxo: buscan "xente interesante" para unha serie de fotos e entrevistas a persoeiros locais

  • O proxecto, a cargo dos fotógrafos Xoán Antón Castro (Txorima) e Óscar Reboiras (blog Fotos de Rianxo), denomínase "Ruando Rianxo" e conta coa colaboración do Concello
  • Buscan entrevistar a xente de todas as parroquias, que sexan "a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros"


Foto de Radio Rianxo de Óscar Reboiras


A rianxeira a contralus, de Xoán Antón Castro

Rianxo, 28 de febreiro de 2013. Óscar Reboiras, blogueiro de "Fotos de Rianxo" e un vello flickeiro, Xoán Antón Castro Barreiro, Txorima, están a argallar "Ruando Rianxo", un proxecto "no que queremos fotografar e entrevistar a xente de todas as parroquias, coma vós e coma nós. Moitas veces temos pequenas grandes historias ao noso lado, na casa do veciño e pásannos totalmente desapercibidas. Por iso lle queremos poñer rostro aos traballadores do mar, aos artistas, ao agro, á hostalería, á música… que vive e medra en Rianxo", segundo explican en Fotos de Rianxo.

A súa idea foi "moi ben acollida" pola área de Cultura do Concello de Rianxo, da que teñen patrocinio e reserva de auditorio para finais deste 2013. Por iso buscan a colaboración de todos os rianxeiros para que lles suxiran persoeiros interesantes "que sexan a voz e o sentir de moitos outros rianxeiros" para que "cando se realice a mostra no Auditorio saibades que de seguro tedes un veciño, un amigo ou un familiar alí retratado e que descubrades, ao igual que Xoán Antón e máis eu, a outros rianxeiros cos que de seguro vos cruzastes moitas outras veces sen saber a súa historia".

E rematan cos datos de contacto e unha invitación a colaborar, "porque Rianxo é un concello rico en persoas, en historias e en vivencias. E nós queremos plasmar parte desa riqueza. De feito, se coñecedes alguén interesante (e vivo) na vosa parroquia, podedes contactar con calquera de nós para valorar a súa inclusión na exposición":

Xoán Antón Castro: a.rosagz@gmail.com

Óscar Reboiras: oscar.reboiras@gmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres, 1 de marzo, inaugúrase a mostra de fotos "O latexo das prazas"


Máis info sobre esta mostra na Peneira Dixital, de onde se tomou a imaxe
  • Promove o Concello de Pontevedra
  • Son imaxes das prazas de Pontevedra tomadas por fotoxornalistas
  • A inauguración é ás 12 do medio día no auditorio
  • Estará o alcalde, Adolfo Muíños, e Carlota Román, concelleira de Turismo de Pontevedra

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical