1.3.13

Ribeira: acondicionan o parque do Centenario e aumentan en 16 as prazas de zona azul gratuíta no Malecón

  • No Centenario vaise instalar un parque para cans, pista de skate e para bicicletas BMX
  • As prazas novas de zona azul comezarán a funcionar o luns 4 de marzo e non se sancionará as dúas primeiras semanas

Maquinaria traballando xa no Parque do Centenario

Ribeira, 1 de marzo de 2013. O Concello, confiando na chegada do bo tempo, retoma os traballos dirixidos á posta en valor do entorno da praza do Centenario a través da habilitación de determinados servizos conducentes á mellora da calidade de vida dos cidadáns. Así, operarios están procedendo nestes momentos ao acondicionamento do terreo situado en fronte da sede da Policía Local para instalar alí un parque canino e unha área para a práctica de BMX (bicicleta acrobática), que se sumarán á pista de skate colocada o pasado mes de decembro. Estes traballos previos inclúen a canalización de pluviais para evitar posibles asolagamentos na zona obxecto de actuación.

A continuación instalarase un parque canino que ocupará unha superficie próxima aos 600 metros cadrados e contará con zonas de paseo, zonas para a recollida de feces e zonas de xogo para mascotas nas que haberá picas para slalom, roda, valas de salto, escaleira ou balancín, entre outros elementos. Ademais, a pista de BMX terá unha superficie duns 150 metros cadrados e foi deseñada en colaboración con especialistas na materia. O seu trazado contará con bloques de formigón, tubos ou outros elementos en madeira.

Skate

En canto á pista de skate, ten unhas dimensións de 25x11 metros e consta dos elementos necesarios para o disfrute dos skaters: un módulo bank, un módulo quarter e un módulo integrado con dobre rampa, rail e planter dobre. Aínda está pendente a instalación dunha grada e os paneis informativos correspondentes.

16 prazas máis de zona azul no Paseo do Malecón

 O Concello informou tamén da ampliación da zona azul gratuíta no paseo do Malecón. O Goberno Municipal decidiu adoptar esta medida tras constatar a eficacia que, á hora de dar fluidez ao tráfico e facilitar o estacionamento nun dos puntos máis céntricos e transitados da cidade, rexistrou a zona azul creada hai xustamente un ano no tramo comprendido entre o cruce do Malecón con Rosalía de Castro en dirección á praza da Concordia (concretamente, ata o portal número 32).

Nova zona de carga e descarga

O novo tramo habilitado estenderase dende o citado cruce en dirección ao palco de pedra, sempre pola liña de edificacións que integran a fachada marítima. Comprenderá 23 prazas, ademais de dúas para minusválidos e unha nova zona de carga e descarga preto do cruce con Rosalía de Castro, que se suma á xa existente nas inmediacións do palco de pedra (esta acurtarase un chisco).

Os operarios xa comezaron co correspondente pintado e está previsto que o novo tramo de zona azul comece a funcionar o vindeiro luns. Non obstante, durante un prazo de dúas semanas non se sancionará aos infractores a fin de deixar marxe de tempo suficiente para que os condutores se habitúen e se conciencien da novidade.

A mecánica de funcionamento será semellante a das outras partes da cidade con zona azul (entorno do Auditorio e rúa Mariño de Rivera). É dicir, os condutores non terán que pagar por aparcar os seus vehículos, pero disporán dun tempo máximo de estacionamento dunha hora e media ininterrompida. A zona azul funciona en días laborais, de luns a venres de 9 a 14 e de 16 a 20 horas e os sábados de 9 a 14. Por outra parte, cabe lembrar que o Concello está  estudando a posible habilitación nalgúns puntos de prazas express (de uso temporal moi reducido), dentro da súa intención de contribuír á dinamización do comercio local con especial fincapé ao das rúas peonís.

Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical