19.1.10

Boiro: datas para arranxar os problemas e dúbidas derivados da parcelaria de Cures e outras parroquias


A parcelaria cambiará, cando remate, a paisaxe de aldeas como as de Comoxo ou Cures


Ten vostede problemas coa parcelaria que están acometendo funcionarios e técnicos da Consellería de Medio Rural en diversos lugares de Boiro? Acuda ás reunións, ou corre o risco de que pase calquera cousa. Entre as desfeitas que lle poden pasar están:

1.- Que a súa leira non estea ben catalogada (que non é o mesmo unha silveira que unha viña ou unha finca produtora de kiwis). Lamentamos comunicarlle que o Catastro deste país no que nos tocou vivir non está tan actualizado coma os mapas de Google Earth (aínda que nestes siga a poñer Rianjo ou aínda exista a malfadada VRG 1.1 ou vía rápida do Barbanza). E o Rexistro da Propiedade, ídem de lienzo, pois o noso dereito hereditario é moi complexo e o minifundismo trae aparellado non poucos crebadeiros de cachola.

2.- Que estes técnicos queiran arranxar algo que no plano queda moi bonito pero na realidade é unha atrocidade (xa nos falaron de canais para desaugar que van paralelos a ríos e regatos, co que nas invernadas e avenidas que son habituais nos vales do Coroño aquelo ía ser o Amazonas pero sen pirañas). Aínda que se leven mal entre os veciños, procuren atopar as solucións máis axeitadas. Non pensen só en vostedes, que van morrer como morreremos todos: hai fillos e netos, e a terra só a temos prestada por unha vida.

3.- En Certo informamos cada pouco sobre pedras milenarias danadas ou desaparecidas: se ten patrimonio digno de conservarse nalgunha propiedade súa, avise, ou as retroescavadoras levarano como se nunca existise!

Hai máis razóns para que acuda ás reunións e se informe ben, pero non lle queremos roubar máis tempo. Ao achegarse alí vainas descubrir, de seguro.

ALGÚNS DATOS


.- Estanse a parcelar unhas 500 hectáreas de terreo.

.- Esta parcelaria leva xa uns dez anos xestándose.

.- Hai máis de mil propietarios nestes terreos a parcelar.

.- Son case 9.000 leiras as que se están a rexuntar.

.- Ficarán reducidas a 1.500

.- Nestes momentos estanse abrindo os viais principais.

.- Teñen un mes para pedir as fincas que máis lles conveñan.

.- A resolución definitiva podería tardar ata dous anos.

Posted via email from Posterous de Certo, o xornal virtual de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical