- O acto principal será a presentación dun protocolo municipal contra a violencia de xénero, que vai ser presentado o martes 5 de marzo no Concello
Dodro, 1 de marzo de 2013. O Concello de Dodro, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, comprometido coa Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, pon en marcha unha serie de actos en conmemoración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de Marzo. Entre eles, destaca a presentación do Protocolo Municipal Contra a Violencia de Xénero., que é un documento para usar como ferramenta de actuación dende a que aunar esforzos, coa fin de proporcionar unha resposta axeitada e eficaz ante os casos de maltrato; mediante a creación dun sistema global de prevención e protección das mulleres vítimas da Violencia de Xénero.
"Comprometidos coa realidade inmediata, a concellería viu a necesidade de crear unha serie de pautas eficaces dirixidas a coordinar os diferentes departamentos que deben intervir ante unha situación de Violencia Machista", sinala Marisol Boga, concelleira responsable de Servizos Sociais e tenente de alcalde.
Tal e como se establece nun primeiro díptico divulgativo elaborado para dar a coñecer o propio protocolo; “A Violencia de Xénero non é un asunto privado do ámbito familiar, nin tampouco unha problemática do sexo feminino. Este tipo de Violencia supón a violación expresa dos Dereitos Humanos, e atinxe contra a dignidade de toda a sociedade. Polo que a súa erradicación supón un compromiso institucional de primeira orde”.
Baixo esta premisa, unha comisión de traballo multidisciplinar, formado polos/as profesionais que, dende as súas disciplinas poden ser testemuñas directas ou indirectas dos problemas relacionados coa violencia machista; estiveron a traballar conxuntamente coa fin de establecer un protocolo integral de actuación ante os casos de violencia exercida por razóns de sexo.
As reunións de traballo foron levadas a cabo no Salón de Plenos do Concello de Dodro, contando coa participación do persoal de Servizos Sociais, persoal de sanidade Pública do Concello, de corpos e forzas de seguridade cidadá e do estado, protección civil e emerxencias, administración de Xustiza e persoal dos centros educativos do concello.
Durante os primeiros encontros o equipo foi asesorado por unha avogada coa finalidade de centrar o tema e clarexar o procedemento xurídico ante este tipo de problemática. O intercambio de opinións e o debate, así como a revisión de distintos materiais, serviu para dar os primeiros pasos en canto ao borrador de dito documento. Un documento que despois de meses de traballo e revisión constante, e de contar coa implicación de todos os axentes sociais mencionados/as, será presentado o martes 5 de marzo as 12:00 da mañá no Salón de Plenos, co que se dá comezo aos actos do Día Internacional da Muller.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario