Os gravados descubertos representan coviñas, círculos e restos de círculos concéntricos de diferentes tamaños
É difícil establecer a cronoloxía dos mesmos, posto que non se adscriben a ningunha época prehistórica concreta
(Nota da Xunta) Santiago, 12 de outubro 2009.- A Illa de Ons, enmarcada dentro do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, presenta tres petróglifos novos que foron atopados dentro do contexto dun proxecto de prospección que está levando a cabo o Laboratorio de Patrimonio do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas).
Este proxecto baixo o nome “Estudo Arqueolóxico e Etnográfico da Paisaxe Cultural da Illas de Ons”, dirixido pola arqueóloga Paula Ballesteros, contempla unha serie de accións e actividades como traballos de campo de prospección superficial arqueolóxica e etnográfica, rexistro e estudo da arquitectura tradicional, inventario da toponimia, estudo histórico e análise territorial entre outros asuntos.
Os petróglifos atopados están situados dous deles na zona denominada Chan da Pólvora e un terceiro en A Laxe, no barrio de Caño. Estes gravados son fundamentalmente coviñas, círculos e restos de círculos concéntricos con unha coviña central de distintos tamaños e diferentes formas. Os restos visibles dos círculos atópanse moi erosionados e nalgúns casos esta erosión eliminou a metade do debuxo, polo que non se pode descartar que na súa orixe o petróglifo tivese máis figuras, hoxe irrecoñecíbeis polo seu grado de alteración.
As coviñas son os motivos máis sinxelos da arte rupestre, son motivos universais que aparecen en gravados de moitas culturas do mundo. No caso galego distribúense por tódalas áreas, pero son máis abundantes na metade sur da provincia de Pontevedra. Tódolos motivos atopados en Ons son abstractos, trátase de figuras xeométricas que, agás as coviñas, posúen espazo interno. Debido a este carácter abstracto e á súa falta de asociación con motivos figurativos, e difícil dotalos dun significado concreto.
En canto á súa adscrición cronolóxica facendo referencia os debuxos que presentan os petróglifos, é complexo establecer unha cronoloxía posto que non se adscriben a ningunha época prehistórica concreta. Nestes casos, a única maneira de datalos é por contexto arqueolóxico, podéndose vincular tanto ao Neolítico (4.500 a.C-2.500 a.C), á Idade do Bronce (2.500 a.C.- 1.000 a. C.) ou á Idade do Ferro (1.000 a. C. – século II d. C.).
Dous destes gravados aparecen sobre un soporte de xisto* cando o máis corrente é que estes motivos aparezan sobre soporte granítico, xa que practicamente a totalidade dos petróglifos da idade do Bronce están realizados en superficies graníticas. Polo tanto, o feito de atopalos en xisto* redunda na súa peculiaridade.
Outro dos aspectos a destacar é que en Galicia, a arte rupestre está moi concentrada nas Rías Baixas, nas zonas de litoral e prelitoral, polo que é salientable que foran atopados nunha illa, algo que polo de agora resulta case inédito. Non se desbota asemade que podan aparecer máis gravados rupestres, xa que o máis corrente é atopalos en conxuntos e non de maneira illada.
(*) Xisto: Nome xenérico de varios tipos de rochas metamórficas facilmente identificables por seren fortemente laminadas. Na linguaxe popular pode coñecerse tamén por "lousa".
Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia
No hay comentarios:
Publicar un comentario