18.12.09

Rianxo: o Bng avoga por un Grumir (grupo municipal de intervención rápida) estable

O BNG de Rianxo insta ao Alcalde a facer valor o acordo unánime da corporación para a creación do servizo de Grumir en Rianxo


Solicitamos que se dirixa á Consellería de Presidencia e á FEGAMP para aborde no ano que comeza a progresiva implantación dun equipo estábel de profesionais.

A moción aprobada en xullo deste ano recollía esta reivindicación. Sabemos que se están a dar os pasos desde a Consellaría e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e queremos que Rianxo non perda este servizo para o que compre tamén tomar a  decisión de dispor dun local acorde coas emerxencias  e labores que cubrirán. Neste senso a zona de servizos do parque industrial podería ser unha zona axeitada pola súa accesibilidade. Nestes momentos nos que se abreu o proceso de demanda e adxudicación das parcelas pode ser o momento de abordar o interese municipal.

Texto moción aprobada en xullo

O chamado Pacto Local asinado entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP no ano 2006, despois de anos de conversas, estabelecía a creación e financiamento do servizo de Grupos Municipais de Intervención Rápida (GRUMIR) onde non existise parque de bombeiros, neste caso Rianxo. Transcorrido o prazo que entón se estabeleceu de entrada en vigor do acordo (abril 2008) e, despois dun segundo prazo asumido polas administracións (finalizado este en abril do 2009) derivado das protestas de concellos reacios a se desprender do servizo, Rianxo non ten hoxe ningún dos dous servizos: nin parque de bombeiros (que non se reclama ao cumprir os parques comarcais este servizo) nin grumir.

É de xustiza entendemos reclamar a incorporación coa dotación orzamentaria correspondente da Xunta dos efectivos necesarios para que estas prestacións se exerzan con garantías no municipio en cumplimento do acordado polo mencionado Pacto Local. A Rianxo correspóndelles alomenos seis efectivos profesionais ampliábeis até doce, cando isto sexa posible, para manter un servizo de vinte e catro horas de garda para os veciños. A próxima execución dun polígono industrial, o paso polo municipio de quilómetros da autovía do Barbanza, aos que se engadirá o ferrocarril, a zona portuaria – con importante flota de baixura e barcos bateeiros, a ampla zona forestal próxima ás vivendas, o aumento da poboación en época estival, son argumentos en prol de termos en Rianxo ao completo esta prestación que nos corresponde, sen localismos, nin entrar a valorar a presenza ou ausencia noutros concellos da bisbarra destes profesionais.

Sometemos ao pleno de Rianxo a reclamación desta incorporación, xunto á dotación dunha nova sede máis operativa e estábel para os servizos do Grumir e a agrupación de voluntarios/as de Protección Civil agora instalados nun baixo no casco antigo, e con dificultades de acceso aos vehículos. A rapidez que se esixe de resposta diante dunha emerxencia motiva que se precise ter unha ubicación axeitada da sede, dos efectivos e dos vehículos para atendela. Zona portuaria, ou a futura zona de servizos do parque empresarial serían dúas ubicacións a estudar.

A incorporación de profesionais, unido ao mantemento da agrupación voluntaria de Protección Civil, daría orixe a un eficaz servizo de emerxencias, seguridade e protección civil axeitado para os veciños dun concello como o noso e permitiría atender tamén emerxencias de concellos próximos, de igual xeito Rianxo é atendido polos bombeiros da bisbarra. Son servizos complementarios que non se superpoñen estando as competencias ben delimitadas.

Por todo o exposto solicitamos a adopción dos seguintes

ACORDOS

 

1.      Creación dun Grumir en Rianxo coa incorporación de profesionais coa dotación orzamentaria correspondente da Xunta a través da Consellaría de Traballo para o financiamento dos efectivos necesarios para que estas prestacións se exerzan con garantías no municipio en cumprimento do acordado polo mencionado Pacto Local.

2.      Dotación dunha nova sede máis operativa e estábel para os futuros servizos do Grumir e a agrupación de voluntarios/as de Protección Civil.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical