2.6.11

Tráfico: cortes por obras dende o luns 6 de xuño ao venres 8 de xullo na AG-56 (Santiago-Noia)


  • Medio Ambiente realizará cortes puntuais de carrís na AG-56 (Santiago- Brión) ata o 8 de xullo para executar melloras nos muros verdes do enlace de Bertamiráns Norte
  • A Xunta de Galicia lembra que durante o tempo en que estean pechados ao tráfico os carrís, manteranse informados aos usuarios mediante os correspondentes paneis de mensaxería variable
  • Os traballos de bulonado comezarán o luns e prevese a súa finalización para o venres 8 de xullo
  • Os traballos de impermeabilización de berma comezarán o luns 20 de xuño e prevese a súa finalización para o venres 24 de xuño
Media_httpfarm4static_bohez

Noia, 02 de xuño de 2011.- Se son dos que frecuentan a autovía AG-56 porque viaxan a miúdo a Santiago, teñan en conta que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informa de que fará cortes de carril para a execución de melloras nos muros verdes do enlace de Bertamiráns norte. Os cortes proxectados levaranse a cabo dende o luns vindeiro (6 de xuño) ata o venres 8 de xullo.

Os traballos de bulonado comezarán o luns e prevese a súa finalización para o venres 8 de xullo. Para a súa execución é necesario realizar un corte do carril dereito da calzada dereita da autovía, entre os pk 7+400 e 7+800. O carril permanecerá pechado entre as 8:30 horas da mañá e as 19:30 da tarde dos días laborables dende o luns ata o 8 de xullo.

Os traballos de impermeabilización de berma comezarán o luns 20 de xuño e prevese a súa finalización para o venres 24 de xuño. Para executar estes traballos é preciso realizar un corte do carril dereito da calzada esquerda da autovía, entre os pk 7+800 e 7+400. O carril permanecerá pechado entre as 8:30 da mañá e as 19:30 da tarde dos días laborables dende o 20 ata o 24 de xuño.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lembra que durante o tempo en que estean pechados ao tráfico os carrís, manterase informados aos usuarios mediante os correspondentes paneis de mensaxería variable situados na AG-56.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: requisados aparellos e identificados furtivos nunha nova operación contra esquilmadores sen licencia

  • Os gardacostas incautaron 436 aparellos e máis de 1.000 quilos de diversas especies nos últimos días nas rías de Arousa e Pontevedra.
  • A Consellería do Mar intensificou as accións de vixilancia coa Policía Autonómica para evitar a captura da centola antes do inicio da campaña, que comezou onte, e para controlar as especies en veda como nécora e lumbrigante

Arousa Norte, 2 de xuño de 2011.- A Consellería do Mar desenvolveu, en colaboración coa Unidade Adscrita á Xunta de Galicia do Corpo Nacional de Policía, 6 operativos conxuntos nos últimos días nas Rías de Pontevedra e Arousa, que deron como resultado a incautación de 436 útiles e 1.035 quilos de diversas especies, sobre todo nécora, centola e lumbrigante, 3 especies en período de veda. Ademais o Servizo de Gardacostas desenvolveu dous controis de mergullo en previsión dun repunte da extracción ilegal de centola antes do inicio da campaña, para evitar que fose extraída estes días e saír ao mercado como se fose capturada en período legal. As actuacións realizáronse na ría de Pontevedra por ser a zona onde máis se dá este crustáceo.

Na Ría de Arousa incautáronse 175 útiles e houbo o comiso de 581 quilos de diferentes peixes e mariscos. Por unha banda no Porto do Xufre e San Xulián, os inspectores fixéronse con 75 quilos de ameixa, 47 quilos de ostra, 197 quilos de nécora ovada, 27 quilos de relo, 40 quilos de vieira e 33 de lumbrigante ovado. Todas as especies foron devoltas ao mar. Ademais nesas zonas requisáronse 175 aparellos, dos que 140 eran nasas de nécora sen identificar. Por outra banda, nos pantaláns do Grove e de Vilanova de Arousa, os operativos deron como resultado o comiso de 162 quilos de diferentes especies, sobre todo de centola e nécora.

Dous traxes de neopreno e unha zódiac, confiscados

Ademais, en Rianxo e Cabo de Cruz un operativo conxunto saldouse coa incautación de dous traxes de neopreno, o comiso de 36 quilos de berberecho de talla antirregulamentaria, que foi resembrada na zona, e a identificación de dúas persoas. A maiores realizáronse dous controis de mergullo, un en Aguiño e Castiñeiras e outro na Pobra do Caramiñal e Escarabote. No primeiro identificáronse a dúas persoas e requisáronse 10 quilos de centola e 5 útiles, ente eles unha zódiac. No segundo os gardacostas aprehenderon 134 quilos de ameixa, nécora e outras especies e 67 aparellos, na súa maioría nasas de madeira e de ferro tipo nécora.

Cabe lembrar que a partir de onte, 1 de xuño, comezou a campaña da centola que se estenderá ata o 31 de agosto. Durante o período de veda desta especie, nos meses de abril e maio, os gardacostas requisaron un total de 524 quilos deste crustáceo.

Pode que tamén lle interese:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: multiplícanse as visitas de grupos escolares ao Museo Valle-Inclán

A Pobra do Caramiñal, 2 de xuño de 2011. Onte mesmo publicamos que traballadores de Fenosa e alumnos do IES local visitaran o museo adicado a Valle. Estes días, coincidindo co tramo final do curso 2010/11, son moitos os centros escolares que deciden ofertar un día diferente ós seus alumnos saíndo das aulas e achegándoos a destinos como A Pobra e este mesmiño museo. Así pasaron a xornada deste xoves un grupo de estudantes do I.E.S. Ramón Cabanillas de Cambados, conformado por 40 mozos acompañados de dous dos seus mestres. Os escolares puideron admirar lugares tan emblemáticos como a propia serra e o seu miradoiro sobre a ría arousana, o dolmen de Axeitos ou a Torre de Bermúdez na Pobra do Caramiñal, onde, unha vez máis a técnica do museo Valle-Inclán, Begoña Olveira, foi a encargada de recibilos e acompañalos no seu percorrido polas distintas dependencias da institución museística, coa fin de achegalos máis a un escritor que para eles, por ter residido en Cambados, élles xa familiar.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

1.6.11

Ribeira: o Sálvora Infantil quedou campión da SuperCopa "Concello de Riveira"

NOTA DE PRENSA CAMPEÓNS SUPERCOPA DO CONCELLO INFANTIL.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Tucho Abalo comeza a impartir un curso de escultura alternativa este sábado 4 de xuño

Escultura

Boiro, 1 de xuño de 2011.  Este sábado 4 de Xuño ás 11hh dará comezo o curso de escultura alternativa impartido polo escultor Boirense Tucho Abalo, no local da asociación Aturuxo. Todas as persoas interesadas en participar que se presenten ás 11 da mañá en Aturuxo (r/principal nº118 Boiro). Para máis informacion chamar ao: 666  278 753

   Datos do curso: 
       día de comezo: 4 de xuño
       horario: de 11hh a 13hh os sabados
       Horas minimas do curso: 10h
       Prezo: 30€

O obxectivo deste curso é o de favorecer o densenvolvemento creativo e a capacidade de elaboración dunha linguaxe escultórica alternativa, así como o de coñecer unha nova metodoloxía de traballo enmarcada na “escultura ecolóxica”. A metodoloxía terá un carácter aberto, participativo e práctico, onde se poderá experimentar e desenvolver a creatividade individual e grupal. A actividade principal será a de elaboración dunha obra escultórica propia partindo de materiais recollidos directamente do lixo que á nosa natureza sofre .
Partes do curso:
- Modelado en barro dun deseño individual realizado por cada alumno ou alumna.
- Execución do molde en escaiola.
- Recollida de lixo en rios e praias da nosa zona.
- Limpeza e transformación do material recollido.
- Positivado final e pulido.

Como actividade final realizarase unha exposición colectiva chea de música en directo onde cada participante contribuirá cunha obra de propia elaboración.

PD a data de inicio esta mal no cartaz.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: alumnos do instituto e un grupo de Fenosa visitaron o Museo Valle-Inclán

A Pobra do Caramiñal, 1 de xuño de 2011. O Museo Valle-Inclán da Pobra voltou ser destino des diversos grupos que desexan coñecer as terras e lugares directamente relacionados co eximio escritor da literatura universal que foi don Ramón María del Valle-Inclán. Varias son as solicitudes de colectivos de diversa índole as que nestes días están a chegar ata as instalacións museísticas da Torre de Bermúdez co fin de facer unha reserva e optar por unha visita guiada que lles permita coñecer máis do creador das “Comedias Bárbaras”.

     Nesta mesma semana foron alumnos do I.E.S. da Pobra do Caramiñal os que, o martes día 31 pola mañán fixeron o percorrido polas distintas salas do edificio acompañados por un dos seus mestres, e sendo guiados pola técnica do Museo Begoña Olveira, encargada de explicarlles os contidos.

     Pero non só eles escolleron este itinerario,  un grupo de traballadores relacionados coa empresa Fenosa, con motivo da celebración do día da súa patroa, decidiron incluir no programa da súa xornada de relax un paseo polo interior do Museo valleinclaniano, onde foron recibidos pola Concelleira de Cultura e Turismo, dona Encarna González Montemuíño, e posteriormente conducidos no percorrido ó longo do edificio pola técnica Begoña Olveira Sanisidro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: chegou a delegación italiana de Bari e foi recibida hoxe no Concello

Ribeira, 1 de xuño de 2011. O alcalde en funcións de Ribeira, José Luis Torres Colomer, organizou hoxe unha recepción oficial á delegación italiana que onte arribou ao municipio para participar no proxecto Comenius Regio sobre mediación educativa.  Colomer deu a benvida a esta comitiva (formada por unha vintena de membros dos municipios de Bari, Vieste, Vico do Gargano e Peschici) e salientou a importancia do proxecto educativo no que están a colaborar con Ribeira. Así mesmo, desexoulles unha feliz estancia no concello barbanzano e destacou o carácter de xente emigrante que distingue a galegos e italianos. 

Ademais do alcalde Torres Colomer; o coordinador pedagóxico do proxecto por parte de Ribeira, Olegario Sampedro, e a presidenta da Asociación Renacer, María González; estiveron na mesa o presidente do Concello Municipal de Vieste, Michelle Mascia, e o coordinador pedagóxico do proxecto por parte dos municipios transpalpinos, Giussepe d´Avoglio. Durante a súa intervención, Mascia tivo oportunidade de ler unha carta que, a modo de saúda, escribiu para a ocasión a alcaldesa de Vieste, Ersila Nobile, na que ademais de salientar a vocación integradora do europeísmo, fixo alusión ao feito de que ambos concellos, Vieste e Ribeira, están ligados intimamente ao mundo do mar: ao Adriático nun caso e ao océano Atlántico noutro. 

O alcalde recibiu tamén no nome do Concello de Bari un cadro que representa San Nicolás, patrón da cidade situada no sudeste italiano. Ao longo dos próximos días iranse incorporando novos membros á expedición italiana, entre eles o alcalde de Vico do Gargano, Luigi Damiani, quen transmitiu os seus saúdos ao alcalde por intermediación de Giussepe d´Avoglio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o sábado 4 de xuño, "A Onda", con Teatro da Falúa e o domingo, "A comedia do Gurgullo", con Pinchacarneiro Teatro

Rianxo, 1 de xuño de 2011. A fin de semana vén teatreira en Rianxo. O auditorio local acubillará dúas representacións dramáticas:

  • SÁBADO 4 DE XUÑO - 20.30 H: TEATRO DA FALÚA representando a obra teatral A Onda

          Máis información na páxina web de Teatro da Falúa.

  • DOMINGO 5 DE XUÑO - 20.30 H: PINCHACARNEIRO TEATRO coa obra A comedia do Gurgullo de Plauto na versión de Celso Parada.
           As entradas poden retirarse (máximo 2 por persoa) unha hora antes da representación.

Rianxo pinchacarneiro.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

31.5.11

Mar: este domingo, 5 de xuño, nova mobilización contra as gaiolas de salmón na ría de Muros e Noia

Media_httpfarm4static_jajfk

Muros-Noia, 31 de maio de 2011. Este vindeiro 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, a Coordenadora en defensa da ría de Muros e Noia contra o cultivo intensivo de salmón nas súas augas, integrada por máis de 40 colectivos entre confrarías, organización de produtores/as, ecoloxistas, sindicatos, etc. convoca unha manifestación en Muros baixo o lema "Coas nosas rías non se xoga".
Media_httpwwwverdegai_hcljo

O percorrido reivindicativo partirá ás doce do mediodía dende do porto de Muros e rematará tras a lectura do manifesto cunha xornada de convivio e lecer. Fan un chamado a todas as organizacións sociais sensibilizadas coa problemática do mar e do litoral para acudir a Muros este vindeiro domingo e reivindicar conxuntamente un futuro sustentábel para as nosas rías.

A polémica xa está a atraer a atención de medios nacionais:

Máis información en Galicia Confidencial

Antes, en Certo:


Gaiolas de salmón: manifestación espontánea na Ría contra elas


Gaiolas de salmón na Ría: o Bng tamén se opón no Parlamento

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o alcalde en funcións recolleu os distintivos de calidade "Q" para Carragueiros, A Retorta e Mañóns

Boiro, 31 de maio de 2011. Esta mañá, en Madrid, o actual alcalde en funcións, Xosé Deira, recolleu os distintivos "Q" que acadaron as praias de Mañóns, A Retorta e Carragueiros. O acto de entrega destas bandeiras turísticas tivo lugar na sede do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, en Madrid.

 

O Concello de Boiro manifestara, a través do Alcalde, Xosé Deira Triñanes, e da Concelleira de Turismo, Francisca Suárez Lijó, a súa satisfacción pola concesión, un ano máis, de cinco bandeiras azuis para as praias do municipio, concretamente as de Barraña, Carragueiros, Mañóns, A Retorta e Saltiño-Barraña-Esquerda. Esta enseña garante -segundo eles, pero cada vez está menos claro- non só a calidade das augas, a area e a limpeza dos areais, senón tamén outros servizos como poden ser duchas, baños ou servizos de salvamento e socorrismo.

O Concello de Boiro leva feito un importante esforzo para incrementar os servizos nas súas praias, sendo unha das actuacións máis destacables a dotación de  “puntos accesibles” para persoas discapacitadas ou con mobilidade reducida nas praias de Carragueiros, A Retorta e Mañóns, e este ano estrearán outros dous puntos na praia de Barraña; un situado en Praia Xardín (fronte ao restaurante Galeón) e outro a carón do área deportiva de Barraña.

Estes puntos contan, entre outras cousas, con aparcadoiro, duchas e aseos adaptados, unha pérgola que constitúe unha zona de sombra, así como cadeiras anfibias e muletas. O persoal de socorrismo tamén está dispoñible para axudar a estas persoas e atender as súas necesidades.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical